As compras de aldeas deshabitadas: iniciativas illadas nun contexto xeral de abandono de núcleos

Aldea abandonada á venda na Pontenova © aldeasabandonadas.com

Hai dúas semanas coñecíase que unha muller de orixe francesa e residente en Madrid viña de adquirir unha aldea abandonada na Pontenova, Vides, na que prevé poñer en marcha un refuxio para a infancia. Historias coma esta, con compras de aldeas enteiras, son cada vez máis habituais no rural galego, aínda que a realidade é que son moitos máis os núcleos que cada ano fican deshabitados dos que saen desa situación grazas á súa ocupación por novos poboadores.

As compras de aldeas enteiras son cada vez máis habituais no rural galego, aínda que a realidade é que son moitos máis os núcleos que cada ano fican deshabitados

O pasado ano o número de núcleos de poboación deshabitados medrou en 43 máis, ata sumar xa 2.088. Outros 2.380 teñen un ou dous habitantes, moitos deles de idade avanzada, o que anticipa un futuro no que o número de núcleos abandonados seguirá a medrar.

Nos últimos anos foron varias as adquisicións que chamaron a atención dos medios tanto pola dimensión da aldea mercada (en ocasións composta por unha vintena de edificacións, entre vivendas, hórreos e outras construcións) como polos usos que os novos propietarios queren darlle ao lugar. Foi o caso da aldea de Bravos, situada en Ferreira, preto de Viveiro, mercada por un holandés residente en Berlín, co obxectivo de convertela nun complexo de coworking que quere ser máis ca iso.

Así naceu The Foundry (A Ferraría) un espazo que fai un chamamento a "escritores/as, artistas, artesáns e artesás e outros/as creadores/as" que queiran traballar fora dos límites institucionais da universidade e o mercado. Dende o ano 2018 máis de cen persoas realizaron estadías neste lugar, que levaba abandonado dende os anos 70 do pasado século.

O pasado ano o número de núcleos de poboación deshabitados medrou en 43 máis, ata sumar xa 2.088. Outros 2.380 teñen un ou dous habitantes, moitos deles de idade avanzada, o que anticipa un futuro no que o número de núcleos abandonados seguirá a medrar

O atractivo de Galicia e das súas aldeas non pasara desapercibido para Gwyneth Paltrow, que no ano 2018 recomendou como agasallo de nadal “ridículo pero incrible” unha aldea abandonada en Riotorto que se vendía por 150.000 euros. A aldea foi adquirida pouco despois por unha parella holandesa.

Tamén na Pontenova -ao igual que a aldea adquirida por unha francesa para crear un refuxio infantil- unha muller de Málaga adquiriu unha aldea completa (por un prezo de 60.000 euros) composta por seis vivendas que agora quere rehabilitar, realizando un investimento duns 400.000 euros para o que recibiron unha axuda da Xunta duns 80.000 euros. A aldea, chamada Vilaxe, está tan só a tres quilómetros no núcleo principal da Pontenova. "Cando aturas 40 graos durante todo o verán, chega un momento en que te aburres tamén da calor", declarou a malagueña entrevista polo xornal andaluz Ideal, explicando as razóns do seu traslado a Galicia.

Nos últimos anos foron varias as adquisicións que chamaron a atención dos medios tanto pola dimensión da aldea mercada (en ocasións composta por unha vintena de edificacións, entre vivendas, hórreos e outras construcións) como polos usos que os novos propietarios queren darlle ao lugar

Outro exemplo témolo na aldea de Os Pretos, situada na parroquia da Torre, en Vilalba, que foi adquirida por un grupo de xubilados e xubiladas de Madrid. Os Pretos, a oito quilómetros da capital do concello, levaba 50 anos abandonada. Este grupo de madrileños, que veñen de xubilarse queren empregala simplemente como vivenda, un lugar no que realizar un "retiro conxunto".

Noutras ocasións os compradores non son persoas chegadas de fóra, senón residentes no propio concello, e ás veces, mesmo descendentes dalgúns dos propietarios orixinais dalgunha das vivendas da aldea. Foi o caso de Berta Luna e Ángel Pérez, que adquiriron unha aldea preto de Samos, de nome Outeiro. O avó de Berta era "Pepe do Outeiro" e alí naceu a propia Berta, na "Casa Vella", que se converteu no centro dun proxecto turístico que abrangue tamén o resto de casas da aldea, que ficara deshabitada. Casas do Outeiro é un complexo que ofrece todas as comodidades (inclúe mesmo un spa), pero conservando a arquitectura tradicional da montaña de Lugo.

Casas do Outeiro, preto de Samos © Casas do Outeiro

Ducias de aldeas á venda

A Xunta puxo en marcha unha web que busca cumprir a función de rexistro e venda (ou alugueiro) de "núcleos rurais en estado de abandono"

Webs como aldeasabandonadas.com están especializadas na xestión deste tipo de compra-vendas de núcleos deshabitados e nelas pódense atopar ducias de aldeas galegas á venda de forma completa. Este verán o Goberno galego puxo en marcha unha web propia que busca cumprir un servizo semellante, especializándose no rexistro e na venda (ou alugueiro) de "núcleos rurais en estado de abandono". 

O obxectivo da páxina é poñer a disposición dos concellos "unha ferramenta que posibilite a difusión dos procedementos públicos de venda ou alugamento dos inmobles dos núcleos rurais declarados en estado de abandono para que as persoas propietarias, directamente ou a través de representante ou intermediario inmobiliario, podan ofertar os seus inmobles". De momento, a páxina da Xunta só inclúe -de xeito experimental- dúas aldeas abandonadas en Sober, pero o obxectivo é chegar a rexistrar uns tres mil núcleos, dos que case dous de cada tres terían ao redor das dez vivendas.

De momento, o catálogo de aldeasabandonadas.com é moito máis extenso, e inclúe 26 núcleos deshabitados en Lugo, 18 na Coruña, 8 en Ourense e 3 en Pontevedra

De momento, o catálogo de aldeasabandonadas.com é moito máis extenso, e inclúe 26 núcleos deshabitados en Lugo, 18 na Coruña, 8 en Ourense e 3 en Pontevedra, máis de medio cento en toda Galicia, aos que hai que sumar outras moitas no resto do Estado. Véndese dende unha aldea en Ourense que por uns 240.000 euros inclúe nove edificacións e mesmo unha capela e un cine abandonado ata outra en Cortegada, propiedade do propio concello, que se ofrece de xeito gratuíto sempre que sexa convertida nunha "aldea ambiental", rehabilitándoa e creando un complexo turístico e de ocio para a localidade.

Tamén se vende unha aldea completa en Ortigueira, con sete edificacións, por 125.000 euros, ou outra preto de Boiro por algo máis de 445.000 euros, formada por seis edificacións, entre elas unha capela abandonada. Lugo é a provincia que ten máis aldeas á venda, especialmente no norte da provincia, na Mariña ou no val do río Eo, nos concellos lindeiros con Asturias.

A aldea de Bravos, en Viveiro, onde se sitúa The Foundry © The Foundry

2.088 núcleos deshabitados, especialmente no norte de Galicia

Ortigueira e As Pontes son os concellos cun maior número de aldeas abandonadas

O Nomenclátor actualizado do IGE eleva o número de núcleos deshabitados a 2.088. O seu número é maior na zona norte de Galicia, no norte das provincias de Lugo e A Coruña, sendo Ortigueira (121) e As Pontes (87) os concellos cun maior número de lugares sen habitante ningún. Muras, Ourol, Viveiro, O Valadouro, Vilalba, A Fonsagrada ou As Somozas tamén figuran entre as localidades con máis aldeas abandonadas. No resto de Galicia temos tamén exemplos na Lama, A Cañiza, Palas de Rei, Friol, Valga e varios concellos das comarcas de Lemos e Chantada, como Pantón, Sober, Carballedo ou O Saviñao, ademais dos propios Monforte e Chantada.

O proceso de despoboamento das zonas rurais fai que dende hai décadas cada vez sexan máis os núcleos que fican sen residentes. No ano 2000, por exemplo, as aldeas abandonadas eran 1.236, unha cifra que case se duplicou en 19 anos. Na última década, dende o ano 2009, a cifra incrementouse case nun 40%, ao redor de 600 novos núcleos deshabitados.

Dende o ano 2009 a cifra de núcleos de poboación sen poboadores incrementouse case nun 40%, ao redor de 600 novos núcleos deshabitados

En xeral, as zonas que hai unha décadas contaban con máis núcleos deshabitados foron as que máis incrementaron o seu número de aldeas abandonadas. Trátase de comarcas caracterizadas por un tipo de asentamento da poboación disperso no territorio, o que leva a que existan moitos núcleos con pouca poboación en cada un deles. En cambio, no sur do país, sobre todo na provincia de Ourense, é máis habitual que a poboación se estruture en núcleos algo máis grandes, o que leva a que case non exista ningún totalmente despoboado (a pesar de que Ourense é a provincia que máis poboación está a perder).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.