Unha escavación en Covelo afonda no coñecemento dun campamento romano destruído en parte por un parque eólico

Vista xeral do xacemento © Roman Army

Un equipo de Roman Army vai iniciar unha campaña de prospección arqueolóxica no xacemento do Castelo do Faro, en Covelo, localizado a 1148 metros de altitude, preto do punto máis elevado da provincia de Pontevedra

Nos últimos anos as investigacións desenvolvidas polos arqueólogos e historiadores do colectivo Roman Army incrementaron notablemente o coñecemento sobre as fortificacións temporais construídas polo exército romano nas súas campañas militares no norte da Península Ibérica. No ano 1990 tíñase noticia de apenas 11 destes campamentos e hoxe son máis de cen os estudados, detectados en moitas ocasións grazas á utilización de modernas técnicas.

No caso concreto de Galicia era moi superior o coñecemento que se tiña sobre o período de asentamento dos romanos no territorio, grazas ás investigacións realizadas sobre as calzadas, vivendas, murallas e outras estruturas construídas a partir do século III. Porén, pouco se sabía sobre os detalles do proceso de conquista, un período sobre o que as pescudas do colectivo Roman Army veñen deitando luz.

Estruturas cadrangulares asociadas á muralla no campamento romano de Covelo © Roman Army

Os investigadores destacan que estes traballos permitirán afondar no coñecemento dos recintos fortificados en altura, ata o momento descoñecidos ou pouco investigados

Investigacións coma a realizada no Penedo dos Lobos (Manzaneda), un dos recintos militares de campaña mellor conservados do noroeste peninsular, permitiron estudar en detalle a morfoloxía do xacemento e o seu encaixe no proceso de conquista e control do noroeste peninsular por parte do Imperio Romano. Agora, un equipo de Roman Army vai iniciar unha campaña de prospección arqueolóxica no xacemento do Castelo do Faro, en Covelo, localizado a 1148 metros de altitude, preto do punto máis elevado da provincia de Pontevedra.

Os investigadores destacan que estes traballos permitirán afondar no coñecemento dos recintos fortificados en altura, ata o momento descoñecidos ou pouco investigados. Con todo, o certo é que nos últimos anos os avances tecnolóxicos e as novas liñas de coñecemento da arqueoloxía europea permitiron descubrir un gran número destas fortificacións en Galicia

Unha fortificación temporal danada polo parque eólico

O colectivo explica que "debido a que non foi identificado como estrutura arqueolóxica ata o momento, o Castelo do Faro atópase considerablemente afectado por un parque eólico, que destruíu partes significativas do interior do recinto". "A pista de acceso destruíu tamén partes da muralla perimetral do recinto", engaden

En concreto, este xacemento do Castelo do Faro foi descuberto polo colectivo Roman Army con técnicas de teledetección, comunicando a súa existencia á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia en 2020. O colectivo explica que "debido a que non foi identificado como estrutura arqueolóxica ata o momento, o Castelo do Faro atópase considerablemente afectado por un parque eólico, que destruíu partes significativas do interior do recinto". "A pista de acceso destruíu tamén partes da muralla perimetral do recinto", engaden.

Unha das hipóteses de traballo é que poida tratarse dunha fortificación romana de carácter temporal, debido ás súas dimensións, á súa morfoloxía e á proximidade a outros recintos fortificados de época romana que se atopan xusto ao sur, coa fronteira con Portugal e o río Miño polo medio. “Con todo, a investigación poderá darnos datos que nos indiquen que o xacemento é doutra cronoloxía diferente ás que nós investigamos preferentemente, e iso é moi relevante, porque servirá para avanzar no coñecemento xeral sobre estes recintos. Queremos compartir este coñecemento con outros equipos de investigación”, afirma José Manuel Costa García, profesor de arqueoloxía da Universidade de Salamanca e director científico da intervención arqueolóxica. 

O Castelo do Faro. Visualización LiDAR 2010 e planimetría © Roman Army

Unha das hipóteses de traballo é que poida tratarse dunha fortificación romana de carácter temporal, debido ás súas dimensións, á súa morfoloxía e á proximidade a outros recintos fortificados de época romana que se atopan xusto ao sur, coa fronteira con Portugal e o río Miño polo medio

O xacemento ten unha planta de tendencia ovalada, conformada por unha muralla construída con pedra granítica local ocupando unha área de arredor das cinco hectáreas. A muralla adáptase á topografía local, cinguindo un amplo perímetro interior que non parece corresponderse co parcelario agrario da zona. Un aspecto particular da muralla é a existencia dunhas singulares estruturas cuadrangulares contiguas á muralla e de función descoñecida e sen paralelos coñecidos noutros recintos fortificados. 

 

Difusión

Como é habitual no proxecto Roman Army, os investigadores empregarán as redes sociais do colectivo para facer difusión en tempo real das novidades da campaña arqueolóxica directamente desde o xacemento. Deste xeito, o mércores 15 ás 11 da mañá realizarase unha conexión en directo a través de Facebook desde o recinto arqueolóxico.

Dúas ducias de campamentos romanos descubertos na antiga Gallaecia

"O exército romano tivo unha presenza moito mais destacada, diversa e prolongada no noroeste da península Ibérica do que se coñecía ata o momento"

Nos últimos anos os traballos de Roman Army permitiron descubrir no territorio da antiga Gallaecia cando menos 22 novos campamentos militares romanos, utilizados no avance das tropas cara ao noroeste e nos primeiros tempos do seu asentamento, concluíndo que "o exército romano tivo unha presenza moito mais destacada, diversa e prolongada no noroeste da península Ibérica do que se coñecía ata o momento". Os sitios militares atopados revelan "unha gran dispersión dos continxentes militares ao longo do territorio e, sobre todo, unha diversidade de operacións e misións que poden ir desde accións de combate, recoñecemento do territorio ou control policial".

Vista aérea do Penedo dos Lobos (Manzaneda) © romanarmy.eu

Nos últimos anos os traballos de Roman Army permitiron descubrir cando menos 22 novos campamentos militares romanos, utilizados no avance das tropas cara ao noroeste e nos primeiros tempos do seu asentamento

Estes recintos militares encaixan na lóxica seguida polo exército romano durante o conflito, no que se desenvolveron accións a gran escala contra os grupos indíxenas. Entre outros lugares, descubríronse recentemente fortificacións deste tipo no Penedo dos Lobos (Manzaneda), Cova do Mexadoiro (Trazo), Coto do Rañadoiro (Carballedo), Alto da Pedrada (Arcos de Valdevez, Portugal), Monte da Chá e Monte da Medorra (Láncara/Sarria), A Penaparda (A Fonsagrada), O Monte de Ventín (Pol), O Cornado (Negreira), Cabianca (Láncara), Campos (Vila Nova de Cerveira, Portugal), A Cortiña dos Mouros (Cervantes) e Santa Baia (A Laracha).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.