Cando os europeos non viñeron a Lugo: o fracaso do 'senior resort' de Guitiriz 5 anos antes da aldea de Gwyneth Paltrow

Web publicada no seu momento sobre o proxecto de macroxeriátrico Ciudad Verde de Guitiriz CC-BY-SA Praza Pública

Antes de que a actriz recomendase unha aldea abandona en Riotorto, un proxecto inmobiliario propuxo un macroxeriátrico de 2.000 prazas que atraese maiores “de toda Europa, pola idoneidade do emprazamento, pola climatoloxía e polas horas de luz”

As reiteradas alertas lanzadas nos últimos anos sobre o despoboamento do interior de Galicia veñen alternándose, á espera de respostas firmes das administracións, con solucións procedentes da iniciativa privada que apostan pola repoboación con estranxeiros de elevado nivel adquisitivo. A última proposta en tal liña veu esta semana da man da actriz estadounidense Gwyneth Paltrow, que entre os regalos de nadal “ridículos pero incribles” que cada ano recomenda na súa web incluíu desta volta unha aldea abandonada en Riotorto á venta por 150.000 euros. Fronte á idea recorrente de repoboar con estranxeiros aldeas abandonadas, hai cinco anos unha empresa propuxo crear da nada tamén en Lugo, en Guitiriz, un macroxeriátrico de máis de 2.000 prazas que atraese xubilados “de toda Europa, pola idoneidade do emprazamento, pola climatoloxía e polas horas de luz”.

Se a proposta agora lanzada por Paltrow, e previamente por diversos medios de comunicación sobre outras aldeas abandonadas, implicaría non só o custo de adquisición senón importantes obras de rehabilitación, o proxecto que en 2011 comezou a tramitar unha pequena empresa de arquitectura madrileña que actuaba como pantalla de investidores descoñecidos implicaba o investimento de 135 millóns de euros para construír da nada unha cidade de xubilados cunhas 2.000 prazas en 173 hectáreas de monte comunal de Guitiriz. Malia ir en contra das premisas incluídas nas Directrices de Ordenación do Territorio da Xunta, que apostan pola recuperación de poboacións xa existentse fronte á construción de novos núcleos, o Goberno galego validou ambientalmente o proxecto, que os seus promotores chegaron a promocionar de xeito público a comezos de 2013 pero do que despois nunca máis se soubo. 

Fragmento do proxecto de Ciudad Verde de Guitiriz que apostaba por atraer usuarios "de toda Europa"

Expertos xeriatras chegaron a cualificar como "gueto" de maiores o proxecto, cuxo modelo tamén foi rexeitado pola Consellería de Política Social pero que obtivo o visto bo ambiental da Xunta

O plan económico daquel proxecto, que os seus promotores denominaron Ciudad Verde de Guitiriz e cualificaban como “senior resort” pero que expertos xeriatras chegaron a cualificar como “gueto” de persoas maiores e cuxo modelo foi rexeitado pola Consellería de Política Social, contemplaba que as prazas tivesen un custo de 1.800 euros ao mes, o que para os seus promotores supuña que os seus servizos estivesen “ao alcance de todos”. A cambio, os impulsores do proxecto, que pensaba pagar un aluguer anual de 30.000 euros á comunidade de montes na que se emprazaría, esperaban obter uns beneficios anuais duns 14 millóns de euros. O proxecto, dicían os promotores, atraería usuarios interesados do estranxeiro, “ao tratarse dun retiro idílico para persoas maiores de toda Europa, pola idoneidade do emprazamento, pola climatoloxía e polas horas de luz”.

Tras obter o visto bo ambiental da Xunta, pero aínda sen recibir todos os permisos necesarios, os promotores lanzaron a comezos de 2013 unha web na que informaban do proxecto. Porén, nunca chegaron a avanzar na súa tramitación e hoxe ese monte comunal de Guitiriz segue a estar ocupado por árbores e non pola cidade de anciáns europeos que defendían os seus promotores.

Mapa de Ciudad Verde de Guitiriz, nun monte comunal xunto á A-6, divulgado polos seus promotores

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.