A empregada emprestara servizos como teleoperadora dende a casa entre 2020 e 2023 por mor da pandemia, pero en 2024 a empresa obrigouna a traballar presencialmente malia a que ela acreditou que a súa nai, de 82 anos, necesitaba da súa atención
A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de recoñecer o dereito dunha empregada a seguir teletraballando para poder “atender máis facilmente á súa nai”, que está enferma. A sentenza declara o dereito desta muller á adaptación das condicións de traballo por conciliación da vida familiar e laboral, e outórgalle unha indemnización de 3.750 euros “en atención aos danos e prexuízos causados sobre a debida atención ás necesidades de conciliación, pois a denegación empresarial da solicitude de conciliación, sen ofrecer alternativa, impediu á demandante atender a súa nai”.
A empregada traballa na empresa Teleperformance dende o ano 2019. Faino a tempo parcial (25 horas á semana), cun salario bruto de 879,59 euros mensuais, incluído o prorrateo das pagas extra. Dende o ano 2020, a consecuencia da pandemia de Covid, viña realizando o seu traballo dende a casa “sen que conste ningunha incidencia negativa en relación co rendemento ou a produtividade alcanzada”, destaca a sentenza.
O Tribunal afea á compañía que non acreditase as "razóns operativas" que impedían o teletraballo e que non ofrecese alternativas híbridas
En xaneiro de 2024 a empresa comunicoulle que debía finalizar o teletraballo e pasar a realizar a súa actividade na sede da empresa porque a campaña na que traballaba, “por razóns operativas”, continuaría en réxime presencial. Ela respondeu cunha solicitude para continuar en teletraballo debido á que a súa nai, de 82 anos e cun "grave deterioro da saúde" necesitaba e dependía dos seus coidados. E mesmo achegou un informe médico sobre a súa nai que reflectía que necesitaba de axuda para actividades da vida diaria.
Porén, a empresa denegou a solicitude, o que levou á traballadora a recorrer xudicialmente para ver recoñecido o seu dereito ao teletraballo. Unha primeira sentenza deu a razón á empresa, pero non o Tribunal Superior, que si atendeu o seu recurso. A Sala do Social recoñece que a empresa "optou por unha opción legalmente posible, pero esa opción obriga a acreditar non só a imposibilidade de aplicar a proposta da traballadora, tamén debe acreditar a ausencia de alternativas viables desde a perspectiva empresarial”.
A sentenza declara o dereito da emprega á adaptación das condicións de traballo por conciliación da vida familiar e laboral, e outórgalle unha indemnización de 3.750 euros “en atención aos danos e prexuízos causados"
O TSXG conclúe que, neste caso, non resultou acreditada a imposibilidade de aplicar a proposta da traballadora porque non se probou “que as ‘razóns operativas’ para non permitir ningún teletraballo na campaña da propia traballadora, a pesar de permitilo nos catro anos anteriores, non permitan cando menos un traballo híbrido"
O tribunal subliña que dentro das dúas opcións que a lei permite á empresa (denegar a proposta ou ofrecer alternativas), a compañía optou “pola opción máis radical de negar a proposta da traballadora a través de dúas comunicacións, sen expor en ningún momento ningunha contraproposta (por exemplo, unha proposta híbrida teletraballo / traballo presencial), nin posibilitar unha negociación coa traballadora". A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.
190 mil persoas non teletraballan en Galicia a pesar de que o seu tipo de emprego o permitiría
Ao redor de 114 mil persoas teletraballan en Galicia, total ou parcialmente e outras 190 mil non teletraballan en Galicia a pesar de que o seu tipo de emprego o permitiría
Ao redor de 114 mil persoas teletraballan en Galicia, total ou parcialmente, o que equivale ao 10,2% das persoas que teñen un emprego remunerado, segundo datos do INE correspondentes ao ano 2024. É unha porcentaxe que se sitúa por debaixo da media española (15,1%) e que aínda que supera o dato de 2022 e 2023 fica aínda por debaixo da cifra de 2021, aínda baixo o impacto da pandemia de Covid.
O INE tamén revela que ademais destes 114 mil traballadores e traballadoras que realizan a súa actividade dende a casa, hai outros 190 mil -ao redor do 17% do total- que non teletraballan a pesar de que o seu tipo de emprego o permitiría. O INE non especifica se non practican o teletraballo porque o seu empregador non o permite ou porque eles e elas non queren.