Aldealista, un 'Tinder' para dar visibilidade ás aldeas cun obxectivo final: fixar poboación

Capturas de pantalla da aplicación © Aldealista

O obxectivo inicial é dar visibilidade a estas aldeas para, a partir de aí, explorar as distintas posibilidades

O inicio do confinamento obrigado pola pandemia de Covid-19 sorprendeu a Juan Carlos Pérez Rodríguez na aldea abandonada de Castiñeiro, en San Xoán de Río, a terra dos seus avós, onde de cando en cando volvera para veranerar. Alí tivo que quedar ata que as fronteiras foron reabertas. O economista, nacido en Suíza de pais galegos, traballara toda a súa vida fóra de Galicia, desenvolvendo proxectos de software en Centroamérica ou Noruega, e de súpeto atopouse vivindo nun territorio practicamente despoboado, pero con núcleos e paisaxes de fermosura innegable aínda que moitas veces descoñecidas para a maioría e inaccesibles a través da web.

Nese momento naceu o proxecto de crear unha aplicación que facilitase o contacto entre estas aldeas abandonadas ou despoboadas e as persoas que en calquera parte do mundo poderían estar interesadas en pasar alí unha tempada -ben como turistas ou nunha estadía de teletraballo- ou mesmo marchar a vivir nelas, mercando e rehabilitando algunha das moitas casas que as compoñen.

A iniciativa distribúe entre os concellos de menos de 5.000 habitantes códigos QR impresos nunha baldosa que levan a unha plataforma web © Aldealista

A realidade de Castiñeiro, que acolle a sede de Aldealista, mudou completamente nos últimos dous anos, pasando a contar con seis veciños e veciñas e mesmo cun bebé acabado de nacer

O proxecto é Aldealista, unha app para dispositivos móbiles que busca facilitar este 'namoramento' entre aldeas e persoas e que emprega a mesma estrutura e funcionamento da aplicación para buscar parella Tinder, na procura de facer match. O obxectivo inicial é dar visibilidade a estas aldeas para, a partir de aí, explorar as distintas posibilidades. A aplicación será unha realidade este outono e, aínda que nace en Galicia, o obxectivo é estendela a todo o Estado español, incidindo nos territorios da chamada España baleirada.

Castiñeiras era un dos milleiros de núcleos de poboación deshabitados en Galicia. No ano 2020 tiña cero habitantes, o mesmo que outras dúas mil aldeas en todo o país, con outras 2.200 con dous habitantes ou menos. A realidade de Castiñeiro, que acolle a sede de Aldealista, mudou completamente nos últimos dous anos, pasando a contar con seis veciños e veciñas e mesmo cun bebé acabado de nacer.

O Concello de San Xoán de Río, un dos máis despoboados e envellecidos de Galicia está traballando nos últimos tempos por reverter esta situación, a través de distintas iniciativas

O conxunto do Concello de San Xoán de Río, un dos máis despoboados e envellecidos de Galicia (pasou de ter 2.700 habitantes en 1981 a pouco máis de 500 na actualidade), está traballando nos últimos tempos por reverter esta situación, a través de distintas iniciativas, nas que tanto Juan Carlos Pérez Rodríguez coma o rexedor Xosé Miguel Pérez Blecua, enxeñeiro de telecomunicacións, comparten responsabilidade e impulso. O concello recolleu o Premio ao Mellor Pobo Tecnolóxico do ano pasado, un galardón entregado polo grupo Prensa Ibérica, ademais de poñer en marcha iniciativas de coworking e carsharing.

A aldea de Castiñeiro, en San Xoán de Río, onde se sitúa a sede de Aldealista © Aldealista

Estas iniciativas foron destacadas mesmo polo The Wall Street Journal, que hai uns meses lle  dedicou unha reportaxe a San Xoán de Río

Estas iniciativas foron destacadas mesmo polo The Wall Street Journal, que hai uns meses lle  dedicou unha reportaxe a San Xoán de Río, destacando que no 2020, primeiro ano da pandemia, o envellecido concello ourensán gañou poboación por vez primeira dende 1950. O alcalde da vila dicía nese texto que "nesta pandemia demostramos que se pode cambiar a tendencia, que hai que atraer o talento o rural e que podemos mudar este sistema que quere concentrar o 80% da nosa poboación no 15% do territorio. Esta reportaxe é un SOS RURAL para os nosos dirixentes".

A iniciativa de Aldealista non se limita unicamente á app, senón que está a distribuír entre os concellos galegos de menos de 5.000 habitantes códigos QR impresos nunha baldosa que levan a unha plataforma web, un espazo que ofrecerá información turística e tamén comercial

A iniciativa de Aldealista non se limita unicamente á app, senón que está a distribuír entre os concellos galegos de menos de 5.000 habitantes códigos QR impresos nunha baldosa que levan a unha plataforma web, un espazo que ofrecerá información turística e tamén comercial, buscando converterse nunha vía para a potenciación do comercio local e para a distribución de producións artesanais. En novembro, co obxectivo de dar a coñecer esta plataforma, terá lugar na Coruña un encontro no que aqueles concellos interesados recibirán a súa baldosa de balde, elixindo despois o uso que lle queren dar á plataforma.

Juan Carlos Pérez Rodríguez, en conversa con Praza.gal, asegura que a súa intención é seguir traballando neste tipo de iniciativas para conseguir un relanzamento destas zonas rurais. Lembra, neste senso, o que a súa avoa, falecida durante a pandemia aos 102 anos de idade lle pediu: "dálle ás túas orixes o que esas orixes che deron a ti tamén".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.