(Re)conexión é un proxecto de recolleita da memoria de mulleres maiores da provincia de Lugo e unha forma de volver unir lazos interxeracionais nas comunidades. Unha idea de Andrea Maseda, comunicadora audiovisual natural de Muimenta, que se concentra nunha peza documental de apenas vinte minutos con aprendizaxes que non se deberan perder.
Maseda tiña que propoñer unha idea para un proxecto dentro do mestrado de Servizos Culturais da USC que realizou o curso pasado no Campus de Lugo e formulou o xermolo desta iniciativa. Non quixo que quedara sobre o papel e presentouno a unha convocatoria da Rede Museística Provincial de Lugo. Así, converteu a súa idea nun obradoiro audiovisual con crianzas e mocidade de distintos concellos cos que gravou a seis mulleres nos últimos meses do ano pasado.
'(Re)conexión' é un proxecto de Andrea Maseda de recolleita da memoria e unha forma de volver unir lazos interxeracionais. O resultado é unha peza documental de vinte minutos con seis mulleres que lembran a vida cotiá que xa non é
Dous obradoiros tiveron lugar no Museo do Mar de San Cibrao, pero despois levou a esencia cultural da recolleita da memoria fóra da Rede Museística e ata Pincelo (Chantada), Muimenta e Navia de Suarna, concretamente un gravouse na Casa Quindós e outro no colexio da vila. “Quería recoller a memoria de persoas do territorio, pero que foran mulleres porque me parece que tiveron menos espazos de conversación e de recolleita das súas testemuñas. Pois de maneira tradicional non eran as que ían aos bares ou a lugares sociais onde, aínda que sexa polo boca a boca, alguén escoita a túa historia e a pode replicar. Parecíame interesante escoitalas e poder gravar ese relato para que perdure no tempo”, conta a autora, que agarda ampliar esta iniciativa desde o seu proxecto persoal Neocultivo Cultural.
"A idea era volver unir os lazos interxeracionais nas comunidades porque creo que estamos cada vez máis lonxe unhas das outras", di Andrea Maseda
En (Re)conexión asistimos ao relato de vida de Dominica desde Muimenta (Cospeito), Eladina desde Son (Navia de Suarna), Esther desde Pincelo (Chantada), Lidia desde Lieiro (Cervo), Maruja desde Navia de Suarna e Sagrario desde San Cibrao (Cervo). Elas teñen o reto de contestar as preguntas que lle formulan as crianzas ao outro lado da cámara que, coa guía de Andrea Maseda, dirixen a operación. Ela tiña un cuestionario base que ía mudando dun obradoiro para o outro, enriquecendo sempre as preguntas coas achegas da rapazada, que sempre se soltaba máis durante a entrevista que nos momentos previos.
“A idea era, máis que manter, volver unir os lazos interxeracionais nas comunidades porque creo que estamos cada vez máis lonxe unhas das outras e parecíame importante darlles un pequeno espazo no que compartir un pouco de tempo e que escoitaran un relato que ao mellor xa teñen das súas avoas e avós, pero que á vez, como as avoas e avós son cada vez máis novas, hai historias que van ir quedando no esquecemento”, debulla Andrea Maseda.
“Para divertirme? Tíñache eu unha diversión daquela que non había. Tiña gana de divertirme como todo o mundo pero o día que tiña gana de ir un sitio non había ao mellor os calcetíns, o zapato, o vestido... e xa había que quedar”, di Dominica nunha das súas aparicións no documental. Esta foi a súa primeira entrevista, igual que a de Lidia e Sagrario. Esther e Eladina –que nunha das súas respostas afirma: “Fixen de todo, como calquera home, e aquí estou”– xa tiñan algo máis de experiencia. Andrea Maseda vai construíndo un relato colectivo no que van falando desde a nenez á vida adulta, da comparación entre homes e mulleres e da parte do lecer das súas vidas.
"Tiña gana de divertirme como todo o mundo pero o día que tiña gana de ir un sitio non había ao mellor os calcetíns, o zapato, o vestido... e xa había que quedar", conta Dominica no documental
Todo o proxecto basease na escoita activa, a que teñen que facer as crianzas e a mocidade participante, a que fan as mulleres protagonistas para saber por onde contar e, finalmente, a que volveu realizar Maseda para editar unha peza audiovisual accesible a todo o mundo. Pois o obxectivo non é outro que divulgar estas historias vitais que as propias mulleres conectan coa nosa realidade hoxe. Unha reflexión común entre todas elas é que agora temos e desexamos demasiados obxectos materiais, como di Sagrario: “Fame non pasei, pero gana de moitas cousas si eh!”. E que cada vez somos unha sociedade máis individualista, posto que antes o facían todo en comunidade.
Á parte de recoller a memoria e conectar xeracións, Andrea Maseda, que é unha das impulsoras do festival cultural Pozomouro, buscaba aportar valores positivos á mocidade a través destes obradoiros. Ela mesma bota en falta as historias ben interesantes que lle contaron as súas avoas e avós, esas historias que no momento podes ser demasiado nova para entender en profundidade e que para cando as queres volver escoitar igual xa non é posible.
As rapazas que participaron no obradoiro en Muimenta e que entrevistaron a Dominica agora teñen un grupo de Whatsapp que se chama 'As Dominicas'
“Moitas estaban metidas na conversa e facían as preguntas que lles ían xurdindo sobre a súa vida e sobre como eran antes as súas vilas, pareceume marabilloso”, salienta sobre o momento de gravación das entrevistas. Unha anécdota que pode mostrar como a iniciativa tivo un efecto entre a mocidade que participou é que a raíz do obradoiro en Muimenta, onde a entrevistada foi Dominica, as rapazas crearon un grupo de Whatsapp que se chama ‘As Dominicas’ e agora, cando quedan entre elas, din que van “coas Dominicas”.
Como acostuma suceder con mulleres da xeración de Dominica, Eladina, Esther, Lidia, Maruja e Sagrario, para elas foi unha novidade seren as protagonistas. “Vía que tiñan moita gana de contar cousas, pero á vez moitas non lle daban valor ao que tiñan que contar. Chegabamos alí e dicían ‘non sei que vos vou contar, non teño nada que contar’, pero sempre quedaba curto o tempo e poderían estar horas e horas falando. Ao remate dicíaslles ‘ves como si tiñas que contar?’ e as respostas eran do tipo ‘pero isto non lle importa a ninguén’. Elas mesmas quítanlle valor, así que creo que isto é tamén un exercicio de motivación para elas”, destaca Maseda.