Colectivos instalados no rural das provincias de Lugo e Ourense suman forzas na "asociación de asociacións" Rede Aldear, coa que buscan promover accións culturais diversas e visibilizar o traballo sociocultural e de desenvolvemento rural que se está a levar a cabo nestas contornas
O outono é época de colleitar e con el un feixe de colectivos presentan a súa suma de esforzos a prol da supervivencia da cultura do común no rural. Autodefínense como unha "asociación de asociacións sen ánimo de lucro de Lugo e Ourense que ten por obxectivo principal promover e integrar cultura nas aldeas". The Foundry, Xermolos, Casa do Río, Boán1, Casa Quindós, Fundación Uxio Novoneyra, Patio da Tola, Cinema Palleiriso, Sacra Experience, A Casa Vella, Sil Producciones, Outonía, A Arca da Noe e Ruralisto conforman a Rede Aldear.
"A nosa necesidade de re-pensar o rural e de entendelo como un espazo vivo, no cal defender o dereito a unha vida plena, conlévanos a ter un papel activo e a crer na participación como un modelo de xestión que permite a construción de novos diálogos e canles para os terriotorios que habitamos. Así mesmo, consideramos o noso vínculo co territorio como un eixo chave para a consecución e éxito de calquera tipo de iniciativa", defende a Rede Aldear.
"Estamos loitando contra unha homoxeneización da cultura”, conta Paula Pin, que fala de "escapar dos macroeventos" en beneficio de propostas relacionadas coa "cooperación" e a ”interdependencia"
Coa intención de cubrir as carencias que ten o eixo Lugo-Ourense, "a Rede opera como posible motor de cambio coa intención de paliar así o déficit de programación cultural e formativa neste territorio e visibilizar o traballo sociocultural e de desenvolvemento rural que se está a levar a cabo a través das diferentes entidades". Sempre entendendo a cultura nun sentido amplo, pero desde o micro.
"Existe unha necesidade de manter vivos os ecosistemas rurais desde o micro porque como somos moitas é unha rede moi diversa. Nese sentido, estamos loitando contra unha homoxeneización da cultura, defendendo a idea do decrecemento cultural, que escapa dos macroeventos en beneficio doutro tipo de propostas que teñen moito máis que ver coa cooperación e a interdependencia como eixos vertebradores da nosa interacción, conta Paula Pin, que forma parte da Casa do Río, unha organización sen ánimo de lucro creada polo artista Davide Salvado para a recuperación da cultura e a tradición cultural a través da música e de diversas actividades culturais.
O proxecto Aldearmos busca a participación dos axentes locais para "reactivar o tecido cultural" e o "asentamento de poboación nova"
A Rede Aldear estase a dar a coñecer agora, pero leva cociñándose a lume lento desde un pouco antes da pandemia da COVID-19. "En realidade, nós fixemos múltiples xuntanzas para crear isto e agora que bota andar poderemos ir contando en que consiste. Moitas queremos traballar desde a autoxestión, pero en realidade isto é moi complicado para realizar actos culturais. Desde a autoxestión traballamos a materia prima, digamos. De momento, estamos nun rexurdir despois do que foi a pandemia", apunta Paula Pin.
Con todas as dificultades que ten sacar adiante un proxecto colectivo con tantas sensibilidades diferentes, na Rede Aldear están a preparar unha ambiciosa iniciativa que desenvolverán ao abeiro do programa Territorio Cultura, as axudas para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas da Xunta de Galicia. Trátase de Aldearmos, que "emerxe da necesitade de propiciar e apoiar procesos participativos conformados por axentes locais das comunidades coa finalidade de fortalecer a reactivación do tecido cultural e o asentamento de poboación nova e en idade activa".
"O fortalecemento e valoración da identidade cultural contribúen a aumentar a autoestima da poboación local desalentada por décadas de marxinación", defende Paula Pin
"O fortalecemento e valoración da identidade cultural contribúen a aumentar a autoestima da poboación local desalentada por décadas de marxinación, espertan enerxías latentes e estimulan a cohesión social, ata xerar procesos con consecuencias económicas positivas, que poden reverter os procesos de despoboamento en curso”, salienta Paula Pin.
Nesta liña, Aldearmos ten tres eidos de acción que tratan de integrar a toda a comunidade local dos territorios nos que se van desenvolver. Está o 'Eido Itinerancias', que acolle a programación de espectáculos culturais de diferentes disciplinas artísticas, así como actividades pedagóxicas e de desenvolvemento rural. Aquí entrarían obradoiros como un de construción de pandeiros veganos ou accións relacionadas co canto e a danza, pero buscando un modelo sostible para convidar a artistas, docentes ou poñentes de primeira liña cunha programación itinerante que permita intervir en diferentes territorios. "Temos a intención de crear novos públicos no rural e de valorizar os espazos rurais coma espazos para a cultura", sinala Pin.
O Rural bioartLab pretende pór en marcha "unha pedagoxía transdiciplinar para por en valor o papel das ciencias naturais no contexto rural"
Terra, feminismo e liberdade. O 'Eido Aldear na escola' funciona como un espazo que permite fomentar a promoción de modelos de vida máis sustentables e que intervén no territorio sempre dende o respecto e a reconexión identitaria co mesmo. "Dende a rede somos conscientes de que existe unha necesidade de devolver o vínculo das persoas coa natureza e a sustentabilidade da vida. Por iso, as propostas están, ademais, vinculadas transversalmente co eido da educación ambiental, as cuestións de xénero e diversidade e a cultura aberta e libre", apunta Paula Pin.
Moitas das persoas que están a crear esta rede volveron á aldea nos últimos anos, despois de experimentar a vida en grandes cidades. Pero non todas, pois moitas non marcharon nunca do rural. Para Paula Pin hai un rural imaxinado que se constrúe entorno a mitos e crenzas que a miúdo son falsas e, ás veces, forman parte dos discursos creados desde unha visión externa.
Un proxecto que formará parte desde eido do programa Aldearmos é o Rural bioartLab, que pretende pór en marcha "unha pedagoxía transdiciplinar para por en valor o papel das ciencias naturais no contexto rural". Segundo salienta Pin, "a finalidade é xerar un contexto de laboratorio que a través de procesos prácticos de ciencia aberta capacite a mocidade para enfrontarse os retos ecolóxicos e de biodiversidade".
E no terceiro, o 'Eido Aldear Acompaña', entra en xogo a parte do proxecto que quere pór en valor a experiencia e o coñecemento dos socios e socias de Aldear. Parte da experiencia acumulada nestes dous anos de xuntanzas e das necesidades que foron xurdindo tanto de asesoramento como de consultoría para os novos proxectos. "A Rede Aldear conta coa experiencia para poder realizar este acompañamento aos novos proxectos en eidos tan necesarios como a constitución legal, a fiscalidade ou os procedementos de captura de financiamento", di Paula Pin.
"No fondo, do que se trata é da constitución, a través da Rede Aldear, dunha axenda de apoio ao cuarto sector da economía, caracterizado polo uso extensivo da tecnoloxía, do coñecemento e da intervención social", engade. A Rede Aldear ten moitas personalidades, uns colectivos teñen máis avanzado ca outros, como é o caso de Xermolos, a Fundación Uxío Novoneyra ou A Casa Vella pero todos conflúen na vontade de lograr que a pluralidade das súas asociacións pequenas constrúa un espazo común para a cultura no rural ourensán e lugués.