Un salario medio anual de case 5.000 euros menos. É a diferenza no soldo que perciben as mulleres galegas, segundo o informe sobre a desigualdade salarial publicado este xoves por CCOO ás portas do 8 de Marzo que "pon de manifesto a persistencia da fenda de xénero no mercado laboral de Galicia malia os avances en materia de igualdade".
As traballadoras galegas perciben un salario medio anual de 20.840 euros fronte aos 25.527 dos homes, unha fenda salarial do 22,5%
Así, o documento revela que as mulleres galegas perciben un salario medio anual de 20.840 euros, fronte aos 25.527 euros dos homes, o que supón unha fenda salarial do 22,49%, unha situación que se "agrava" na xubilación, onde a diferenza nas pensións ascende ata o 31,72%. "En termos relativos, isto significa que as mulleres en Galicia traballan gratis arredor de 82 días ao ano en comparación cos homes. Case tres meses", advirte o sindicato.
"As mulleres en Galicia traballan 'gratis' arredor de 82 días ao ano en comparación cos homes. Case tres meses"
A fenda salarial, lembra CCOO, continúa afectando as mulleres en todas as etapas da súa vida laboral e na xubilación. "A situación de subordinación sociolaboral das mulleres perpetúa unha retroalimentación que converte a desigualdade en discriminacións", insiste a central sindical, que aclara que a loita pola erradicación da fenda salarial é unha "cuestión de xustiza social".
O sindicato insiste en que, a pesar dos progresos logrados coa reforma laboral e a obrigatoriedade dos plans de igualdade, "a desigualdade retributiva segue sendo unha realidade en Galicia".
A segregación laboral, a maior contratación temporal e a parcialidade involuntaria son algúns dos factores que manteñen a fenda salarial, segundo advirte o informe. Así, no ano 2024, máis do 63 % dos contratos a tempo parcial foron asinados por mulleres, mentres que "os contratos a tempo completo seguen a ser altamente masculinizados".
Ademais da fenda salarial, CCOO denuncia unha fenda dos coidados, pois este cometido continúa recaendo fundamentalmente sobre as mulleres, dificultando o seu acceso a postos de maior responsabilidade e mellor remunerados. O informe evidencia que seis de cada dez persoas que asumen o coidado de dependentes son mulleres, e sete de cada dez coidadoras tiveron que reducir ou abandonar o emprego por esta responsabilidade.
Fronte a esta realidade, CCOO esixe "accións inmediatas para reducir a fenda salarial e mellorar a situación das mulleres no mercado laboral". Entre as propostas sindicais destacan a promoción da corresponsabilidade nos coidados, a supervisión efectiva dos plans de igualdade nas empresas, a implantación de medidas que favorezan a estabilidade e calidade do emprego feminino e o reforzamento do Pacto Estatal polos Coidados.
O sindicato tamén alerta sobre o perigo dun retroceso nos dereitos laborais e sociais das mulleres debido ao ascenso de discursos reaccionarios que cuestionan as políticas de igualdade. "Sen igualdade non hai democracia", salienta o sindicato, ao tempo que manifesta o seu compromiso cun sindicalismo feminista que loita pola equidade e polos dereitos das mulleres traballadoras.