Traballar gratis: as horas extra non pagadas en Galicia fan perder 7.600 euros anuais a cada persoa afectada

Un traballador realiza unha instalación eléctrica CC-BY Aan Amrin

Cada semana os asalariados e asalariadas galegas traballan máis de 122 mil horas fóra do seu horario laboral -horas extra- polas que non reciben remuneración. Esta situación afecta ao 2,2% das persoas traballadoras en Galicia (unhas 21.000), que de media realizan 5,8 horas extra non pagadas cada semana

Cada semana os asalariados e asalariadas galegas traballan máis de 122 mil horas fóra do seu horario laboral -horas extra- polas que non reciben remuneración. Esta situación afecta ao 2,2% das persoas traballadoras en Galicia (unhas 21.000), que de media realizan 5,8 horas extra non pagadas cada semana. Isto supón  un custo laboral non aboado de aproximadamente 146 euros semanais por traballador, equivalente a 7.592 euros anuais entre salarios e cotizacións non pagadas.

Aínda que a porcentaxe de traballadores afectados en Galicia (2,2%) é inferior á media española (2,3%), o diñeiro que estes deixan de percibir anualmente (7.592) é 200 euros superior á media do conxunto do Estado (7.355 euros)

Son os principais indicadores dun informe elaborado polo Gabinete Económico da Confederación Sindical de CCOO, con datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) de 2025. A investigación sinala que no conxunto do Estado os sectores con maior proporción de persoas asalariadas que realizaron horas extra non pagadas foron subministración de enerxía eléctrica ou gas, finanzas e seguros, educación, servizos profesionais, científicos e técnicos e información e comunicacións. 

Aínda que a porcentaxe de traballadores afectados en Galicia (2,2%) é inferior á media española (2,3%), o diñeiro que estes deixan de percibir anualmente (7.592) é 200 euros superior á media do conxunto do Estado (7.355 euros)

As comunidades autónomas con maior proporción de persoas asalariadas que realizaron horas extra non pagas foron: Madrid, Asturias, País Vasco, Cataluña e Comundade Valenciana, todas elas por riba da media estatal. Xusto por detrás aparece xa Galicia, cunha porcentaxe semellante á de Aragón e Castela-A Mancha. 

Os datos da EPA amosan que ao redor do 5% dos traballadores e traballadoras realizaron o pasado ano horas extra. Deles, case a metade non recibiu remuneración por elas. O sindicado alerta de que os datos revelan "unha situación de explotación laboral persistente e estrutural no conxunto do Estado español e que afecta con especial incidencia a Galicia".

CCOO sinala que as horas extra non pagadas "constitúen unha forma de explotación laboral persistente desde hai décadas, que non se logrou reducir de maneira significativa nos últimos anos" malia a aprobación do rexistro obrigatorio da xornada laboral en 2019

CCOO sinala que as horas extra non pagadas "constitúen unha forma de explotación laboral persistente desde hai décadas, que non se logrou reducir de maneira significativa nos últimos anos" e engade que a pesar da aprobación de normativa específica, como o rexistro obrigatorio da xornada laboral en 2019, os datos de 2025 "evidencian que esta medida resulta insuficiente e ineficaz para erradicar o problema".

"A implantación do rexistro obrigatorio de xornada en 2019 supuxo unha oportunidade histórica para acabar coas horas extra non pagadas", indica CCOO. Porén, engade, "seis anos despois os datos demostran que o 39 % das horas extra totais seguen sen cotizar, nin pagarse nin compensarse con descanso". Ademais, a tendencia das horas extra non pagadas "mantense estable desde 2019, de xeito que a falta de controis efectivos e de sancións exemplarizantes converten a norma nun mero trámite burocrático".

Evolución das horas extra realizadas no conxunto do Estado, pagadas e non pagadas © CCOO

"O sector público debería ser exemplo de cumprimento normativo, e non está a ser así", di CCOO-Galicia

As horas extra non pagadas supoñen unha perda para os traballadores e traballadoras afectadas pero taménpara a Seguridade Social "supoñen unha mingua nos ingresos por cotizacións que debilita o sistema público" e para o conxunto da sociedade "implican unha competencia desleal entre empresas, onde as que incumpren teñen vantaxes fronte ás que respectan a normativa".

O sindicato advirte que "resulta especialmente grave que a Administración pública figure entre os sectores con maior volume de horas extra non pagadas" e apunta que "o sector público debería ser exemplo de cumprimento normativo, e non está a ser así". "As Administracións galegas, autonómica e local, deben liderar unha mudanza de modelo que priorice o respecto aos dereitos laborais", engade.

CCOO Galicia esixe reforzo da Inspección de Traballo en Galicia, auditorías sistemáticas do rexistro de xornada e sancións "exemplares"

CCOO Galicia esixe seis medidas para rematar con "esta forma de explotación estrutural":

  • Reforzo da Inspección de Traballo en Galicia, con medios humanos e técnicos acordes co volume do mercado laboral.
  • Auditorías sistemáticas do rexistro de xornada nas empresas, particularmente nos sectores máis afectados.
  • Sancións exemplares que disuadan do incumprimento, incluíndo a responsabilidade solidaria nas cadeas de contratación.
  • Campañas de información e asesoramento aos traballadores e traballadoras sobre os seus dereitos e os mecanismos de denuncia.
  • Cláusulas de control nos convenios colectivos que garantan o respecto á xornada pactada e a remuneración das horas extra.
  • Exemplaridade do sector público, eliminando calquera práctica de horas extra non pagadas na Administración autonómica e local galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.