Apenas unha de cada cinco entradas dedicadas a persoas na Galipedia tratan sobre unha muller, un 20,6%, unha porcentaxe que fica por detrás dos datos da Wikipedia catalá (21,3%), da Wikipedia en castelán (23,5%) e, sobre todo, moi lonxe dos datos da Wikipedia en eúscaro (31,8%)
Coincidindo coa celebración do Día da Muller este pasado 8 de marzo, Mentxu Ramilo Araujo -integrante da Xunta Directiva de Wikimedia España- publicou un artigo que analiza brevemente a participación e a relevancia das mulleres na Wikipedia. En primeiro lugar, destaca a reducida porcentaxe de editoras, especialmente de editoras activas e cun número elevado de edicións. E, sobre todo, incide na escasa presenza de mulleres entre os contidos da enciclopedia libre.
En concreto, Mentxu Ramilo salienta as cativas porcentaxes de biografías dedicadas a mulleres nas versións da Wikipedia nas distintas linguas do Estado, comezando polo galego. Apenas unha de cada cinco entradas dedicadas a persoas na Galipedia tratan sobre unha muller, un 20,6%, unha porcentaxe que fica por detrás dos datos da Wikipedia catalá (21,3%), da Wikipedia en castelán (23,5%) e, sobre todo, moi lonxe dos datos da Wikipedia en eúscaro (31,8%).
Iso si, os datos galegos melloran os da Wikipedia en francés (20,2%), en inglés (20%), en chinés (18,7%), en alemán (18,1%) ou en italiano (17%).
Iso si, os datos galegos melloran os da Wikipedia en francés (20,2%), en inglés (20%), en chinés (18,7%), en alemán (18,1%) ou en italiano (17%)
Cómpre ter en conta, así mesmo, que proporción de mulleres galegas non pasa do 12% na Enciclopedia Británica online (fronte a un 88% de homes), na Gran Enciclopedia Catalá é do 8% (cun 92% de homes) e no Diccionario Biográfico Español fica no 5%, cun 95%, segundo unha estimación realizada no ano 2021.
Tamén se ofrecen datos sobre as versións da enciclopedia libre en linguas non oficiais do Estado español, coma o asturiano, que acada un salientable 42,5% de biografías de mulleres, ou o extremeño (34%). En ambos os dous casos, hai que ter en conta que se trata de versións da Wikipedia con moitos menos contidos que a galega e na que o impulso dun grupo reducido de editores e editoras para acadar este equilibrio de xénero acada de forma máis doada resultados visibles.
Destaca o crecemento experimentado polo número de biografías de mulleres na Wikipedia vasca, na que pasou do 19% en 2020 ao 32% en 2025. No caso galego o aumento está a ser lento -apenas dous puntos en cinco anos-, un ritmo semellante ao seguido polas enciclopedias catalá e castelá.
Destaca, igualmente, o crecemento experimentado polo número de biografías de mulleres na Wikipedia vasca, na que pasou do 19% en 2020 (nese momento a Galipedia tiña un 18%) ao 32% en 2025. No caso galego o aumento está a ser lento -apenas dous puntos en cinco anos-, un ritmo semellante ao seguido polas enciclopedias catalá e castelá.
En Euskadi e Navarra é moi importante a actividade do proxecto WikiEmakumeok, que dende novembro de 2015 foi quen de impulsar a publicación de máis de dez mil biografías de mulleres en eúscaro. Especialmente activo é o colectivo creado en Durango, onde unha ducia de voluntarias e voluntarias crearon máis de oito mil biografías nos últimos cinco anos.
Son numerosas as iniciativas postas en marcha en Galicia nos últimos anos para reducir a fenda entre homes e mulleres
Tamén son numerosas, aínda que con resultados máis modestos, as iniciativas postas en marcha en Galicia nos últimos anos. A comunidade que impulsa e mantén a Galipedia é consciente da fenda de xénero existente entre as persoas colaboradoras e tamén nos contidos da enciclopedia libre. E por iso leváronse a cabo Wikimaratonas en distintos lugares para a creación de artigos non existentes sobre mulleres galegas e a mellora e actualización doutros, nalgúns casos coincidindo por exemplo coa celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.
Hai tamén en marcha dende o ano 2017 wikiproxectos específicos que buscan mellorar os contidos da Galipedia sobre mulleres, en xeral, ou de forma concreta sobre mulleres galegas. O obxectivo é ir creando e completando biografías sobre mulleres e mulleres galegas seguindo algunhas guías indicadas con nomes de persoeiras de relevancia que aínda non contan co seu artigo na enciclopedia galega. Tamén se toman como referencia as listaxes de mulleres presentes na Enciclopedia Galega Universal, na Gran Enciclopedia Galega ou no Álbum de Mulleres do CCG.