Galicia bate marcas en excedencias para coidar crianzas malia a alta demanda e gratuidade nas escolas infantís

Unha nai coa súa filla, nunha cidade galega CC-BY-SA Xunta

Galicia foi a comunidade autónoma onde máis aumentaron as excedencias por coidado de crianzas, menores acollidos ou familiares durante o pasado ano. Foron un total de 1.607 permisos non retribuídos, un 32,6% máis que en 2022, segundo os datos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, que indican que o incremento foi de máis do dobre do que se deu no conxunto do Estado, onde quedou no 15,5%. 

O permiso supón a posibilidade de suspender temporalmente o contrato laboral dun traballador ou traballadora para o coidado de fillos —ata os tres anos— ou familiares e implica, en moitos casos, a alternativa que moitas persoas atopan para superar os problemas para a conciliación. Cando é posible, xa que —loxicamente— a excedencia deriva tamén nunha importante perda de ingresos. 

Galicia foi a comunidade onde máis aumentaron as excedencias por coidado de crianzas ou familiares en 2023, o 81% solicitadas por mulleres

As cifras para Galicia, malia o importante incremento, non supoñen, polo momento, un claro cambio de tendencia: as 1.607 excedencias —na súa maioría para o coidado de proxenitores— de 2023 son case 400 máis que as do exercicio anterior pero menos dun cento máis que no último ano antes da pandemia da COVID, en 2019, cando alcanzaran as 1.509. De feito, o impacto do coronavirus, os ERTE, o teletraballo e a baixa natalidade levaron estes permisos non retribuídos a ese mínimo de 1.212 en 2022. 

O que se mantén inalterable e a descompensación que se dá entre xéneros á hora de solicitar estas suspensión temporais de emprego para o coidado de crianzas ou familiares: o 81% do total corresponden a mulleres, sobre 1.300, mentres que pouco máis de 300 foron solicitadas por homes. A enorme diferenza por sexos, con todo, é aínda maior no conxunto do Estado, onde o 84% dos permisos son solicitados por mulleres.

En plena carreira electoral, os datos sobre estas excedencias abren o debate sobre a imprescindible (e difícil) conciliación e sobre a necesidade de medidas que a favorezan, nomeadamente de prazas en escolas infantís, de 0 a 3 anos, con prazas cheas e alta demanda, o que non impide que se incremente a petición duns permisos que van máis aló de tirar de avós ou coidadores á marxe dun soporte público. 

Na actualidade en Galicia hai máis de 31.000 prazas en escolas infantís, entre públicas —da Xunta ou municipais— e privadas; e "todas elas son gratuítas", segundo explica a Consellería de Política Social. Cobren arredor de dúas terceiras partes do total de cativos e cativas de entre 0 e 3 anos. 

Porque o presente curso é o segundo no que estes centros son de balde con carácter universal para todas as familias, unha "medida pioneira" da que presumen Goberno galego e PP, que supón un gasto de 55 millóns anuais de fondos propios, segundo din, "e que moitas outras comunidades xa queren imitar", como destacan os populares no programa electoral para o 18F. 

Unha iniciativa que, con todo, provocou o colapso ante a falta de regulación no acceso ás escolas privadas, quedando moitas familias que necesitan praza sen ela por non seren tan rápidas na matriculación e sen ter onde deixar os cativos, mesmo apostando por pagar. Non hai prazo de matrícula único, nin lista universal nin requisitos por proximidade ou situación laboral e os centros non públicos carecen de criterios de admisión malia estaren subvencionados pola Xunta. 

Malia a caída da natalidade, a gratuidade encheu as prazas das escolas infantís. E a apertura dos prazos para para o vindeiro curso xa está a encher nesta altura as dos centros privados.

Segundo os datos deste Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, en Galicia funcionan unhas 560 escolas infantís (sumando nesta cifra os Puntos de Atención á Infancia). 323 son públicas, 178 son privadas con ánimo de lucro e 59 son de iniciativa social (privados sen ánimo de lucro).

As prazas públicas da Xunta supoñen apenas un terzo do total de prazas, unhas 31.000, todas elas gratuítas tras a medida impulsada pola Xunta, que provoca o colapso en moitos centros

A Xunta conta con algo menos de 11.000 prazas entre as das escolas da Galiña Azul, uns 150 centros, e as dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais. Supoñen sobre un terzo do total de prazas dispoñibles, incluíndo no total as privadas. E abranguen menos dun cuarto do conxunto de crianzas entre 0 e 3 anos. 

No seu programa electoral, o PPdeG asegura que a gratuidade desta primeira etapa de educación infantil provoca que Galicia "xa sexa a comunidade autónoma con maior ratio de escolarización" nesa franxa de idade. Entre as súas propostas, os populares apostan por que o país teña "unha cobertura total de recursos de conciliación gratuítos de atención á infancia de 0 a 3 anos para que todos os concellos conten cun servizo de atención aos máis pequenos". 

Ademais, advirten que un goberno do PP seguirá "garantindo a gratuidade das escolas infantís", aínda que o programa pide "colaboración" ao Estado "no financiamento" desta medida, "á cal o Goberno central non destina nin un só euro". "Unha medida tan eficaz e útil para as familias precisa do apoio ineludible do Goberno do Estado", repite. 

Unha nai dá o peito a un bebé, nunha imaxe de arquivo divulgada polo Sergas © Sergas

O PSdeG lembra o investimento do Goberno central para a creación de prazas de 0 a 3 anos e o BNG aposta por ampliar a rede de escolas infantís públicas

Unha demanda que acotío é contestada polo PSdeG, que lembra que aínda o pasado mes de novembro foi aprobado un investimento de máis de 18 millóns de euros para o ensino público en Galicia, dos que máis de 7 eran destinados á creación de 1.139 prazas de educación infantil gratuítas, froito dun plan de mellora educativa que suporá a creación dun total de 65.000 prazas en todo o Estado co propósito de "mellorar a conciliación das familias, a equidade educativa e o equilibrio territorial". 

Pola súa banda, o BNG, no seu programa, vai máis aló e aposta tamén pola "gratuidade e universalización do ensino 0 a 3 anos" pero "garantindo prazas suficientes a través dun plan de ampliación da rede de escolas infantís públicas no que se inclúa o número de prazas de nova creación, lugares ou criterios de localización das mesmas, previsión temporal e orzamento de execución". 

Así, aposta por "ter en conta neste plan as necesidades de conciliación nas contornas laborais como criterio de implantación de novos centros" e tamén pola creación dun "servizo público de coidado de menores a domicilio dirixido a cubrir necesidades de conciliación de natureza extraordinaria tanto das crianzas (desde os 4 meses até os 12 anos) como das persoas adultas responsábeis por motivos laborais". 

Ademais, o Bloque propón "integrar toda a etapa educativa de educación infantil (0 a 6 anos) no ámbito da consellaría competente en materia de educación". E lembra, debullando os datos, que "a maior parte das escolas infantís, centros de día, centros dirixidos a persoas con discapacidade ou residencias de maiores son privados sendo aqueles de titularidade e xestión pública os menos". Por iso, insiste, a necesidade de aumentar a rede pública de escolas para os máis pequenos, así como "mellorar o financiamento" dos centros municipais, "eliminando os efectos negativos que as decisións unilaterais do PP tiveron para as facendas locais e fomentando o traballo en rede". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.