O inicio da primavera, as contratacións para a Semana Santa e especialmente o impulso da hostalería fixeron que Galicia crease máis de 7.500 empregos no pasado mes ata situar o total de afiliacións medias á Seguridade Social en 1.095.875, a mellor cifra nun mes de marzo, superando o máximo histórico que se alcanzara en 2008 e con 16.479 persoas cotizantes máis que hai un ano.
As case 1,096 millóns de persoas cotizantes supoñen a mellor cifra de emprego nun mes de marzo en Galicia
Este incremento do 0,7% mensual achégase ao case 1% de suba a nivel do Estado, onde o sistema gañou unha media de 211.510 cotizantes con respecto ao mes anterior no mellor marzo da historia, o que provoca que, en termos desestacionalizados, o mercado laboral alcance por primeira vez os 22 millóns de persoas afiliadas.
O dato facilitado polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións foi celebrado polo presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, que cun vídeo nas redes —vestido coa camisola da selección española de fútbol co número 22— celebrou que "por primeira vez" se alcanzase esa cifra.
"Sodes os que levantades, empurrades e construídes este país. Un equipo que está facendo historia. 22 millóns de empregos!", escribiu.
É o mellor marzo da historia en creación de emprego no Estado, xa que nunca antes se dera un incremento de 211.000 persoas cotizantes neste mes. En Galicia, a cifra de 7.644 persoas máis traballando supón a segunda mellor nun mes de marzo, só superada polo aumento producido en 2023 e algo por riba do que se dera hai un ano.
O pasado mes é o mellor marzo da historia en creación de emprego en España e o segundo en Galicia
En contraste, non tan lonxe, os case 10.000 empregos que se destruíran en 2020 tras o estoupido da pandemia da COVID, un descenso no número de persoas traballadoras que segue a ser o maior da serie histórica. Agora, e coas consecuencias da guerra en Oriente Próximo sentíndose xa nos prezos, o impacto no emprego do conflito non chega polo momento.
Pola contra, o impulso no mercado laboral do Estado vén marcado, sobre todo, pola hostalería, que sumou case 80.000 novas persoas ocupadas polas contratacións de cara á Semana Santa, unha circunstancia semellante en Galicia. No país, o incremento neste sector en marzo foi de case 2.500 persoas en comparanza con febreiro.
A hostalería é clave no impulso do mercado laboral en Galicia: máis dun terzo das 7.000 afiliacións máis no réxime xeral foron neste sector
O dato é aínda máis clarificador se comparamos os últimos días de cada mes: o 31 de marzo, martes santo, o número de persoas traballadoras na hostalería afiliadas á Seguridade Social en Galicia rozaba as 84.000, fronte ás algo menos de 80.000 do último día de febreiro. Un aumento de 4.068 empregados e empregadas en bares, restaurantes e empresas de aloxamento.
De feito, dos case 7.000 afiliados e afiliadas máis no último mes en Galicia nos réximes xeral e agrario, un 35,3 % corresponden á hostalaría (máis dun terzo), fronte a un 13,2 % a actividades profesionais científicas e técnicas, un 10,9% ás administracións públicas, un 10 % á sanidade, un 9,1 % a actividades administrativas e un 7,2 % á educación. En total, o sector servizos acapara oito de cada dez empregos creados.
O sector servizos tira da baixada do paro
Ademais, e segundo os datos do Ministerio de Traballo, o paro rexistrado en Galicia no mes pasado baixou en 1.388 persoas ata situarse nun total de 114.670 desempregadas. Un descenso do 1,2%, doutra volta a menor cifra nun mes de marzo e un descenso de arredor de 4.500 con respecto a hai un ano.
O paro descendeu en todas as provincias agás na de Ourense, onde houbo un lixeiro incremento, e ao igual que no caso das afiliacións é o sector servizos o que marca o ritmo do mercado laboral, con 1.136 desempregados menos fronte a baixadas moito menores na agricultura (-13 ), industria ( -75) ou construción (-240 ).
No conxunto do Estado, o emprego rexistrado descendeu en case 23.000 persoas en marzo e en máis de 160.000 con respecto a hai un ano. Unha baixada, esta última, do 6,2%, case tres puntos superior á que se deu en Galicia en termos interanuais.
O 44% dos contratos asinados en marzo en España foron indefinidos fronte ao 33,7% en Galicia
Por outra banda, o impacto da Semana Santa tamén se deixa ver no número de contratos asinados en marzo, con 57.370 e case 9.000 máis que en febreiro e 5.300 máis que no mesmo mes do pasado ano.
Con todo, aquí Galicia segue a amosar unha clara eiva con respecto ao Estado malia o avance na contratación indefinida: mentres no conxunto de España representa o 44%, no país queda en máis de dez puntos menos, o 33,7% do total. Un detalle que, como advirten os sindicatos, revela tamén un crecemento do emprego baseado en "actividades estacionais e de baixo valor engadido", como lembra CCOO.
Ademais, como destaca a CIG, o 40% das novas altas rexistradas na Seguridade Social foron formalizadas mediante contratos fixos descontinuos.
Mentres, desde a Xunta, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou a redución do paro e o feito de que Galicia pachase "o mellor marzo en afiliacións" e con récord de desemprego.
Ademais, a Consellería gábase de que, en relación aos colectivos prioritarios, "tanto no caso das mulleres como no dos parados de longa duración rexístrase a cifra máis baixa de desemprego para un mes de marzo de toda a serie".