No conxunto do ano 2025 o paro descendeu nun 5,73% en Galicia, unha evolución semellante á seguida no conxunto do Estado (-5,94%)
O desemprego incrementouse en 459 persoas en decembro en Galicia. Unha pequena suba que, con todo, contrasta co descenso experimentado no conxunto do Estado (-16.291). A cifra total de persoas inscritas nas oficinas dos servizos públicos de emprego pechou o ano en 112.031, cunha caída de 6.807 dende o 31 de decembro de 2024.
Así, no conxunto do ano 2025 o paro descendeu nun 5,73% en Galicia, unha evolución semellante á seguida no conxunto do Estado (-5,94%). No conxunto de España hai nestes momentos 2.408.670 persoas inscritas nos servizos de procura de emprego, nunha tendencia de descenso que suma xa 56 meses consecutivos (case cinco anos) de redución en termos interanuais.
Galicia foi unha das sete comunidades autónomas nas que se incrementou o paro en decembro. O ascenso en Galicia debeuse principalmente á suba do desemprego no sector industrial (285 persoas paradas máis) e na construción (+274), mentres o paro baixou no colectivo de persoas sen emprego anterior (-236).
Neste momento hai 1.097.288 persoas afiliadas á Segurida Social en Galicia. A cifra supón unha caída de 3.350 con respecto ao mes de novembro, fronte ao ascenso de 19.180 traballadores e traballadoras no conxunto do Estado.
Porén, nos últimos 12 meses o número de persoas con emprego remunerado en Galicia aumentou en 17.715, un 1,64% máis que no remate de 2024, unha mellora algo inferior á rexistrada no conxunto de España (+2,37%). Neste 2025 o número de persoas ocupadas superou os máximos acadados nos anos 2007 e 2008, antes do inicio da Gran Recesión.
Comisións Obreiras considera que os datos do paro publicados este luns indican que durante o ano 2025 houbo "unha mellora cuantitativa no emprego en Galicia", con menos persoas paradas e unha suba da afiliación á Seguridade Social. Pero en termos cualitativos, engade o sindicato, "seguen a manterse eivas que tanto a Xunta como as empresas deben comprometerse a superar neste 2026". "Compre avanzar nun modelo produtivo baseado en empregos ben remunerados e en sectores de alto valor engadido", sinala Maica Bouza, secretaria de Organización e Políticas Públicas de CCOO.