Febreiro rexistrou un aumento do emprego en máis de 4.400 persoas en Galicia, un incremento notable na liña do que adoita acontecer neste mes tras as habituais caídas na afiliación media en xaneiro. Esta suba que indican os datos do Ministerio da Seguridade Social —semellante á dos últimos anos— coincide coa alza do paro rexistrado en 914 persoas, ata superar por pouco as 116.000 apuntadas nas oficinas de emprego, case 5.000 menos que o ano pasado nesta altura.
O emprego medrou en Galicia en máis de 4.400 persoas, na liña de todos os meses de febreiro, e o paro rexistrado aumentou en 914
O incremento no emprego deixa o número total de afiliacións á Seguridade Social en 1.088.231, unha cifra importante non moi lonxe do pico alcanzado no xullo pasado e que supón un aumento en máis de 16.000 empregos con respecto a hai un ano.
A afiliación en febreiro subiu de xeito importante no ensino (1.200 empregos máis), na industria manufactureira (cun incremento de algo máis dun milleiro), nas actividades administrativas (878), na construción (638) e nas profesionais (506). Pola contra, o emprego caeu no comercio e na administración pública (609 e 258 afiliados e afiliadas menos, respectivamente).
No conxunto do Estado, e malia a suba no paro rexistrado en algo máis de 3.500 persoas, o aumento do emprego rozou as 100.000 (97.004), unha suba que é a terceira máis elevada en termos absolutos da última década.
O emprego creceu especialmente no ensino ou na industria e caeu no comercio
Con todo, Miguel Tellado, secretario xeral do PP, apurou para advertir dos "contos sanchistas e do triunfalismo do Goberno" ante a "crúa realidade" que, segundo el, se traduce no "peor" dato de paro en febreiro desde hai 12 anos, exceptuando o 2021 pola pandemia, ou no feito de que España sexa "o segundo país con máis desemprego xuvenil de Europa" e o que "encabeza o feminino".
"Con Sánchez os españois non poden acceder a unha vivenda, son cada vez máis pobres e pagan máis impostos para recibir peores servizos. Mentres tanto, o Goberno segue sen orzamentos. Vale xa de foguetes e de trolas", engadiu Tellado, nunhas declaracións que contrastan coas dos gobernos populares autonómicos.
Porque mentres o dirixente do PP criticaba os datos e advertía de "trolas", a Xunta presumía das cifras do mercado laboral nun comunicado, lembrando que Galicia acadou "o mellor febreiro en afiliacións e o paro máis baixo dese mes".
Tellado critica os "contos sanchistas e o triunfalismo" duns datos de emprego e unha "tendencia positiva" da que presume a Xunta
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, destacou que Galicia reducise o paro en preto 5.000 persoas con respecto a hai un ano ou que no caso das mulleres e os parados de longa duración se rexistrase "a cifra máis baixa de desemprego para un mes de febreiro de toda a serie", desde maio de 2005.
Ao contrario das palabras de Tellado, e tendo en conta "a lixeira suba no paro" na comparativa mensual, Fernández aclarou que "a evolución do mercado laboral debe analizarse desde unha perspectiva a medio e longo prazo e que os datos amosan que a tendencia sostida no tempo continúa a ser positiva, consolidando os mellores datos históricos nun mes de febreiro".
De feito, a valoración desde a Xunta coincide en boa parte coa que fixo e nivel estatal a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, que destacou que a leve suba do paro en febreiro era "a menor desde 2008". Tamén aproveitaba para sinalar, "na semana do 8M", que a cifra de mulleres en paro está "no seu nivel máis baixo nos últimos 18 anos nun mes de febreiro" ou que a contratación indefinida segue "crecendo a bo ritmo" ao alcanzar o 44% de contratos asinados nesta modalidade cando antes da reforma laboral "tan só era do 10%".
Un terzo dos contratos en Galicia son indefinidos fronte ao 44% do conxunto do Estado, máis de dez puntos por riba
En Galicia, onde o número de contratacións en febreiro descendeu en 3.300, a porcentaxe que destas son indefinidas segue a ser notablemente inferior á do conxunto do Estado, superando por pouco o terzo do total (33,7%), máis de dez puntos por baixo.
Segundo os datos difundidos polo Ministerio de Traballo, a contratación indefinida en Galicia caeu en febreiro un 2 %, mentres que a temporal fíxoo nun 8,4 %.
En canto ao paro rexistrado en Galicia, sobe lixeiramente en todas as provincias pero tan só no sector servizos e no colectivo sen emprego anterior. Na construción, a industria e o sector primario o número de persoas paradas mantense estable con pequenos incrementos.
Máis paro feminino
En Galicia, ademais, están no desemprego 48.632 homes (313 máis que en xaneiro) e 67.426 mulleres (601 máis que no mes anterior), polo que seis de cada dez persoas paradas, como destacan os sindicatos, seguen sendo mulleres
Por outra banda, o Ministerio de Seguridade Social aproveitou tamén a semana do 8M para debullar datos sobre a afiliación de mulleres, destacando que a cifra supera de maneira continuada os dez millóns no último ano, ou que as mulleres supoñen xa o 47,3% do total de persoas afiliadas no Estado, un punto porcentual máis que en 2018.
Por provincias, destaca o ministerio, hai 18 que superan o 48%, entre elas todas as galegas. De feito, a de Lugo é, xunto a de León, a que acada unha maior porcentaxe, co 49,7% da afiliación feminina.