En Galicia hai máis de tres mil núcleos de poboación que non contan con ningún habitante, segundo datos do INE de 2012. Destacan as cifras de Lugo, con 1.301 lugares deshabitados, seguida de A Coruña (1.135), Pontevedra (396) e Ourense (274). Algunhas reciben de cando en cando a visita dos seus propietarios, outras esmorecen co paso do tempo, algunhas foron abandonadas recentemente e outras levan décadas desocupadas.
Porén, comeza a ser frecuente que algún destes lugares abandonados se venden en webs especializadas. Algunhas constan dun par de vivendas, outras conforman unha aldea completa, ás veces cunha gran historia detrás. Entre os seus compradores hai quen simplemente quere rehabilitar unha casa para pasar nela os verán ou as fins de semana, e hai quen busca establecerse alí; hai tamén quen pensa en facer negocio, establecendo unha casa de turismo rural ou outros servizos. Hai compradores galegos ou españois e hai, moitos, ao redor do 60%, que proceden do extranxeiro.
Foi moi comentado nas últimas semanas a oferta do Concello de Cortegada, que cede de balde a aldea da Barca a quen a queira rehabilitar e dar nova vida. Na mesma web na que o concello realizaba a súa oferta atopamos ducias de exemplos de aldeas en toda Galicia que se venden, desta vez si, ao mellor postor.
Destaca, por exemplo, unha aldea na Terra de Trives, que se ofrece por 290 mil euros. Non son moitos cartos se se ten en conta que se ofrecen unha "espectacular residencia" de 1.000 metros cadrados en tres andares con "4 balcóns, 17 cuartos, 5 cociñas, 9 baños e 4 salóns", outras tres vivendas de 150 metros cadrados cada unha, nove cortes en módulos, unha capela "orixinalísima na súa arquitectura cilíndrica" e mesmo "un cine de 170 metros cuadrados con bar". Ademais, a aldea á venda conta cunha leira de 4,7 hectáreas.
Chama tamén a atención unha aldea deshabitada á venda na Pontenova, unha antiga ferreiría que se ofrece por 349 mil euros. Consta de sete vivendas, unha delas de 373 metros cadrados, e dous muíños, un total de 33 mil metros cadrados de terreo á beira do río. Mesmo se suxiren algúns usos posibles do lugar unha vez rehabilitado, dende casa de turismo rural até piscifactoría.
Tamén na Pontenova se vende outra aldea con seis edificios e 13 mil metros cadrados de predio, con pozo propio e "bo sinal de móbil", por apenas 62 mil euros.
En Ferreira de Pantón ofrécese un núcleo de 21 vivendas en plena Ribeira Sacra, preto de Santo Estevo. Consta de nove edificios cun total de 21 vivendas independentes, e mesmo conta cunha igrexa de seu, e propóñense usos coma ecoaldea ou residencia da terceira idade. Os seus propietarios foron rebaixando o seu prezo dende os 600 mil euros iniciais até os actuais 250 mil.
En Ribadeo véndese unha aldea de media ducia de vivendas e 130 mil metros cadrados de terreo, con moi boas vistas: "vistas panorámicas 360º" ás "poboacións de Ribadeo,Castropol, Figueras,…". Tamén se destaca a súa situación moi próxima á autovía do Cantábrico, o que eleva o seu prezo aos 449 mil euros.
Ou na Fonsagrada, en Romeán, onde se vende unha aldea con catro vivendas, muíño e hórreo, rodeados de bosque autóctono, por 350 mil euros.
Na Costa da Morte tamén hai ofertas, unha aldea de 3 vivendas, "con alpendres, hórreo e palleiros" que ademais goza "dun gran balcón fronte ao mar". Todo por 228 mil euros.
En Ortigueira venden por 180 mil euros un núcleo de tres edificios e 18 hectáreas de terreo, ideal para "teletraballo, camping rural, turismo rural, explotación agrícola e gandeira, uso particular...".
E en Amoeiro, a só oito quilómetros de Ourense, véndese un núcleo de dúas vivendas por 59 mil euros, cunha carballeira comunal e unha fonte antiga.
Aínda que a meirande parte das aldeas á venda se ofrecen para rehabilitar, tamén ha algunha xa reformada. Por exemplo, en Sanxenxo, véndese unha aldea completamente rehabilitada de catro vivendas por 549 mil euros, e dela destácase que conta con "forno de pan, colmea de avespas, lagar onde se facia o viño" e "arquitectura, decoración e mobiliario" acorde "co seu estilo mariñeiro".