As salinas romanas da Guarda formaban parte dunha ampla rede de factorías en Galicia e Portugal

Traballos arqueolóxicos nas salinas romanas da Guarda © Concello da Guarda

Na última semana de setembro deron comezo os traballos de escavación arqueolóxica das Salinas do Seixal e de Camposancos, na Guarda. Estas salinas, segundo as escavacións iniciais realizadas no ano 2015 no Seixal, poderían formar parte dun complexo salineiro de cronoloxía romana de maiores dimensións, que abranguería outras zonas salineiras da fachada atlántica, situadas en Vigo, Cangas, Oia, Viana do Castelo e Matosinhos. 

As salinas da Guarda poderían formar parte dun complexo salineiro de maiores dimensións, que abranguería outras zonas situadas en Vigo, Cangas, Oia, Viana do Castelo e Matosinhos

As actuacións que se están levando a cabo no marco do proxecto arqueolóxico A Guarda, Mar de Sal, buscan descubrir a súa extensión real e coñecer con precisión a súa datación cronolóxica. Nas escavacións apareceron estruturas iguais ás documentadas nas Salinas de Vigo, moi características da época romana, e que non deixan dúbidas sobre a súa cronoloxía. Ademais, os materiais documentados na salina son semellantes aos que aparecen no castro do monte Trega da Guarda, o que confirmaría a relación entre estes dous espazos e a súa ocupación parcialmente sincrónica no tempo.

O grupo de traballo do proxecto A Guarda, Mar de Sal, está encabezado por Brais Currás, (investigador da Universidade de Coimbra e do grupo de investigación EST-AP do CSIC) e Mar Cortegoso, directora das escavacións. As evidencias identificadas de produción do sal dentro do proxecto teñen unha enorme transcendencia dado que "apenas existen probas arqueolóxicas claras de salinas mariñas en todo o Imperio Romano", destacan. Os investigadores e investigadoras que coordinan o proxecto consideran que o sal que se extraía destes espazos destinábase á produción de salgadura de peixe, unha industria con grande importancia no noroeste da Península no tempo dos romanos.

Os materiais documentados na salina son semellantes aos que aparecen no castro do monte Trega, o que confirmaría a relación entre estes dous espazos e a súa ocupación parcialmente sincrónica

O obxectivo do proxecto é o desenvolvemento económico local a partir da posta en valor das paisaxes do sal da Guarda como ben patrimonial concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, pero tamén como un medio cultural para o reforzo da identidade mariñeira e a cohesión social das comunidades ligadas ao mar.

Coa presente actuación A Guarda recuperará os traballos arqueolóxicos na zona do Seixal, buscando tanto ampliar a zona escavada no ano 2015, como manter visible unha superficie ampla dos restos de salinas que existen nesta zona, aproveitando ademais a existencia da senda litoral, para darlle un maior protagonismo e visibilidade ao xacemento, cunha interesante revalorización cultural e turística deste entorno. Como parte da intervención arqueolóxica, farase tamén unha limpeza no entorno das salinas escavadas na rocha situadas na Armona -na baixada a Camposancos- e levarase a cabo unha prospección sistemática pola costa para a identificación destas estruturas, moi pouco coñecidas e das que case nada se sabe da súa orixe.

O sal que se extraía destes espazos destinábase á produción de salgadura de peixe, unha industria con grande importancia no noroeste da Península no tempo dos romanos

O proxecto contempla a escavación arqueolóxica, traballos de topografía e prospección, documentación fotogramétrica, rutas guiadas, restauración e consolidación, instalación de paneis informativos, análise edafolóxica, datación por OSL, un proxecto de ciencia cidadá que botará a andar o próximo ano, deseño dunha páxina web, e a edición dunha guía arqueolóxica cos resultados dos traballos. Ademais, este proxecto tamén permitiu coñecer as variacións existentes no nivel do mar entre a época romana e a actual: no tempo dos romanos o nivel da liña de costa era máis baixo.

Dado o grande interese que as escavacións están a espertar entre os veciños e tamén entre os turistas, ao longo das próximas semanas serán anunciadas visitas guiadas polas diferentes zonas onde se está traballando.

 

Traballos arqueolóxicos nas salinas romanas da Guarda © Concello da Guarda
Traballos arqueolóxicos nas salinas romanas da Guarda © Concello da Guarda
As salinas están situadas nos lugares de Seixal e Camposancos © Concello da Guarda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.