Dende hai anos o colectivo investigador Roman Army, formado por especialistas de distintas universidades europeas e procedentes de diferentes disciplinas, afonda da presenza militar romana no Noroeste da Península Ibérica. Os seus achados, aproveitando modernas ferramentas tecnolóxicas, están a sacar á luz unha gran cantidade de información ata agora descoñecida, dando lugar a unha visión nova sobre un período histórico sobre o que ata agora había moitas sombras.
"O exército romano tivo unha presenza moito mais destacada, diversa e prolongada no noroeste da península Ibérica do que se coñecía ata o momento"
Os seus traballos permitiron descubrir 22 novos campamentos militares romanos, utilizados no avance das tropas cara ao noroeste e nos primeiros tempos do seu asentamento, concluíndo que "o exército romano tivo unha presenza moito mais destacada, diversa e prolongada no noroeste da península Ibérica do que se coñecía ata o momento". Os sitios militares atopados revelan "unha gran dispersión dos continxentes militares ao longo do territorio e, sobre todo, unha diversidade de operacións e misións que poden ir desde accións de combate, recoñecemento do territorio ou control policial".
Ata hai pouco, Galicia, o occidente de Asturias e o norte de Portugal considerábanse escenarios marxinais da conquista romana da península ibérica. A investigación ofrece, pois, "un escenario novo e radicalmente distinto", sinala o equipo investigador. Estas achegas veñen de ser publicadas no artigo “The reassessment of the Roman military presence in Galicia and Northern Portugal through digital tools: archaeological diversity and historical problems”, que aparece na publicación científica de referencia Mediterranean Archaeology and Archaeometry .
Os investigadores chaman a atención sobre "a dispersión sobre o territorio" dos sitios arqueolóxicos, que parecen identificar "distintas zonas de operacións"
Sen pechar a porta a outras posibilidades interpretativas, os investigadores chaman a atención sobre "a dispersión sobre o territorio" dos sitios arqueolóxicos, que parecen identificar "distintas zonas de operacións". Os investigadores defenden a hipótese de que os campamentos ubicados na zona oriental de Galicia poderían estar vinculados a un episodio ou escenario secundario do conflito cántabro-astur (29-19 a.C.).
Os recintos militares encaixan na lóxica seguida polo exército romano durante o conflito, no que se desenvolveron accións a gran escala contra os grupos indíxenas, que nalgunhas áreas parecen amosar "unha gran capacidade de organización e mobilización de efectivos, así como unha notable autonomía política". Con todo, sinalan, "un gran número de xacementos do territorio non encaixan de maneira fácil nesta narrativa".
Os recintos militares encaixan na lóxica seguida polo exército romano durante o conflito, no que se desenvolveron accións a gran escala contra os grupos indíxenas
O pasado verán o equipo traballou no Penedo do Lobo (Manzaneda), onde foi localizado un dos campamenos militares romanos mellor conservados do noroeste peninsular. A investigación revelou a presenza militar romana máis antiga documentada en Galicia, atopando por exemplo material militar romano e moedas acuñadas entre o 25 e o 22 a.C. para pagar aos lexionarios que participaban nas campañas bélicas. João Fonte, director do equipo de investigación destacaba en conversa con Praza.gal que os estudos realizados van permitir "reescribir as narrativas históricas sobre este período, sobre os primeiros contactos entre Roma e as comunidades indíxenas do noroeste da Península".
Os investigadores identificaron cinco diferentes tipoloxías de asentamentos militares romanos
Os investigadores identificaron cinco diferentes tipoloxías de asentamentos militares romanos:
- Recintos de pequenas dimensións (1,5-2,5 ha), que acollían pequenas unidades de entre varios centos e algo máis de mil homes. Nesta categoría entran campamentos como O Penedo dos Lobos (Manzaneda), Cova do Mexadoiro (Trazo), Coto do Rañadoiro (Carballedo) e Alto da Pedrada (Arcos de Valdevez, Portugal).
- Campamentos de tamaño medio (4-7 ha), que aloxarían varios miles de homes. Neste ámbito atópanse os sitios arqueolóxicos de Cabianca (Láncara), Campos (Vila Nova de Cerveira, Portugal), A Cortiña dos Mouros (Cervantes) e Santa Baia (A Laracha), un caso moi rechamante, destacan, "pola súa proximidade á antiga cidade de Brigantium e debido a que o campamento foi disposto na zona exterior dun castro, acolléndoo no seu interior".
- Grandes campamentos (de 10-15 ha de lonxitude), que acollerían polo menos unha unidade numericamente equivalente a unha lexión (aproximadamente 6000 homes). A maior parte deles están ubicados na zona oriental de Galicia (Monte da Chá e Monte da Medorra (Láncara/Sarria), A Penaparda (A Fonsagrada), O Monte de Ventín (Pol), agás o de O Cornado (Negreira).
- Recintos que superan con moito estas dimensións (aproximadamente 20 ha), podendo ter servido a auténticos corpos do exército (aproximadamente 10000-14000 homes). O equipo localizou entre o río Limia e o río Miño dous grandes recintos na Serra do Leboreiro/Laboreiro: Lomba do Mouro (Melgaço / Verea) e Chaira da Maza (Lobeira).
- Castela ou fortificacións estacionais de pequeno tamaño. Trátase de A Recacha (Navia de Suarna), nas montañas orientais; Outeiro de Arnás (Verín) controlando un bo tramo do val do Támega; e O Castrillón (Touro).