Ourense acollerá este sábado 9 de marzo a segunda Wikimaratona do Día Internacional da Muller. Ao igual que o pasado ano, búscase incrementar e mellorar os contidos sobre figuras femininas na versión galega da enciclopedia libre, pechando un chisco a gran fenda de xénero actualmente existente. O evento, que terá lugar na Biblioteca municipal a partir das 10.30 e durante toda a mañá, tamén busca favorecer o contacto entre os e as integrantes da comunidade da Galipedia e facilitar a incorporación a ela de novas persoas.
De cara á xornada deste sábado, foron fixados algúns obxectivos concretos: a creación duns 70 artigos non existentes sobre mulleres galegas e a mellora e actualización doutros, traballando en entradas que xa se poden consultar, pero que requiren de máis información e extensión para ser consideradas artigos de calidade.
Esta iniciativa busca avanzar no Wikiproxecto galegas, que dende hai un tempo busca "crear e mellorar artigos relativos a mulleres de Galicia". Hai un gran número de figuras históricas moi destacadas ou cunha grande importancia nos seus ámbitos profesionais que actualmente non aparecen na enciclopedia, dende Maribel Outeiriño, Chelo Loureiro ou Paula Hermida ata Mónica López Alonso, Teresa Fernández Talaya ou Ana Legido Soto. Tamén se propón mellorar os artigos de figuras internacionais como Jane Goodall, Madonna, Lady Gaga, J. K. Rowling, Mary Shelley, Ada Lovelace, Virginia Woolf ou Valentina Tereshkova.
Calquera persoa pode participar nesta xornada (tanto se xa se é editor ou editora da Wikipedia coma se non) e simplemente deberá inscribirse na web do evento.