A Xunta quere usar as súas novas competencias sobre o litoral para facer "chiringuitos biosostibles"

'Chiringuito' nunha praia en Baiona e concurso de ideas convocado pola Xunta para facelos "biosostibles" CC-BY-SA Praza Pública

A Consellería de Medio Ambiente convoca un concurso de ideas para "transformar o concepto tradicional de chiringuito nunha instalación exemplar desde o punto de vista ambiental, social, funcional e paisaxístico"

Tras asumir hai menos dun mes, o pasado 1 de xullo, competencias sobre o litoral transferidas polo Estado, entre elas as de autorizar instalacións temporais nas praias, a Consellería de Medio Ambiente, a través do Instituto de Estudos do Territorio, vén de convocar un concurso de ideas "para o deseño dun prototipo de chiringuito biosostible" para as praias galegas. Unha iniciativa coa que o Goberno galego quere "transformar o concepto tradicional de chiringuito nunha instalación exemplar desde o punto de vista ambiental, social, funcional e paisaxístico".

Memoria xustificativa do concurso de ideas para deseñar "chiringuitos biosostibles" CC-BY-SA Praza Pública

O concurso de ideas para deseñar novos chiringuitos sostibles está dotado con 30.000 euros e a súa memoria xustificativa lígao directamente co recente traspaso de competencias sobre o litoral. "Con motivo da asunción destas competencias faise imprescindible repensar o modelo de ocupación e uso do litoral, promovendo infraestruturas que minimicen o seu impacto ambiental e se integren harmonicamente na paisaxe", di o documento, que engade que "as instalacións mais comúns son os establecementos dedicados á venda de bebidas, bocadillos, xeados e, en ocasións, comidas sinxelas -tapas, menús- que ocupan pequenas construcións situadas en espazos abertos, e que adoitan contar cunha terraza. Trátase do tipo de establecementos popularmente coñecidos como chiringuitos, que se sitúan en moitas praias do litoral".

O concurso está dotado con 30.000 euros e as propostas deberán distinguir praias naturais e urbanizadas e un máximo de 20 metros cadrados para o espazo pechado

"Estes chiringuitos de praia, como elementos tradicionais da oferta turística e recreativa, deben evolucionar cara a tipoloxías sostibles que respondan tanto ás demandas dos usuarios como aos principios de conservación da contorna natural", di Medio Ambiente, que promove o concurso de ideas para lograr "non só un redeseño arquitectónico, senón tamén unha revisión dos materiais utilizados, os sistemas de abastecemento e xestión de residuos, o consumo enerxético, a relación cos ecosistemas litorais, así como o seu funcionamento durante todo o ciclo de vida". "Trátase de buscar que a instalación destes chiringuitos non só sexa sostible e eficiente senón tamén harmónico coa natureza", sentencia.

Un chiringuito no litoral galego CC-BY-SA Xunta

As propostas participantes no concurso deberán buscar "unha adecuada integración na contorna, en distintas localizacións xeográficas, tipos de praia e emprazamentos na mesma, de ser necesario mediante a variación prevista de materiais da súa envolvente e elementos funcionais exteriores". Así, "como mínimo distinguirase entre contornas naturais e urbanizadas, podendo o concursante referirse tamén ás distintas áreas paisaxísticas e á súa posición en función dos elementos característicos da contorna en que finalmente se implanten".

Como instalacións de tempada que son, os chiringuitos propostos deberán ser desmontables e transportables para a súa retirada ao finalizar cada verán e non se poderán utilizar obras de fábrica para a súa fixación nin elementos non desmontables que impliquen deixar no litoral restos da instalación. As súas dimensións deberán contemplar unha superficie máxima pechada de 20 metros cadrados e outra aberta, para terraza, de 50 metros cadrados, sendo a ocupación total máxima de 70 metros cadrados.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, nun campamento de verán na praia de Miño a comezos deste mes de agosto CC-BY-SA Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.