O 8 de marzo de 2003 botaba a andar a Wikipedia en galego (a Galipedia). Cinco días máis tarde publicábase a primeira entrada, dedicada á conxunción ou, como relatabamos en 2013 nesta reportaxe. A versión galega da enciclopedia libre celebra estes días, polo tanto, o seu 15º aniversario, superando os 145.000 artigos (145.913, exactamente), sumando uns 150 artigos de calidade (unha proporción semellante á que presentan o inglés ou o castelán). Para celebrar a efeméride, levaranse a cabo nos vindeiros días varias actividades. Este sábado 10 de marzo, por exemplo, Ourense acollerá o primeiro wikimaratón do Día Internacional da Muller, realizado coa colaboración do Concello e que busca mellorar e crear artigos de biografías de mulleres destacadas. A redución da fenda de xénero existente neste tipo de artigos entre as biografías de homes e de mulleres centrou nos últimos tempos parte dos esforzos da comunidade que impulsa a enciclopedia.
Un deses editores, Adrián Estévez, valora positivamente en conversa con Praza o momento que vive a Galipedia, situada no posto 47 entre todas as linguas do planeta polo número de artigos publicados, pero en mellor posición noutros indicadores máis cualitativos, que miden por exemplo a densidade e riqueza deses contidos. Nada mal para unha lingua con moitos menos falantes que idiomas (eslovaco, croata, lituano, grego...) cun número de artigos semellante. De feito, por número de falantes o galego ocupa o lugar 160 entre as 5500 linguas do mundo. Os 81 editores e editoras habituais da Galipedia (con máis de 5 edicións por mes) están tamén á altura do euskera, do tamil ou do letón. E o ratio entre editores/as habituais e falantes (34 por millón) sitúa o galego ao redor da 30ª posición global, segundo se pode consultar nas estatísticas oficiais da Wikipedia.
"A miña visión do proxecto é a longo prazo, e o número de artigos é algo secundario. Prefiro que haxa menos pero amplos, ben actualizados, sen erros ortográficos e referenciados"
"Quizais nos primeiros dez anos houbo unha maior actividade na creación de artigos, e agora está máis centrada na revisión e mellora dos existentes. Antes había uns 1000 artigos novos por mes, e agora hai uns 700 ou 800", comenta Adrián Estévez, que destaca que, en todo caso, é "unha ferramenta moi consulta pola xente e que os problemas ou eivas hai que ir solucionándoas pouco a pouco". "A miña visión do proxecto é a longo prazo, e o número de artigos é algo secundario. Prefiro que haxa menos pero amplos, ben actualizados, sen erros ortográficos e referenciados, a moitos pero curtos, desfasados e sen bibliografía", subliña.
En canto á dimensión da comunidade que se responsabiliza de enriquecer e actualizar a enciclopedia, Estévez sinala que "o ideal sería que houbese máis xente contribuíndo, claro, non só para ter máis coñecemento dispoñible, senón para ter puntos de vista máis diversos". "O perfil de persoas que editan é variado, pero predominan idades entre 30 e 60 anos (tamén algún xubilado e algunha xente nova), e xente de estudos superiores", comenta. "Respecto á presenza feminina segue a ser reducida. Aínda que isto é un problema común en todas as Wikipedias, non deixa de ser algo para preocuparse", engade, pero destaca que "na xeración máis nova non hai fenda de acceso aos medios dixitais".
"A presenza feminina segue a ser reducida. Aínda que isto é un problema común en todas as Wikipedias, non deixa de ser algo para preocuparse"
É por isto que a principal actividade ao redor do 15º aniversario da Galipedia será esa Wikimaratón sobre mulleres, que se vén engadir a outras actividades semellantes que tanto dende a propia comunidade da Wikipedia en galego coma dende outras entidades e institucións se veñen facendo nos últimos anos (a máis recente, a celebrada en Compostela o mes pasado para incorporar mulleres científicas formadas na USC). "Celebrámola en Ourense porque hai pouca xente de alí que edite (o perfil de editores responde ao perfil demográfico de Galiza, claro, e a maioría somos do Eixo Atlántico... ou da diáspora :/", comenta Estévez. "Ademais facémolo sobre mulleres para intentar rachar coa fenda de xénero en dúas vertentes: tanto na procura de mulleres editoras, como intentando equilibrar a porcentaxe de artigos sobre biografías de mulleres respecto ao total de biografías (actualmente 4.345 sobre 30.367, un 14,31%)", di.
Outro dos proxectos é a conclusión dunha iniciativa nacida hai sete anos, que busca que todas as entradas das parroquias galegas (un total de 3.778) teñan a súa propia fotografía do lugar
A Wikipedia en galego ten outros proxectos en marcha. Por exemplo, a realización de cursos de carácter xeral de iniciación á edición para novos usuarios e usuarias (en Ourense haberá tamén un obradoiro de formación). "Tamén intentamos dar a coñecer proxectos irmáns sen centrármonos só na Wikipedia (a enciclopedia), explicando que tamén existe Commons (repositorio de imaxes, vídeos e sons), Wikidata (repositorio de datos), Wiktionary (dicionario wiki), etc.", comenta Adrián Estévez. Outro dos proxectos é a conclusión dunha iniciativa nacida hai sete anos, consistente en conseguir que todas as entradas correspondentes ás parroquias galegas (un total de 3.778) teñan a súa propia fotografía do lugar. "Máis de 3000 xa teñen a súa propia fotografía, estando completas as das provincias de Pontevedra e A Coruña, grazas aos esforzos dos editores e editoras e doutras persoas que publican as súas fotografías con licenzas libres", destaca, engadindo que "tamén se está intentando xeolocalizar os artigos de parroquias e lugares para poder situalos de forma automática nun mapa". E o mesmo coas entradas dedicadas a Bens de Interese Cultural.
De cara ao futuro, Estévez establece como un dos principais retos "conseguir xente nova que edite, novas mans que se unan aos proxectos xa abertos e que traian novas ideas"
De cara ao futuro, Estévez establece como un dos principais retos "conseguir xente nova que edite, novas mans que se unan aos proxectos xa abertos e que traian novas ideas". Destaca neste senso que "cando facemos actividades en centros de ensino procuramos non só enganchar de modo directo xente nova que edite, senón involucrar ao profesorado para que desenvolva proxectos educativos ligados aos proxectos Wiki". Destaca igualmente o obxectivo de "chegar a acordos con institucións á procura de colaboración, para a inclusión na Wiki de información ou documentación, para o desenvolvemento de actividades concretas sobre algún eido, para a realización de proxectos educativos...". "O principal problema é que quen colabora na wiki o fai de forma voluntaria, e o tempo que lle pode dedicar cadaquén é limitado", engade.
"Que máis xente colabore só pode redundar nunha maior calidade do proxecto, e que de cara ao futuro a enciclopedia siga medrando en espiral"
A Wikipedia recibe o recoñecemento e apoio que merece? "A nivel recoñecemento, a Galipedia vén de recibir o Premio Xoán Manuel Pintos de normalización lingüística, convocado polo Concello de Pontevedra. Tamén se vai notando que a nivel académico cada vez hai menos reticencias a confiar na Wikipedia como ferramenta de consulta, algo que hai uns anos era totalmente tabú e motivo de anatema", salienta Estévez. "Máis que apoio, agardamos que este recoñecemento e as actividades que imos desenvolver co gallo do 15 aniversario sirvan para acadar unha maior implicación; que máis xente colabore só pode redundar nunha maior calidade do proxecto, e que de cara ao futuro a enciclopedia siga medrando en espiral", conclúe.
"Queremos dar as grazas a todas as persoas que colaboran diariamente, e tamén ás que colaboraron no seu momento, na creación e mellora desta enciclopedia libre e en galego, e que pouco a pouco vai aumentando en calidade e contido. Tamén queremos agradecer ós milleiros de lectores e lectoras que diariamente consultan as súas páxinas aumentando así a súa utilidade, e animamos a todo o mundo a que participen con nós na construción deste proxecto de coñecemento, para que sexa aínda máis ''de todo o mundo, e para todo o mundo'", remata.