Comeza a intervención arqueolóxica dun singular campamento romano na Laracha que envolve completamente un castro anterior

Monte de Santa Baia, na Laracha, onde se atopa o xacemento © Roman Army

O de Santa Baia "é o único caso coñecido ata o momento no que un campamento romano envolve completamente o castro". Precisamente a campaña arqueolóxica terá tamén como un dos obxectivos "entender a relación entre as dúas fortificacións"

No monte de Santa Baia, en Soendres (A Laracha) atópase un xacemento moi singular. No lugar hai restos dun campamento romano que se construíu hai vinte séculos envolvendo completamento un castro anterior dos poboadores que os exércitos romanos atoparon na actual Galicia. Un equipo arqueolóxico que forma parte do colectivo de investigación Romanarmy intervirá ao longo de toda esta semana e ata o luns 31 de xullo no conxunto, co obxectivo de saber máis sobre el. 

O proxecto busca estudar as estruturas defensivas do campamento romano, avanzar na súa caracterización e explorar a relación entre esta fortificación militar e o castro que se atopa situado no alto do mesmo interior monte. A intervención arqueolóxica desenvolverase baixo a coordinación cientifica do profesor da Universidade de Salamanca José Manuel Costa García e será executada pola empresa Tempos Arqueólogos. Trátase da primeira acción do convenio subscrito entre a Deputación da Coruña e a Universidade de Salamanca para investigar e difundir varias fortificacións temporais romanas da provincia da Coruña ao longo de 2023. A intervención conta tamen coa colaboración do concello da Laracha.

O xacemento de Santa Baia: modelo dixital do terreo no que se ve o campamento e o castro no seu interior © Romanarmy

O campamento romano de Santa Baia foi publicado por primeira vez en 2019 polo colectivo de investigación Romanarmy, quen detectou a existencia de estruturas defensivas compatibles cos asentamentos temporais romanos a través do uso de tecnoloxías non invasivas de análise do territorio

O campamento romano de Santa Baia foi publicado por primeira vez en 2019 polo colectivo de investigación Romanarmy, quen detectou a existencia de estruturas defensivas compatibles cos asentamentos temporais romanos a través do uso de tecnoloxías non invasivas de análise do territorio. O recinto campamental ten unha extensión de cinco hectáreas, superficie que permite estimar unha ocupación de entre 2500 e 3500 soldados. 

Destacan que "a particularidade deste campamento temporal, e que o fai tan interesante para a investigación, é que comprende no seu interior un castro enteiro da Idade do Ferro". Explican que "aínda que o exército romano reocupou antigas fortificacións da Idade do Ferro ao longo de Europa, en todos os casos os fortes romanos establecéronse no interior dos poboados indíxenas". En cambio, o de Santa Baia "é o único caso coñecido ata o momento no que sucede o contrario: un campamento romano envolve completamente o castro". Precisamente a campaña arqueolóxica terá tamén como un dos obxectivos "entender a relación entre as dúas fortificacións". 

Os investigadores aplicarán en Santa Baia distintas técnicas tanto de prospección, sondaxes arqueolóxicas como o uso de tecnoloxías non invasivas de exploración do subsolo, coma o gradiómetro, co obxectivo de detectar estruturas e elementos xa non percibibles en superficie ou a simple vista.

O sábado 29 realizarase unha visita guiada aberta ao público, de carácter gratuíto e sen inscrición previa

O sábado 29 realizarase unha visita guiada aberta ao público. Será ás 11.30 h da mañá, de carácter gratuíto e sen inscrición previa. As persoas interesadas deberán seguir as indicacións proporcionadas nas redes sociais de Romanarmy, tanto en Facebook, como en Instagram ou Twitter para coñecer a localización do punto de partida da visita.

A campaña arqueolóxica será difundida diariamente desde as redes sociais do colectivo de investigación Romanarmy e a súa web, dando conta tanto das metodoloxías que se están a empregar como dos achados que están a ser posibles. 

Inicio dos traballos de Roman Army no xacemento de Santa Baia © Romanarmy

O traballo do colectivo Roman Army

Nos últimos anos as investigacións desenvolvidas polos arqueólogos e historiadores do colectivo Roman Army incrementaron notablemente o coñecemento sobre as fortificacións temporais construídas polo exército romano nas súas campañas militares no norte da Península Ibérica. No ano 1990 tíñase noticia de apenas 11 destes campamentos e hoxe son máis de cen os estudados, detectados en moitas ocasións grazas á utilización de modernas técnicas. 

No caso concreto de Galicia era moi superior o coñecemento que se tiña sobre o período de asentamento dos romanos no territorio, grazas ás investigacións realizadas sobre as calzadas, vivendas, murallas e outras estruturas construídas a partir do século III. Porén, pouco se sabía sobre os detalles do proceso de conquista, un período sobre o que as pescudas do colectivo Roman Army veñen deitando luz.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.