O Colectivo Cultural Buril, a asociación Cultura do País, ADEGA e Mariñapatrimonio veñen de presentar unha denuncia ante o Servizo de Patrimonio da Xunta polo "lamentable estado de degradación e abandono" no que se atopa o xacemento arqueolóxico de Castrelo, no concello de Burela. Estas entidades chaman a atención, sobre todo, sobre falta de protección e o risco de deaparición que corre o hipocausto romano descuberto nese lugar.
Os hipocaustos son sistemas de calefacción empregados polos romanos para quentaren os balnearios e mesmo as súas mansións. No exterior dun edificio construíase un forno e os gases quentes producidos na combustión eran levados por canalizacións situadas baixo o chan até o centro da casa.
Estes restos foron atopados no ano 2004 nas proximidades do que ía ser a nova estrada de acceso ao porto. Con motivo da escavación arqueolóxica realizada nunha parte do xacemento saíron á luz varios muros e estancias dun hipocausto, así como diversos materiais de época romana.
Porén, nove anos despois, os restos arqueolóxicos atópanse, segundo estes catro colectivos, "nun lamentable estado de degradación e sen ningún tipo de protección". Engadena que "o sitio arqueolóxico está a sufrir o desgaste propio das inclemencias meteorolóxicas, a vexetación apropiouse do xacemento, os tixolos das columnas do hipocausto e outros materiais arqueolóxicos están a ser espoliados e mesmo se está a utilizar este ben patrimonial como entulleira para o lixo".
Nove anos despois de seren descubertos, os restos arqueolóxicos atópanse, segundo estes catro colectivos, "nun lamentable estado de degradación e sen ningún tipo de protección"
As asociacións demándanlle á Xunta que cumpra e que faga cumprir a lei de Patrimonio na que se recolle que "todos os bens que integran o patrimonio cultural de Galicia gozarán das medidas de protección", e lembran que "en Galiza acabamos de perder, agardamos que só sexa temporalmente, a ourivería prerromana da colección Álvaro Gil, entre a que se atopa o torques de Burela. Non podemos permitir que outra xoia da arqueoloxía de Burela, como é o hipocausto romano do Castrelo, desapareza para sempre por mor da desidia dos que teñen a obriga de protexela".