Tras anunciar novos "chiringuitos biosostibles" con axudas públicas o Goberno galego facilita agora a ese sector hostaleiro un maior tempo de negocio na costa grazas ás novas competencias sobre o litoral que vén de asumir
Un mes despois de asumir o 1 de xullo competencias sobre o litoral transferidas polo Estado, o Goberno galego publicitou que xa dera 127 permisos para ocupacións temporais da costa como festas populares, festivais ou campamentos. A seguinte medida concreta que se coñeceu en aplicación das novas competencias, avanzada por Praza.gal, foi a convocatoria dun concurso de ideas para deseñar un novo modelo de "chiringuito biosostible" para as praias galegas.
Este xoves, no marco dun "cumio de municipios" entre Xunta e concellos arredor destas novas competencias, no que representantes de hostaleiros tiveron un lugar destacado, o propio presidente Rueda anunciou unha nova medida. Os chiringuitos poderán permanecer abertos entre Semana Santa e o verán.

Ata agora os chiringuitos instalados no litoral debían pechar entre o remate de Semana Santa e o comezo da tempada de verán, o 1 de xuño, volvendo pechar novamente o 31 de outubro. Pero agora a Xunta, en aplicación das súas novas competencias sobre a costa, vai impulsar unha "modificación lexislativa" para que eses negocios hostaleiros poidan permanecer abertos de xeito ininterrompido entre o comezo da Semana Santa e o 31 de outubro. Dependendo de cando cadre Semana Santa cada ano, a nova medida permitirá que os chiringuitos poidan abrir durante máis de 7 meses ao ano.
A Xunta xa avanzara, cando divulgou o concurso de ideas para deseñar os futuros "chiringuitos biosostibles", que estuda posibles axudas para "colaborar" na adaptación dos establecementos actuais ao novo modelo. Permitirlles abrir máis tempo ao ano sería segundo a Xunta un xeito de "favorecer un uso máis racional e rendible do litoral impulsando así a súa calidade e coidado".

A Xunta tamén prevé creación dunha rede privada de hoteis en edificios preexistentes para os que mesmo pedirá fondos da UE
En xeral, un dos motivos principais polos que a Xunta quixo asumir competencias sobre o litoral é o de permitir que edificacións abandonadas na costa, en lugar de seren retiradas, sexan aproveitadas por novos negocios, entre eles hostaleiros. A lei do litoral impulsada polo Goberno galego mesmo prevé a creación dunha rede privada de hoteis en edificios preexistentes para os que mesmo pedirá fondos da UE.