Milleiros de persoas secundan as reivindicacións sindicais do Primeiro de Maio

Manifestacións centrais da CIG (arriba) e mais CCOO e UGT, este 1 de maio de 2025 CC-BY-NC-SA CIG | UGT

Con Vigo como escenario dos actos centrais, as reivindicacións sindicais neste Primeiro de Maio ecoaron nunha vintena de mobilizacións. O día solleiro en gran parte do país tras as treboadas do mércores contribuíu á asistencia de milleiros de persoas a unhas manifestacións e concentracións que combinaron a reivindicación dos dereitos laborais cunha análise crítica da convulsa situación internacional dende a perspectiva de cada organización.

A reivindicación de reducir a xornada laboral a 37 horas e media co "obxectivo final" das 32, no centro das mobilizacións de CCOO e UGT: "Non vivimos só para traballar"

Cronoloxicamente, a primeira das mobilizacións centrais que botou a andar foi a de Comisións Obreiras e UGT en Vigo. Protexer o conquistado, gañar futuro foi o lema baixo o que se manifestaron os sindicatos que encabezan Amelia Pérez e Cristóbal Medeiros para lembraren, sinalan, que "son moitos os avances conseguidos nestes últimos anos", dende as reformas laboral e de pensións á subas do salario mínimo. "Pero hai que seguir traballando, porque aínda son moitas as eivas".

Mobilización central da CIG, en Vigo este 1 maio de 2025 CC-BY-NC-SA CIG

Sinalan CCOO e UGT que, nun marco global de "conflitos bélicos" e coa "nova ameaza das decisións do presidente dos Estados Unidos", o sindicalismo "debe ser unha ferramenta esencial para construír sociedades máis xustas". No plano do concreto, as reivindicacións pasan por subas salariais e, moi especialmente, pola consecución da redución da xornada laboral a 37 horas e media.

A CIG clama por "traballo digno, igualdade de salarios e unha Galiza con dereitos" nunha xornada de "denuncia e loita" "contra as "guerras imperialistas" e a "militarización da sociedade"

Ese, indican, debe ser o primeiro paso dun camiño que "debe ir cara ás 32 horas como obxectivo final", resalta UGT. Porque "non vivimos só para traballar", resume Amelia Pérez no nome de CC.OO.

A CIG, pola súa banda, encadra as protestas do Primeiro de Maio na súa campaña "para reclamar traballo digno, igualdade de salarios e unha Galiza con dereitos". E fano, subliñan, "nun contexto de profunda crise global, marcada por unha ofensiva do capitalismo neoliberal que reforza a explotación de clases e pobos, no que o gasto militar e a guerra son ferramentas do imperialismo para soster un sistema inxusto que é incapaz de xerar
desenvolvemento e benestar social".

Asistentes á manifestación central de CCOO e UGT, este 1 de maio de 2025 en Vigo CC-BY-NC-SA PSdeG

Paulo Carril, secretario xeral da central sindical nacionalista, resaltou na mobilización viguesa que para a CIG o centro desta xornada de "denuncia e loita" pasa por condenar as "guerras imperialistas" e a "militarización da sociedade". Tamén, enfatiza, polo rexeitamento "á Unión Europea do capital e da extrema dereita", así como "pola defensa dos servizos públicos, dos dereitos laborais e dun proxecto soberano para Galiza".

Porque este, mantén Carril, é o pano de fondo dun mercado laboral no que "o 60% do emprego creado corresponde a contratos fixos-descontinuos e temporais" e "crece a pobreza laboral". Acontece, acusa, co aval do que considera un "diálogo social fraudulento" con CC.OO. e UGT. Paralelamente, afirma, o PP profunda en Galicia en "políticas suicidas"  mentres "mantén a súa carreira desenfreada pola depredación dos nosos recursos naturais e minerais".

Apoio de BNG e PSdeG

Rego: "A redución da xornada laboral non pode ficar nunha medida cosmética e limitada"

As dúas forzas da actual oposición galega secundaron as convocatorias sindicais deste 1 de maio. Na manifestación da CIG en Vigo o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego -a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, non tivo axenda pública por mor dunha escordadura de nocello-, defendeu a "necesidade de reclamar emprego digno, dereitos e paz" nun momento de "fonda crise sistémica".

Néstor Rego, Xabier Pérez Igrexas e outros cargos do BNG, na manifestación da CIG en VIgo, este Primeiro de Maio CC-BY-NC-SA BNG

Neste contexto, Rego censura que o Goberno de España "continúe sen derrogar os elementos máis lesivos da reforma laboral de 2012" ou sen "cumprir coa Carta Social Europea en canto a situar o SMI no 60% do salario medio". Apunta o deputado soberanista que o Bloque concorda coa redución da xornada laboral e tamén con reivindicala neste Primeiro de Maio, se ben "non pode ficar nunha medida cosmética e limitada", senón ser "un avance nos dereitos laborais e de conciliación" que aposte xa polas 35 horas e un "horizonte" de 32.

Besteiro chama a "seguir avanzando na conquista de dereitos" e "manter viva a conciencia de clase"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acudiu á mobilización central de UGT e CC.OO. canda o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o secretario provincial do partido en Pontevedra, David Regades, e outros cargos socialistas. Alí o líder do PSdeG reivindicou a necesidade de "seguir avanzando na conquista de dereitos" e "manter viva a conciencia de clase" para perseguir logros como "a redución da xornada laboral a 37 horas e media".

Este Primeiro de Maio, indica Besteiro, tamén debe ser un día para "criticar o inmobilismo do Goberno galego" por. non "aproveitar as oportunidades para xerar máis emprego". Mentres, chama a contrastar, "moitos dos avances logrados nos últimos anos puxémolos os socialistas enriba da mesa".

José Ramón Gómez Besteiro, flanqueado por Abel Caballero e David Regades, na manifestación central de CC.OO. e UGT en Vigo polo Primeiro de Maio CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.