O barrio compostelán de Galeras acollerá este venres un acto de recoñecemento ás lavandeiras, unha homenaxe enmarcada dentro das actividades programadas pola Concellaría de Igualdade para a celebración do Día Internacional das Mulleres en resposta a unha petición da Plataforma de Galeras. Ás 12.30 horas colocarase no Parque de Galeras un panel informativo nun dos lugares que eran tradicionalmente empregados para lavar e clarear a roupa, onde mesmo se construíu un lavandeiro a finais do século XIX, hoxe desparecido. Xusto antes do acto a historiadora e veciña do barrio Encarna Otero ofrecerá unha charla no CEIP Raíña Fabiola sobre o significado dos lavadoiros como espazos de traballo e relación social das mulleres.
"Os espazos de traballo das mulleres eran espazos de liberdade", destaca Otero. "Sobre todo porque alí non había homes. Elas cantaban, rexoubaban, contaban contos, facían unha especie de terapia colectiva na que criticaban o mundo para o que elas lavaban: a igrexa, os señores...", explica. "Con este acto queremos promover unha dignificación e un recoñecemento deste traballo. Era un traballo moi duro: estaban durante horas expostas á humidade e ao frío, tiñan que lavar metidas no río, de xeonllos, sufrían sabañóns... Era, ademais, un traballo moi mal pagado", conta.
"Os espazos de traballo das mulleres eran espazos de liberdade. Sobre todo porque alí non había homes. Elas cantaban, rexoubaban, criticaban o mundo para o que elas lavaban: a igrexa, os señores..."
O Sarela, na zona de Galeras, pero tamén en Santa Isabel ou Carme de Abaixo, era un lugar no que se xuntaban moitísimas lavandeiras, aproveitando a mansedume do río neste treito e a proximidade de moitos prados para clarear e secar a roupa. "En Santiago había moita roupa que lavar, sobre todo na zona de Galeras. Ademais do mundo privado das casas señoriais, estaban os hospitais -o Hospital Real-, o Cuartel de Santa Isabel, e toda a prostitución de Pombal e Hortas", di Otero. A finais do XIX o Concello construíu alí o lavadoiro de Espiño, un fermoso edificio que se perdeu, que servía tamén para tender a roupa. "Toda Compostela estaba chea de lavadoiros: en Cornes, por exemplo, e tamén nas Brañas do Sar, nunha zona coñecida coma O Pozo na que tamén se xuntaban moitísimas lavandeiras", destaca.
Na súa charla a historiadora explicará todo o proceso de lavado, que era longo e laborioso. Tamén contará como fabricaban o seu propio xabrón, a partir do aceite e a graxa sobrantes da cociña. E, igualmente, o proceso de clareo e de secado, e a utilización da cinsa para branquear a roupa. Explica, ademais, que "cando as lavandeiras entregaban a roupa nas casas, recibían a lavadura, que eran as sobras da comida dos señores, que ás veces servía tamén para alimentar os animais". "Todo un proceso de reciclado e de recuperación de materiais que conectaba a zona urbana coa zona rural", di.
Barrio de Galeras, barrio de traballo
"Este é unha das accións coas que dende a Plataforma de Galeras queremos recuperar a memoria do barrio, sobre todo destacando a súa condición de barrio de traballo"
"Este é unha das accións coas que dende a Plataforma de Galeras queremos recuperar a memoria do barrio, sobre todo destacando a súa condición de barrio de traballo", sinala. "En Santiago traballábase moito, o mundo do traballo era moi importante. Non era todo Igrexa e universidade", di. En Galeras estaba, por exemplo, unha fundición (Fundicións Franco, creada por un ex-empregado de Sargadelos) ou múltiples fábricas de coiro no río Sarela, onde se concentraban a maioría das 26 curtidorías de Compostela. Tamén a coñecida como Fábrica da Luz (no edificio empregado despois por Fenosa e hoxe en proceso de rehabilitación), unha cooperativa montada por un grupo de industriais de Santiago nos anos 10 e 20 do pasado século para escapar do monopolio do Banco Simeón, que lles cobraba moi cara a electricidade. "Mercaron unha turbina e comezaron a producir eles a enerxía", destaca Encarna Otero. Un exemplo de loita polo autoconsumo eléctrico hai cen anos.