Todos temos na mente as imaxes de mulleres cargando grandes pesos sobre as súas cabezas, transportando produtos para a súa venda, carrexando leite, queixos, peixe, patacas e outros produtos na horta. Mulleres que levaban, fisica e simbolicamente, o mundo nas súas cabezas, o seu e o das familias que dependían delas. Mulleres como as que fotografou Ruth Matilda Anderson nas súas viaxes a Galicia nos anos vinte do pasado século.
O filme de Encarna Otero enmárcase no proxecto 'Memorias de vida en vivo', que busca "recuperar testemuños, imaxes e voces de mulleres galegas"
Mulleres como Olimpia e Marisa, protagonistas do documental 'As mulleres co mundo na cabeza. Os camiños do Pindo', realizado polo Consello da Cultura e que este martes foi presentado na Coruña na sede da Real Academia Galega de Belas Artes, despois da súa estrea en Carnota e da súa proxección en Compostela. O filme é unha iniciativa da historiadora Encarna Otero e enmárcase no proxecto interdisciplinar 'Memorias de vida en vivo', que busca "recuperar testemuños, imaxes e voces de mulleres galegas que traballaron e viviron en tempos xa mudados e que hoxe son aínda memoria viva", fixando o testemuño de traballadoras anónimas coa creación dun arquivo de imaxe.
Olimpia é a gran protagonista do documental, que se pode ver de balde en Youtube. A través da súa voz, testemuña directa da vida no Pindo na primeira metade do século XX, achegámonos ao mundo do traballo feminino na Galicia rural dese tempo, un traballo invisibilizado, informal e que non deixou pegada en contratos e nas fontes históricas escritas, pero que foi fundamental para o sostemento de todas as familias. "As mulleres sempre tiveron a capacidade de repartir mellor a riqueza. E nisto eu sempre poño un exemplo: a diferenza que existía entre Rosalía Mera e Amancio Ortega", engade Otero.
"Na historia dun país con tanta emigración, as mulleres estaban obrigadas a levar o mundo na cabeza, fisicamente e metaforicamente, para sacar adiante a vida de todos"
O título do documental remite a esas cargas físicas que as mulleres levaban acotío sobre a as súas cabezas, pero funciona tamén como unha potente metáfora, pois día a día as mulleres levan o mundo na cabeza, na propia construción e sostemento da vida. Mulleres que tiveron que sacar adiante as súas familias, nun mundo de homes moitas veces ausentes, pola emigración e por outros motivos. "Na historia dun país con tanta emigración, as mulleres estaban obrigadas a levar o mundo na cabeza, fisicamente e metaforicamente, para sacar adiante a vida de todos", salienta Otero. Mulleres que teñen que traballar na casa e fóra da casa para manter os seus fillos e para que estes puidesen estudar.
"Sempre me impresionou moito a obra de Ruth Matilda Anderson. As súas fotografías reflicten a dignidade do traballo, un mundo do traballo moi feminino e con gran dignidade"
O Monte Pindo, sagrado territorio do mundo simbólico, foi tamén espazo de traballo, de camiñar continuado. Sempre andando, pola montaña. Os mercados de Muros, de Cee, de Fisterra, de Corcubión, do Pindo..., permitían ingresos imprescindíbeis para a economía familiar, destácase no documental, que subliña que o monte Pindo,"o Pedregallo" como lle chaman as xentes que nel habitan, "está labrado de pegadas, de historias, de risas, de contos, da vida destas mulleres carrexadoras".
"Sempre me impresionou moito a obra de Ruth Matilda Anderson. As súas fotografías reflicten a dignidade do traballo, un mundo do traballo moi feminino e con gran dignidade", conta Encarna Otero. "É moi importante rexistrar todo isto, porque estas mulleres van morrendo, e é fundamental poñer en valor o traballo feminino que durante décadas mantivo as economías familiares. É clave loitar contra a súa invisibilización" engade.
"Toda a economía creada polas mulleres que non deixa pegada no Produto Interior Bruto desaparece. Ou a recollemos por memoria oral ou desaparece. Na economía oficial non está, e polo tanto córrese o risco de que tampouco estea na historia oficial", alerta a historiadora.
"O problema que temos con este traballo de memoria que estamos facendo é que moitas mulleres non queren falar diante dunha cámara"
Encarna Otero destaca as dificultades que se atopan neste labor de rexistro: "O problema que temos con este traballo de memoria que estamos facendo é que moitas mulleres non queren falar diante dunha cámara. Falan tomando un café na cociña, ou fóra na eira, pero despois cando lles pos un micrófono e unha cámara e lles dis que as vas gravar, pois bótanse para atrás". "Olimpia pareceume sempre unha muller impresionante, pero tivemos que facer un traballo para convencela, para convencela de que era moi importante que nos contara todo isto", comenta.
O Arquivo de Memorias de Vida en Vivo busca rexistrar e gardar todo este material, pensando en que os historiadores e historiadoras de agora e do futuro poidan empregalo nas súas investigacións. "Eu aspiro a que esta realidade se conte algún día nos centros de ensino e nos libros de texto. Agora xa non hai escusas, están aí os materiais, as fontes, dende estes documentais ata o Álbum de Mulleres do CCG", di Encarna Otero, que conclúe que "a sociedade non será nin xusta nin democrática ata que homes e mulleres ocupen o espazo que lles corresponde, en pé de igualdade. As mulleres seguen realizando un traballo inmenso e non só recoñecidas". Elas, as mulleres, as porteadoras do mundo. Coa vida na cabeza.
As mulleres nas minas de volframio
"Nunca se falara das mulleres que traballaban na minería do volframio. As que traballaban na economía formal das minas só traballaban nos lavadoiros e o resto traballaba na economía informal"
Este é o segundo documental que parte deste proxecto de 'Memorias de vida en vivo'. Hai cinco anos o Consello da Cultura publicou o filme 'A luz do negro', que recolle as experiencias das mulleres que traballaron na minaría no ámbito de Fontao (Vila de Cruces) durante a posguerra. Na mina de Brea, na que chegaron a traballar ao redor de seis mil persoas no período de maior ocupación durante a Segunda Guerra Mundial, ás mulleres non se lles permitía traballar nas galerías nin na fábrica, mais, contratadas pola empresa concesionaria, fixeron traballos auxiliares como lavado e separación do mineral.
"Nunca se falara das mulleres que traballaban na minería do volframio, iso non se contaba. Primeiro, porque as que traballaban na economía formal das minas só traballaban nos lavadoiros e segundo porque o resto traballaba na economía informal", explica Encarna Otero, que tamén dirixiu aquel traballo.
Así mesmo, a riqueza e as necesidades da mina requirían que as mulleres se implicasen tamén no traballo e xestión de tabernas, salóns de baile e casas de xantar, do alugamento de espazos de vivenda, cuartos e hostais para pasar a noite, actividades concentradas con frecuencia no 'barrio de madeira' próximo á entrada da mina. Ademais, son moitas as que van desenvolver unha importante actividade vinculándose en cuadrillas de aventureiros e aventureiras, nas concesións independentes, nos equipos de recuperación e participando tamén nas redes de estraperlo do mineral.