“Os habitantes de época romana tiñan contidos de chumbo e mercurio dúas veces superiores aos da época medieval inmediatamente posterior"
Os romanos xa contaminaban. A análise de esqueletos cunha antigüidade de case dous mil anos revela que o noroeste da Península Ibérica sufriu unha importante contaminación por metais pesados (chumbo e mercurio) a consecuencia das explotacións mineiras e a metalurxia romanas. O equipo de investigación EcoPast da Universidade de Santiago atopou probas do efecto que estas actividades tiña no organismo dos poboadores da Gallaecia a través do estudo de restos humanos achados na necrópole da Lanzada.
“Os habitantes de época romana tiñan contidos de chumbo e mercurio dúas veces superiores aos da época medieval inmediatamente posterior, con independencia da idade ou o sexo dos individuos”, sinala Olalla López Costas, directora da investigación, que engade que “a minería e a metalurxia masivas deses séculos reflíctense á perfección nos ósos das persoas que viviron nese ambiente contaminado”.
Os achados indican que toda a poboación estivo suxeita a esta contaminación, mesmo nas últimas fases da dominación romana, e que esta chegaba principalmente por vía aérea
López Costas salienta que estes restos foron atopados en esqueletos dun xacemento afastado dos grandes focos da minaría, como é A Lanzada. O equipo de investigación estudou restos óseos achados nas dúas áreas de enterramento, unha de época romana e outra medieval, que cobren un período continuo de 700 anos, "algo único na Península Ibérica", destacan.
Segundo o equipo de investigación, o período romano representou "un clímax na contaminación atmosférica" debido á intensa actividade mineira e metalúrxica que tivo lugar no noroeste, por exemplo na comarca leonesa das Médulas. Así, os achados indican que toda a poboación estivo suxeita a esta contaminación, mesmo nas últimas fases da dominación romana, e que esta chegaba principalmente por vía aérea, sen relación estreita por tanto cos seus modos de vida ou alimentación. E confirman outras indicacións, como os rexistros de metais tóxicos, como o chumbo, preservados nas turbeiras do Xistral en Lugo.
Os ósos arqueolóxicos poden ser un arquivo directo dos cambios ambientais, destacan
O estudo foi recentemente publicado na revista Science of the Total Enviroment. A investigación está liderada por López Costas, xunto con Noemí Álvarez Fernández e Antonio Martínez Cortizas, investigadores do grupo EcoPast da USC, e ademais canda a un elenco de colaboradores de Suecia, Reino Unido, Alemaña e Bélxica. Este traballo é parte dun proxecto sobre o efecto da contaminación por metais no pasado en Europa, que demostra ademais que os ósos arqueolóxicos poden ser un arquivo directo dos cambios ambientais.
Na actualidade, no grupo EcoPast están a realizarse dúas teses doutorais, unha sobre mercurio en ósos humanos e outra sobre chumbo en ósos animais de diversos períodos, para avanzar no coñecemento das repercusións da contaminación atmosférica.