Dende hai xa varios anos, o colectivo investigador Romanarmy, formado por especialistas de varias universidades europeas, afonda na presenza militar romana no noroeste da península Ibérica. Os seus traballos e achados, aproveitando modernas ferramentas tecnolóxicas, deron lugar a unha visión nova sobre un período histórico sobre o que ata agora había moitas sombras e permitiron descubrir 22 novos campamentos militares romanos, utilizados no avance das tropas e nos primeiros tempos do seu asentamento.
As conclusións evidenciaron que "o exército romano tivo unha presenza moito mais destacada, diversa e prolongada no noroeste da península Ibérica do que se coñecía ata o momento" e que houbo "unha gran dispersión dos continxentes militares ao longo do territorio e, sobre todo, unha diversidade de operacións e misións que poden ir desde accións de combate, recoñecemento do territorio ou control policial".
Arqueólogos traballan no xacemento do Castrillón, en Touro, "unha singular fortificación con características únicas no ámbito galego" que podería estar vinculada ao exército romano
Tempo despois, a área de Cultura da Deputación da Coruña impulsou e financiou o proxecto Roma no Finis Terrae, unha iniciativa para coñecer, precisamente, como se produciu a penetración de Roma no noroeste da Península a través do estudo de varios dos xacementos localizados nos últimos anos na provincia.
Así, durante esta semana, un equipo de arqueólogos traballa no xacemento do Castrillón (San Xoán de Fontes Rosas-Santa María de Loxo, no concello de Touro), "unha singular fortificación con características únicas no ámbito galego, e que os investigadores consideran que pode estar vinculada ao exército romano", segundo destaca Romanarmy.
O do Castrillón será o segundo dos recintos investigados dentro dese proxecto Roma no Finis Terrae, logo da intervención en xullo no xacemento de Santa Baia (Soandres, A Laracha), que permitiu a confirmación da existencia dun campamento romano que inclúe no seu interior un castro previo da Idade do Ferro.
A intervención no xacemento de Santa Baia en xullo permitiu confirmar a existencia dun campamento romano que inclúe un castro previo á Idade do Ferro no seu interior
Na campaña desta semana en Touro, tamén coa colaboración do Concello, o equipo de investigadores fará sondaxes avaliativas que permitan aproximar a súa cronoloxía e a potencial vinculación con unidades militares romanas, así como a súa posible relación co veciño castro do Couto de San Sebastián. A intervención arqueolóxica está coordinada polo profesor José Manuel Costa García, da Universidade de Salamanca e membro do colectivo de investigación Romanarmy, e executada pola empresa Tempos Arqueólogos.
Será o estudo en detalle dun xacemento "atípico" que destaca pola súa estrutura "notablemente distinta" dentro do abundante conxunto de xacementos fortificados de diferentes épocas que se conservan na provincia da Coruña.
Segundo os investigadores, este xacemento ten paralelismos con outros no norte da Península, onde foron identificados pequenos postos militares romanos cunha estrutura similar, e vinculados ao control de amplas zonas do territorio. "Coñecidos na literatura científica como castella (en singular castellum), este sería o primeiro recinto destas características investigado na Galicia occidental", destacan.
O Castrillón podería tratarse do primeiro 'castellum' romano documentado na Galicia occidental
"Diferéncianse dos máis coñecidos campamentos temporais romanos polo seu pequeno tamaño e por estaren concibidos para o establecemento dunha guarnición reducida que busca controlar un territorio e as súas comunicacións", din desde Romanarmy, que destaca "outro elemento singular do Castrillón; a súa proximidade ao prominente castro do Couto de San Sebastián, probablemente ocupado durante a Idade do Ferro". "Ambas as dúas fortificacións están apenas separadas polo rego das Pucheiras, se ben o castro atópase a máis de cen metros de altitude por riba do recinto estudado", explican.
A través da prospección e escavación de sondaxes arqueolóxicas, a campaña tentará "coñecer máis en profundidade a fortificación, as estruturas que integraban as súas defensas e achegarse na medida do posible á cronoloxía da súa construción". "Con independencia da súa orixe romana ou noutro período, a investigación permitirá enriquecer o coñecemento arqueolóxico das fortificacións da provincia da Coruña, unha área especialmente abundante en recintos fortificados dos que O Castrillón representa un novo modelo con características propias", rematan.