Desde principios deste mes de xuño, traballadoras da limpeza na provincia da Coruña retomaron as mobilizacións para reclamar un "convenio digno" e denunciar a "precariedade estrutural" nun sector que emprega máis de 20.000 persoas —a inmensa maioría mulleres— en Galicia e que volve sacar á rúa as fregonas. O utensilio serve hai tempo como símbolo dunha loita que abrangue todo o país e que en Lugo, por exemplo, supuxo unha folga histórica de 130 días o pasado ano.
As traballadoras de limpeza na provincia da Coruña retoman as mobilizacións que antes se ergueron en Ourense, Pontevedra ou Lugo, onde a folga durou 130 días
A fregona xigante que o pasado 5 de xuño presidiu a mobilización fronte a El Corte Inglés da Coruña, convocada por CIG e UGT, deu o inicio a unhas protestas que se estenderán a Ferrol ou Compostela como antes o fixeron —e no futuro o farán— a outras vilas e cidades galegas.
O conflito, agora na Coruña, segue o patrón que antes se vivira ou se vive aínda noutras provincias. Unha patronal estatal —ASPEL, que une as grandes empresas do sector como FCC, Ilunion, Clece, Sacyr ou Acciona— en posición "inmóbil" e "obstaculizadora" nas negociacións, segundo os sindicatos, mesmo negando o acordo que si aceptan as patronais provinciais, con ofertas que deixan o sector por baixo ou roldando o salario mínimo interprofesional (SMI) e incluso vetando o mantemento do poder adquisitivo.
Transi Fernández, secretaria nacional de CIG-Servizos, definía hai xa máis dun ano, no medio do longo conflito en Lugo, a situación do sector como "complicada", advertindo dunha "insultante precariedade" e da "estratexia de paralización e tensión" por parte da patronal estatal. Daquela lembraba que as mobilizacións estaban activas tamén en Ourense e Pontevedra e acabarían por chegar á Coruña, a onde aterraron de vez.
"En cada provincia hai problemas distintos, pero en todos os casos hai un denominador común: precariedade nas condicións e resistencias da patronal estatal a calquera avance, mesmo a respectar o SMI", engade agora Alejandra Gesto, secretaria xeral de CCOO-Hábitat.
A loita, lembran desde un e outro sindicato, turra moitas veces contra unha reclamación tan básica como superar o SMI. Ocorreu no caso de Lugo e Ourense no pasado ano. Na provincia ourensá, por exemplo, o salario base continuou por baixo dese mínimo (non chegaba aos 15.200 euros anuais en 2024) e só é superado grazas a diversos conceptos extras, unha das razóns polas que CCOO dixo non asinar o acordo que si pactaron CIG e UGT.
Os sindicatos denuncian a actitude "obstaculizadora" da patronal estatal, á que acusan de "dilatar" as negociacións e vetar melloras mesmo coa patronal provincial a favor
En Lugo, onde a CIG é o sindicato maioritario, tras case 19 semanas de folga as traballadoras pasaron, segundo din, dun convenio coas peores condicións do Estado a outro que se sitúa entre os mellores. Tiñan os soldos conxelados desde 2021, perdendo poder adquisitivo e con salarios por baixo do SMI, inferiores mesmo aos 1.000 euros nalgúns casos. Acabaron acadando un convenio colectivo provincial que supuxo un incremento total do 18,3% do salario durante a súa vixencia (2022-2026).
Daquela, CCOO, que se desmarcou do acordo, denunciaba a sinatura dun convenio que deixaba as táboas salariais de 2024 tamén por baixo do SMI, cun salario base de pouco máis de 15.000 euros cando o salario mínimo roldaba os 15.900.
Na Coruña e en Pontevedra, onde as condicións de partida son bastante mellores, as negociacións permanecen estancadas. No caso pontevedrés, desde hai xa moitos meses pola negativa da patronal a introducir unha cláusula de revisión salarial e a reducir a xornada.
Agora, na provincia da Coruña, UGT e CIG encetan unha nova vaga de mobilizacións logo dun ano de negociación que din que ASPEL mantén estancada, cunha estratexia idéntica á levada a cabo noutras provincias. A súa intención é a de "deixar o sector no SMI” , explica Paulo Rubido, representante da CIG na mesa de convenio da Coruña e membro da Executiva Confederal do sindicato.
Mentres a patronal provincial di estar disposta a avanzar nun acordo de convenio e “asinar un incremento salarial equivalente ao IPC do ano 2024”, garantindo así o mantemento do poder adquisitivo, a estatal oponse. Por iso, explica, “as protestas estarán localizadas naqueles centros de traballo onde as empresas asociadas a ASPEL prestan os servizos de limpeza”. O primeiro, El Corte Inglés, pero haberá máis.
Para Alejandra Gesto, a situación xeral do sector da limpeza en Galicia resúmese na "aposta clarísima por parte da patronal estatal de precarizar o emprego". Ante iso, aclara, cómpre "non só solicitar subas salariais, senón tamén exixir a reforma dos convenios para adaptalos á realidade actual do sector, comezando por abordar algunhas cuestións claves: a prevención de riscos e a desigualdade de xénero, así como as diferenzas territoriais en cada provincia".
Os sindicatos denuncian a precariedade ou a "desigualdade de xénero": "Hai homes que cobran máis que as mulleres facendo o mesmo labor"
Falamos, lembra, de diferenzas "máis que notables" entre os convenios de Lugo e Ourense, que roldan os 15.000 euros brutos anuais de salario base e cunhas táboas por baixo do SMI, e os da Coruña e Pontevedra, de case 5.000 euros máis ao ano. Por iso, aclara, CCOO aposta por "superar o modelo de convenios provinciais, que perpetúa a desigualdade entre territorios e colectivos" e apostar por un "convenio colectivo galego para poder negociar de maneira máis eficaz e xusta as condicións laborais das máis de 20.000 traballadoras e traballadores do sector".
Ademais, Gesto sinala tamén a desigualdade de xénero e a necesidade de revisar as categorías profesionais como unha cuestión a abordar axiña. "Hai centros de traballo onde homes e mulleres fan o mesmo traballo pero os primeiros cobran máis que as segundas", explica. Por que? "Mentres os homes teñen categoría de peón especialista, co mesmo labor, as mulleres teñen a de limpadoras", explica sobre unha situación que aspira a mudar.

"Máis sindicado e organizado"
"Tradicionalmente, eran eles os que sentaban nas mesas de negociación, pero agora que hai máis delegadas e máis negociadoras, imos poñendo o foco onde hai que poñelo", reivindica quen lembra tamén outras "demandas urxentes" para o sector, como "subas salariais que eviten a perda de poder adquisitivo, redución da xornada semanal a 35 horas para previr trastornos musculoesqueléticos, un plus industrial que compense a perigosidade do traballo ou avances en igualdade e conciliación".
"Agora o sector está máis sindicado e organizado e polo tanto ten maior capacidade de mobilización e disposición a loitar por un convenio digno”, explica Rubido, desde a CIG.
A loita, coinciden, céntrase en vencer os atrancos da patronal ASPEL, a cuxo presidente recriminan declaracións como nas que non hai moito admitía que para poder cumprir cos contratos públicos e obter beneficios, as empresas "non tiñan máis remedio que non cubrir vacacións, baixas ou ausencias". "Que conseguen? Que as limpadoras acaben derreadas, con enfermidades, cargas de traballo excesivas... Para logo ter a cara de queixarse de que aumenta o absentismo", denuncia Gesto.
"O obxectivo da patronal estatal cando senta nas mesas de negociación sempre teñen o mesmo obxectivo: dilatar as conversas e impedir os acordos, mesmo cando estes parecen próximos e son avalados polas asociacións provinciais", engade Gesto. Así ocorre agora na Coruña, explica a CIG, como antes pasou noutras provincias. E ao tempo, as fregonas volven saír á rúa.
Ao tempo, este pasado venres, a CIG anunciou a convocatoria duha folga indefinida a partir do 8 de setembro nas subcontratas municipais de Serveo, encargada da conserxería e limpeza dos colexios públicos de Compostela, e Limpiezas Germania, que presta servizos na estación intermodal a través da empresa municipal Tussa.
O motivo da folga, explica a central, "é a persistente desigualdade salarial e de condicións laborais entre o persoal das contratas privadas e o propio do Concello". Segundo Rubén Sánchez, delegado de Serveo, hai "unha diferenza retributiva enorme que se arrastra desde hai anos”.