190 mil persoas non teletraballan en Galicia a pesar de que o seu tipo de emprego o permitiría

Un ordenador © Microsoft

Ao redor de 114 mil persoas teletraballan en Galicia, total ou parcialmente, o que equivale ao 10,2% das persoas que teñen un emprego remunerado. É unha porcentaxe que se sitúa por debaixo da media española (15,1%), que tan só superan Madrid (onde teletraballa o 26,7%) e Cataluña (21,5%)

Ao redor de 114 mil persoas teletraballan en Galicia, total ou parcialmente, o que equivale ao 10,2% das persoas que teñen un emprego remunerado. É unha porcentaxe que se sitúa por debaixo da media española (15,1%), que tan só superan Madrid (onde teletraballa o 26,7%) e Cataluña (21,5%). No resto do Estado o teletraballo non está tan estendido e Galicia sitúase nun lugar intermedio, no posto noveno entre as 17 comunidades autónomas, por detrás tamén de Andalucía ou Euskadi, pero por diante de Cantabria, A Rioxa, Canarias, Aragón, Asturias, Estremadura, Castela-A Mancha ou Murcia.

Son datos da Enquisa sobre equipamiento e uso de tecnoloxías de información e comunicación nos fogares correspondente ao ano 2024 e que o INE publicou este xoves. A enquisa ofrece información sobre a extensión do teletraballo, as condicións nas que se realiza e a valoración realizada polos traballadores e traballadoras.

Hai, ademais, unha porcentaxe significativa de traballadores e traballadoras galegas que non teletraballan a pesar de que o seu tipo de emprego o permitiría. É o 17,2% da poboación ocupada, que equivale a algo máis de 190 mil persoas

Ademais do dato sobre as persoas que efectivamente accederon ao teletraballo, a enquisa informa tamén sobre as que poderían facelo polo tipo de traballo que realizan. En realidade, segundo os datos do INE, hai unha ampla maioría de poboación ocupada que de ningún xeito podería realizar o seu traballo de forma remota, cunha porcentaxe que en Galicia chega ao 72,5%, algo por riba da media española (66,5%). 

Pero hai, ademais, unha porcentaxe significativa de traballadores e traballadoras galegas que non teletraballan a pesar de que o seu tipo de emprego o permitiría. É o 17,2% da poboación ocupada, que equivale a algo máis de 190 mil traballadores e traballadoras. O INE non especifica se non practican o teletraballo porque o seu empregador non o permite ou porque eles e elas non queren.

No 2024 o número de persoas que teletraballan en Galicia pasou de 95 mil a 114 mil

O INE amosa que ao redor da metade dos traballadores galegos que poderían teletraballar de forma total (o 9,8%) efectivamente traballan de forma remota. Ademais, hai outro 17,7% que poderían teletraballar de forma parcial; entre eles e elas menos dun terzo teletraballou e máis de dous de cada tres non o fixeron.

Os datos desta enquisa permiten observar a evolución do teletraballo nos últimos anos dende unha primeira entrega do estudo no ano 2021, nun momento no que a pandemia de Covid disparou as empresas que permitían traballar de forma remota. De feito, a proporción de poboación ocupada que nese ano traballou dende casa (o 10,8%) aínda non foi superado, descendendo ao 8,8% no 2022 e ao 8,6% no 2023. Neste 2024 destaca o forte incremento da porcentaxe, que medra en 1,6 puntos. O número de persoas que teletraballan en Galicia pasou de 95 mil a 114 mil

Aumentou tamén o número medio de días teletraballados (3,3 á semana) e a valoración que se realiza desta opción (8,4 sobre 10)

No último ano aumentou tamén o número medio de días teletraballados por aquelas persoas que traballaron de forma remota, que chegou aos 3,3 días á semana. 

Tamén se incrementou a valoración que do teletraballo fan as persoas que gozan desta opción e que lle outrogan unha media de 8,4 puntos sobre 10, case un punto máis que no ano 2023. O 83% outórganlle unha valoración entre 8 e 10 puntos.

O 86,9% da poboación galega conéctase a diario a Internet e o 53,6% mercou de forma online nos últimos tres meses

O estudo do INE inclúe tamén información sobre o equipamento de tecnoloxía nos fogares e do uso que a poboación galega fan de internet. Así, vemos como o 95% das vivendas galegas dispoñen de conexión a Internet, o 80% contan con algún tipo de ordenador, o 99,5% con algún teléfono móbil e o 58,4% teñen teléfono fixo.

Ao tempo que foi medrando a porcentaxe de fogares con conexión a Internet, aumentou tamén a proporción de persoas que se conecta á rede a diario (cando menos 5 días á semana). En Galicia é xa o 86,9% da poboación, algo por debaixo da media española (91,5%). O crecemento foi moi rápido nos últimos anos, pois en 2017 tan só o 58,7% da poboación dicía conectarse a diario.

O 63,4% dos nenos e nenas entre 10 e 15 anos teñen xa teléfono móbil de seu

Tamén foi medrando a proporción de persoas que merca a través da rede (ou que o fixo cando menos unha vez nos últimos tres meses). Na actualidade faino o 53,6% da poboación galega, un pouco por debaixo da media española (56,7%) e un dato que duplica o nivel de hai unha década.

O INE achega tamén información sobre o uso da tecnoloxía pola infancia, indicando por exemplo que o 63,4% dos nenos e nenas entre 10 e 15 anos teñen xa teléfono móbil de seu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.