Este luns comezou a intervención arqueolóxica que o equipo de investigación romanarmy.eu realiza no campamento romano de Penedo dos Lobos (Manzaneda). A singularidade do achado débese a que se trata dun dos recintos militares de campaña mellor conservados do noroeste peninsular. Entre outras cousas, conserva as catro entradas orixinais de entrada ao recinto, en boa medida por ter sido construído con pedra (cando o habitual era empregar materiais máis perecedoiros) e tamén polo carácter illado do xacemento.
Trátase dun dos recintos militares de campaña mellor conservados do noroeste peninsular
O obxectivo da investigación, dirixida por João Fonte, investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, é estudar en detalle a morfoloxía do xacemento e o seu encaixe no proceso de conquista e control do noroeste peninsular por parte do Imperio Romano. Un proceso do que aínda é moito o que descoñecemos.
O equipo traballará no lugar ata o domingo 26. Todos os días ás 12 horas do mediodía realizan unha emisión en directo a través da súa páxina de Facebook, na que este martes destacaron os "sorprendentes" achados no campamento, subliñando o seu bo estado de conservación. Ademais, o sábado 25 de agosto realizaranse actividades gratuítas abertas ao público. Ás 12 da mañá realizarase unha visita guiada ao campamento. O punto de xuntanza é na estación de esquí de Manzaneda. E, pola tarde, ás 19 horas, o salón de actos do concello de Manzaneda acollerá unha charla, tamén de acceso aberto a todo o público interesado, sobre a intervención arqueolóxica a cargo de João Fonte e José Manuel Costa García.
O sábado 25 realizarase realizarase unha visita guiada ao campamento e unha charla sobre a intervención arqueolóxica
"Estamos ante un fenómeno histórico do que sabiamos moi pouco. Os campamentos militares eran espazos de uso temporal que materialmente deixaban moi pouca información", destacaba João Fonte entrevistado por Praza. O investigador salientaba que "a nivel cuantitativo coñecemos cada vez máis sitios, pero tamén a nivel cualitativo, o que nos vai permitir reescribir as narrativas históricas sobre este período, sobre os primeiros contactos entre Roma e as comunidades indíxenas do noroeste da Península".
Estes primeiros traballos serán continuados por outras técnicas, que aproveitarán recentes avances tecnolóxicos que están a facer máis doada e accesible a investigación arqueolóxica. Por exemplo, levarase a cabo un levantamento fotogramétrico cun dron para obter un modelo tridimensional co que poder apreciar as características morfolóxicas do recinto. Ademais, o equipo empregará tamén un magnetómetro para facer unha prospección xeofísica, un mapeado das anomalías magnéticas que pode presentar o lugar e indicios de eventuais estruturas arqueolóxicas. A campaña está promovida polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, o concello de Manzaneda, e o Grupo de Investigación Síncrisis, do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela.