Os datos do mercado laboral galego feitos públicos esta semana polos ministerios de Seguridade Social e de Traballo, a poucos días do Día Internacional da Muller Traballadora, indicaron que o paro feminino medrou o dobre que o masculino no pasado mes de febreiro e que seis de cada dez persoas rexistradas nas oficinas de emprego son mulleres.
O paro feminino medrou o dobre que o masculino en febreiro: seis de cada dez persoas paradas son mulleres
Os sindicatos coincidiron en que as cifras denotan "unha situación de desigualdade das mulleres" e "poñen en evidencia a falta de compromiso da Xunta para mudar esta realidade". Ademais, destacan que o maior impacto do desemprego que sofren "evidencia unha maior concentración" delas nos "sectores máis precarios (comercio, hostalaría ou coidados), "cada vez máis feminizados" por culpa do "fracaso das políticas públicas de igualdade".
Todo nun contexto no que, tal e como destacou nun informe o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, a cifra de afiliación feminina no Estado superou de maneira continuada os dez millóns no último ano, ou que as mulleres supoñen xa o 47,3% do total de persoas afiliadas.
Ollando estes datos, Galicia pode presumir. É a comunidade autónoma, só por tras de Asturias, onde maior porcentaxe de mulleres traballadoras hai con respecto ao total de afiliacións medias á Seguridade Social, tendo en conta os datos do pasado mes de febreiro. Supoñen un 49,3%, cifra só por baixo do 49,6% do Principado, superando todas as provincias amplamente a media estatal (47,3%, dous por baixo da porcentaxe no país) e sendo a de Lugo a de maior peso feminino no emprego, igualada coa de León, co 49,7%.
Galicia é, con Asturias, a comunidade onde as mulleres teñen máis peso no mercado laboral: supoñen o 49,3% do emprego
Practicamente a metade do emprego no país é feminino, unha porcentaxe case dous puntos superior á do Estado, cifra á que Galicia chegara hai xa máis dunha década. A representación das mulleres no mercado de traballo galego medra de maneira paseniña pero constante, acentuada un chisco máis desde a aprobación da reforma laboral en 2022, ao igual que acontece no conxunto de España.
O peso da muller no mercado laboral subiu case un punto na última década tanto no conxunto do Estado como en Galicia, que segue destacando como unha das autonomías onde máis forza ten o emprego feminino, sobre todo en dous ámbitos que destacan sobre o resto, á marxe do dos coidados no fogar, onde a presenza feminina é case exclusiva: os réximes especiais de autónomos agrarios e do mar, o de traballadores por conta propia, no que se inclúen as persoas propietarias de explotacións agrícolas, e as mariscadoras, por exemplo.
Practicamente a metade das persoas empregadas en Galicia é feminino son mulleres, a porcentaxe é dous puntos superior á media do Estado
Entre as persoas traballadoras agrarias por conta propia, o número de mulleres supera o de homes en Galicia, con máis de 8.300 afiliacións medias en febreiro fronte ás 7.890, supondo así máis do 50% do total de persoas empregadas neste réxime especial. No conxunto do Estado, o número de varóns é moito máis que o do persoal feminino.
Ademais, entre o total de persoas incluídas no grupo que abrangue os traballadores do mar por conta propia, as mulleres representan practicamente o 40% do mercado laboral en Galicia, arredor de 3.000, dato que recolle o importante peso das mariscadoras nun réxime especial no que no conxunto de España o emprego feminino sitúase no 28%.
Ademais, en canto ao réxime de persoas empregadas do fogar, en Galicia as mulleres supoñen o 97,5% do total, fronte ao 95,6% no Estado, unha mostra máis do que é unha profesión totalmente feminizada e, polo xeral, altamente precarizada.
As mulleres son maioría en Galicia no réxime especial de autónomos do agro e supoñen o 40% no especial do mar por conta propia
Non é a única entre as mulleres. Así o ratifica un estudo feito pola CIG, que destaca que a metade das traballadoras galegas estaría en risco de pobreza se os seus ingresos dependesen só do seu salario.
Baseado nos datos da Axencia Tributaria de 2024, o informe debullado pola responsable do do Gabinete Economía do sindicato, Natividad López Gromaz, indica que o 40% das traballadoras percibiron uns ingresos inferiores ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI), unha porcentaxe que entre os homes baixa ao 28%.
No caso de ampliar a análise até os salarios 1,5 veces o SMI, a porcentaxe de mulleres nestes tramos de ingresos acada o 66,8%, unhas 360.000 traballadoras do total de 539.600 asalariadas. Xa que logo, arredor do 50% estarían en risco de pobreza se os seus ingresos dependesen exclusivamente do seu soldo individual. "Un risco que se multiplica se ademais se ten a condición de migrante: en termos xerais, a fenda por nacionalidade acada o 34,3%", destaca a CIG.
Un informe da CIG destaca que o 40% das mulleres perciben uns ingresos inferiores ao SMI e que máis do 75% dos empregos parciais son femininos
Porque a falta de estabilidade laboral e as elevadas taxas de parcialidade impactan moito máis nas mulleres, "ampliando a desigualdade e situando a fenda salarial no 17,7%". O estudo destaca que, se ben 7,2 puntos porcentuais desta fenda correspóndense a factores estruturais como a actividade económica ou a categoría profesional, os restantes 10,5 están asociados á parcialidade e á temporalidade na contratación.
Os datos cantan: o 75,5% das persoas ocupadas a tempo parcial en Galicia son mulleres, segundo os últimos datos publicados do segundo trimestre de 2025. Ademais, a taxa de temporalidade feminina supera en 14,4 puntos a dos homes e é maior que a de 2024.
O 85% das traballadoras, no sector servizos
A análise do mercado laboral galego indica tamén que case o 85% das mulleres ocupadas traballan no sector servizos (fronte ao 58% entre os homes), estando a maioría empregadas na administración pública, ensino, sanidade e servizos sociais (case un terzo) e máis do 25% delas no comercio. "Canto maior é a feminización dunha rama de actividade, menores son os ingresos", destaca o sindicato.
Aínda que a fenda salarial persiste e é importante, o informe destaca que a súa redución é atribuíble "ao incremento do SMI", que "beneficia en maior medida as traballadoras ao seren maioría nos tramos de menores ingresos, sobre todo entre quen percibe salarios iguais ou inferiores ao SMI".
Esta vida laboral precaria, con menos anos cotizados e bases baixas provoca "pensións cativas" entre as mulleres, un terzo inferiores á dos homes e con diferenzas por riba dos 400 euros de media.
"O incremento do SMI beneficia en maior medida as traballadoras ao seren maioría nos tramos de menores ingresos"
Unha das causas é a elevada parcialidade do emprego feminino, que se debe maioritariamente á imposibilidade de atopar un traballo a tempo completo, pero no que tamén inflúe moito o coidado d persoas dependentes. Así, o 21% das mulleres ocupadas aluden a este motivo á hora de advertir por que non traballan a tempo completo, fronte a pouco máis do 6% dos homes.
"Reflicte unha obvia desigualdade na distribución das responsabilidades de coidado", explica o sindicato nacionalista, que destaca que a segunda causa de inactividade feminina (tras da xubilación) é a dedicación aos labores do fogar, motivo que afecta ao 22% das mulleres inactivas, mentes que entre os homes esa cifra é de apenas o 4,8%.