Xaneiro destrúe 13.500 empregos en Galicia, con menos dun terzo dos contratos indefinidos

Unha dependenta atende unha clienta nunha tenda de roupa CC-BY-SA Xunta

Como cada ano, o mes de xaneiro deixa unha importante destrución de emprego e un incremento do paro en Galicia. O final das festas e da campaña de Nadal, unido a unha época de escaso movemento económico e o mal tempo, provocou que se perdesen milleiros de postos de traballo. 

Galicia destrúe case 13.500 empregos en xaneiro e o paro rexistrado sobe en máis de 3.000 persoas

Concretamente, a caída na afiliación media á Seguridade Social foi de 13.462 persoas, un descenso de máis do 1,2% con respecto a decembro, en liña co que se produciu no conxunto do Estado (-1,24% e case 271.000 persoas afiliadas menos). 

Así, o número total de traballadores e traballadoras afiliadas de media baixou no primeiro mes do ano ata 1.083.826, unha cifra que segue a ser moi alta logo de que o mercado laboral alcanzase cifras históricas no pasado 2025. De feito, son 16.737 empregos máis que hai un ano tras un incremento do 1,57%, algo por baixo do que se experimentou a nivel estatal, do 2,26%. 

Galicia é a terceira comunidade con maior suba do paro en termos absolutos e a cuarta en termos relativos

Ao tempo, o paro rexistrado tamén subiu en 3.113 persoas en Galicia, que é a terceira comunidade cun maior aumento en termos absolutos, só superada por Andalucía e Madrid, e a cuarta cun maior incremento relativo, do 2,78%, punto e medio por riba da suba media en todo o Estado. 

O número de persoas rexistradas nas oficinas públicas de emprego sobe en todas as provincias de Galicia e dáse, fundamentalmente, no sector servizos, que volve acumular o groso do incremento. 

Menos dun terzo de contratos indefinidos

O paro increméntase neste sector en 2.884 persoas —debido ao descenso do emprego na hostalería e no comercio tras o Nadal fundamentalmente—, subindo lixeiramente na industria e no sector primario e mesmo baixando un chisco na construción. En total, son 115.144 as persoas apuntadas como demandantes de traballo. 

En canto ao número de contratos, en Galicia asináronse en xaneiro uns 3.000 menos que en decembro, alcanzando os 51.705, unha cifra semellante aos que se asinaran no mesmo mes do pasado ano. Do total de contratacións, menos dun terzo (32,25%) foron indefinidas, unha proporción aínda bastante afastada da do conxunto do Estado, onde case o 42% foron fixas, case dez puntos máis

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.