Un millón de persoas traballando a tempo completo en Galicia tras un 2025 con 33.000 empregos máis

Un operario da fábrica compostelá de autobuses Castrosúa, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta

A taxa de paro segue na contorna do 8% malia un leve incremento no trimestre final do ano provocado, sobre todo, polo aumento das persoas que buscan o seu primeiro posto de traballo

Galicia finalizou o ano 2025 con 1,19 millóns de persoas traballando, segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do cuarto trimestre, divulgada este 27 de xaneiro. É unha cifra moi semellante á do peche do ano 2008, cando viña de caer Lehman Brothers pero os efectos no mercado laboral aínda non rebentaran de vez no que sería a campaña de Nadal previa á gran recesión.

Este máximo de ocupación en 17 anos rexístrase tras un incremento de 7.400 persoas ocupadas entre outubro e decembro, o que eleva o balance anual a un crecemento por riba das 33.000. En termos porcentuais, a taxa de ocupación elévase ata o 49,6%, a máis alta igualmente dende finais de 2008.

A taxa de paro, mentres, increméntase un chisco trimestralmente, do 8% ao 8,26%. Segue, en calquera caso, en niveis que diversas voces expertas sitúan tecnicamente como próximo ao pleno emprego. No total estatal o dato medio pechou 2025 por baixo do 10% por primeira vez dende 2008, circunstancia que o Goberno de España le parella ao "achegamento aos 22,5 millónso de persoas ocupadas, un novo máximo histórico", celebraba este martes Pedro Sánchez.

Máis poboación a buscar traballo por primeira vez

A leve suba trimestral do paro en Galicia é resultado do aumento do desemprego en 4.300 persoas no peche do ano, ata un total de 106.900. Débese, sobre todo, a que 7.700 persoas que buscan o primeiro emprego da súa vida ou que deixaran a súa anterior ocupación hai máis dun ano declaran agora estar buscando un posto de traballo, aumentando o coñecido como colectivo sen emprego anterior ata as 48.900 persoas. 

A EPA tamén rexistra un incremento trimestral do paro, pero moito menos significativo, no sector da construción (dunhas 1.300 persoas). O balance interanual do desemprego, así e todo, é tamén positivo ao dar lugar a unha diminución dunhas 10.000 persoas. No caso do paro, os números da EPA en Galicia si están xa por baixo dos previos á gran recesión.

Un millón a tempo completo

A poboación que traballa a xornada completa en Galicia aumenta en 34.700 persoas nun ano malia diminuír no último trimestre

No que atinxe ao tipo de xornada da poboación ocupada, o mercado laboral galego consolidou durante 2025 a tendencia de ter máis dun millón de persoas traballando a xornada completa, o cal deixara de suceder en 2009, segundo as series temporais dispoñibles. Ese limiar xa se superara no verán de 2024 e as cifras volven estar por riba dende o segundo trimestre do ano que vén de rematar.

A foto fixa do remate do ano é de 1,023 millóns de persoas traballando a tempo completo fronte a 163.700 facéndoo a xornada parcial. A poboación ocupada a xornada completa está formada por case 35.000 persoas máis ca un ano antes e a que desempeña o seu posto de traballo a tempo parcial, por unhas 900 menos. Así e todo, no trimestre final do ano a ocupación a xornada completa si diminuíu (-6.400 persoas) mentres aumentaba a parcialidade (+13.900).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.