O campamento romano de Peneda dos Lobos, en Manzaneda, é un dos recintos militares de campaña mellor conservados do noroeste peninsular e tamén un dos situados a máis altura, pois se atopa a 1483 metros de altitude
O equipo de investigación de Roman Army leva anos afondando no coñecemento das fortificacións temporais construídas polo exército romano nas súas campañas militares no norte da Península Ibérica, un aspecto da romanización do que ata hai pouco había poucos datos. Grazas ás súas pescudas, descubriuse por exemplo o campamento romano de Peneda dos Lobos, en Manzaneda, un dos recintos militares de campaña mellor conservados do noroeste peninsular e tamén un dos situados a máis altura, pois se atopa a 1483 metros de altitude.
Esta semana os investigadores regresaron a Manzaneda para seguir atopando nova información sobre o campamento e a súa ocupación, realizando sondaxes para coñecer a estrutura do sistema defensivo do campamento. Ademais, tomaranse mostras para precisar a cronoloxía do xacemento, que podería ser coetáneo das Guerras Cántabras (29-19 a.C.).
O furtivismo está a aumentar nos últimos anos e supón "un grave atentado contra o patrimonio cultural debido ao roubo de pezas e a destrución de valiosa información de contexto"
Con todo, o equipo tamén levará a cabo outro labor, non prevista inicialmente, de avaliación dos danos causados no xacemento polo "furtivismo" e o espolio de materiais provocado por "detectoristas de metais". Estes "furtivos" prospectaron ilegalmente o xacemento á procura de material arqueolóxico, unha práctica delituosa que está a aumentar nos últimos anos e que supón "un grave atentado contra o patrimonio cultural debido ao roubo de pezas e a destrución de valiosa información de contexto", sinala o equipo investigador.
Os investigadores buscan coñecer as técnicas defensivas do exército romano nesta zona do Noroeste peninsular, pero tamén compilar datos para unha potencial posta en valor futura do xacemento
Os traballos prolongaranse ata este venres 9 de setembro. A campaña está promovida pola Universidade de Salamanca, baixo a dirección científica do profesor desa universidade José Manuel Costa, que comparte co investigador João Fonte (Universidade de Exeter). A intervención está financiada por Turismo de Galicia e conta coa colaboración do concello de Manzaneda e o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC (Incipit).
A través de diferentes técnicas de análise do subsolo o equipo de Roman Army busca estruturas actualmente invisibles ou a localización de materiais. Deste xeito, a intervención practica sondaxes na muralla do recinto militar, co obxectivo de determinar o seu procedemento construtivo. Os investigadores buscan coñecer as técnicas defensivas do exército romano nesta zona do Noroeste peninsular, pero tamén compilar datos para unha potencial posta en valor futura do xacemento.
A identificación do campamento tivo un gran impacto no mundo académico e en medios internacionais, achegando unha nova visión para comprender a presenza do exército romano no actual territorio galego
O campamento fora descuberto por un veciño da comarca, Rubén F. Lorenzo Pérez, quen comunicou o colectivo romanarmy.eu a existencia dun recinto de alta montaña de peculiares características. A intervención practicada en 2018 permitiu localizar materiais asociados aos militares romanos que permitiron propoñer unha cronoloxía contemporánea ás Guerras Cántabras (29-19 a.C.), levadas a cabo por Roma para controlar as áreas aínda non dominadas na Península Ibérica. A identificación do campamento romano tivo un gran impacto no mundo académico e en medios internacionais, achegando unha nova visión para comprender a presenza do exército romano no actual territorio galego.
Considérase un campamento de marcha, un recinto construído durante o avance da columna militar, non estable e ocupado durante pouco tempo
O campamento de Penedo dos Lobos atópase moi próximo, a uns 2,5 km, á estación de esquí de Cabeza de Manzaneda. Conta cunha superficie de 2,34 hectáreas, o cal permite estimar que foi construído para unha unidade militar de entre 800 e 1000 soldados. Considérase un campamento de marcha, é dicir, un recinto militar construído durante o avance da columna militar, non estable e ocupado durante moi pouco tempo.
É un dos poucos campamentos romanos vinculados á conquista do norte de Hispania que está construído en pedra. Os soldados botaron man do abundante material granítico da zona para construír as defensas
O campamento conserva as portas orixinais de acceso ao recinto. Estes accesos, chamados “en clavícula” polo sistema de defensa co que contaban, son propios dos recintos do exército romano. O outro elemento excepcional é que se trata dun dos poucos campamentos romanos de marcha vinculados á conquista do norte de Hispania que está construído en pedra. Os soldados botaron man do abundante material granítico da zona para construír as defensas. Isto, xunto co illamento da zona e o seu uso unicamente gandeiro, permitiu que o campamento se atope nun estado de conservación único, e que todo o sistema defensivo sexa facilmente apreciable mesmo para público non experto.