Arqueólogos galegos poñen en marcha unha plataforma web para compartir os achados das escavacións

Un equipo de arqueólogos no Castro de Navás (Nigrán) © María Martín Seijo / GEPN-AAT

A plataforma IDEPatri parte da tese do arqueólogo Emilio Abad e pretende favorecer os intercambios de información sobre as escavacións

IDEPatri é unha plataforma en liña que pretende mellorar a colaboración entre as profesionais involucradas nos traballos arqueolóxicos e achegar o patrimonio arqueolóxico ao gran público. Trátase dunha Infraestrutura de Datos Espaciais (IDE) para o intercambio de información arqueolóxica a través de internet, desenvolvida polo Grupo de Estudo para a Prehistoria do Noroeste Ibérico, Arqueoloxía, Antigüedade e Territorio (GEPN-AAT) da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS).

"É imposible traballar illado", asegura Emilio Abad, autor da tese que deu lugar a IDEPatri. "Cando estudas un xacemento, moitas veces desexarías que o arqueólogo que estivo alí antes ca ti, utilizase unha metodoloxía de recollida de información que fose útil a diferentes especialistas; é importante lembrar que, malia traballar en diferentes seccións, en arqueoloxía dependemos os uns dos outros".

Defensa da tese que deu lugar a IDEPatri, do arqueólogo Emilio Abad © CiTIUS

"Traballamos co obxectivo de que as investigacións deixen de estar illadas", salienta Josefa Rey

"A nosa maior inquedanza foi que toda a información que xeren os xacementos teña un corpo único e resulte fácil de consultar, co obxectivo de que as investigacións deixen de estar illadas, sexan accesibles e, deste xeito, poidan acurtarse os tempos e custos de traballo", explica a investigadora do GEPN-AAT e codirectora da tese de Abad, Josefa Rey. 

"Non debemos esquecer que cada persoa dedicada á investigación ocúpase dunha especialidade distinta: a metalurxia, o comercio, a cerámica, a alimentación, os cultivos, a silvicultura… son moitos e moi variados os perfís", engade Rey. 

IDEPatri comprobou a súa eficacia nas escavacións do Castelo da Rocha

Este proxecto, concibido inicialmente como resposta ás necesidades dun grupo de investigación con actividade en escavacións dentro e fóra de Galicia, comprobou a súa eficacia nas escavacións do Castelo da Rocha (en Santiago de Compostela), onde a empresa encargada da escavación e levantamento arqueolóxico utilizou as aplicacións desenvolvidas en IDEPatri e o modelo de datos para xestionar a intervención.

A nova plataforma incorpora, ademais, unha compoñente de xestión de grandes volumes de datos para facilitar o traballo dos investigadores, unha característica que combina coa filosofía de acceso aberto, para que docentes e divulgadores poidan explorar o seu potencial mediante ferramentas de visualización.

Castelo da Rocha, en Santiago de Compostela © Turismo de Galicia

A través de Tecnoloxías de Información Xeográfica, os investigadores traballaron para extraer coñecemento sobre como os distintos elementos culturais fóronse expandindo ao longo do territorio (análise espacial), ou mesmo ao longo das diferentes épocas (análise temporal).

″Esta información bríndanos tamén a oportunidade de poder ofrecer produtos de valor para outros sectores de actividade, achegando discursos adaptados para diferentes tipos de persoas con inquietudes particulares″, afirma o arqueólogo Emilio Abad.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.