"De confirmarse con Carbono 14 a datación dos ósos atopados, estarían entre os restos humanos máis antigos atopados en Galicia"
O equipo que dende hai dúas semanas está a realizar unha escavación arqueolóxica no lugar dos Conventos (A Pobra do Brollón) na procura primitivo mosteiro medieval atopou soterrados restos humanos, posiblemente de orixe prehistórica. O grupo, dirixido polo arqueólogo Xurxo Ayán e coa participación do Incipit-CSIC, destaca que "de confirmarse con Carbono 14 a datación dos ósos atopados, estarían entre os restos humanos máis antigos atopados en Galicia".
Cando a investigación estaba xa a piques de rematar, o equipo deu cun cranio, unha vértebra e dous fémures que "pola súa colocación e contexto arqueolóxico semellan estar soterrados nunha cista prehistórica". Os restos xa están camiño ao laboratorio BETA para a súa datación con Carbono 14. Ademais, aplicaranse outro tipo de probas que poderán dar información sobre a dieta ou mesmo sobre o seu ADN.
O equipo deu cun cranio, unha vértebra e dous fémures que "pola súa colocación e contexto arqueolóxico semellan estar soterrados nunha cista prehistórica"
O técnico de cultura do Concello da Pobra e coordinador do proxecto Adegas da Memoria, Xosé Gago, salienta a importancia deste achado: “a paisaxe da Ribeira Sacra é unha paisaxe cultural que non se pode entender nin concibir sen ter en conta ás persoas que viviron e traballaron, que viven e traballan, na zona”. E subliña a súa relevancia, precisamente neste momento en que a comarca está no proceso de ser recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
O achado, sinala, "pon no centro aos veciños que sosteñen esta paisaxe na xestión do seu patrimonio". "Dende o Concello levamos moitos meses traballando conxuntamente cos veciños. Foron eles os que nos falaron de que no lugar dos Conventos había un antigo mosteiro, a partir de aí nace todo o proxecto,” explica Gago.
Na procura dun mosteiro medieval
"Foron os veciños os que nos falaron de que no lugar dos Conventos había un antigo mosteiro, a partir de aí nace todo o proxecto"
A escavación tiña por obxectivo a procura do mosteiro de San Martiño de Piñeira, un mosteiro medieval desaparecido do que existe documentación e que a tradición oral dos veciños de Vilachá situaba nese lugar dos Conventos, entre os viñedos da Ribeira Sacra. Durante a escavación púidose constatar unha ocupación medieval do lugar con mostras de cerámica dos séculos XII ou XIII e unha moeda do reinado de Alfonso X. Por debaixo deses niveis medievais, escavado directamente na rocha apareceu o oco cos restos humanos; un depósito funerario que indica un tratamento ritual posterior do cadáver.
A escavación nos Conventos enmárcase na iniciativa Adegas da Memoria, un proxecto etnoarqueolóxico que busca dinamizar a parroquia de Vilachá de Salvadur, promovido pola Asociación veciñal de Vilachá e o Concello da Pobra do Brollón, coa colaboración do Incipit-CSIC.