0 Gardados para despois

Por unha Galipedia con máis científicas

Redacción | @prazapublica

Este sábado 11 de febreiro celébrase  o wikimaratón en liña do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, unha iniciativa das Nacións Unidas que busca "lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, así como a igualdade de xénero e o empoderamento". A ONU subliña que "a ciencia e a igualdade de xénero son vitais para realizar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible" e alerta de que mulleres e nenas "seguen enfrontándose a barreiras que lles impiden participar plenamente nesta disciplina". 

Para conmemorar esta data os Museos Científicos da Coruña organizan actividades, o mesmo que o MUNCYT, a UDC, a USC e a Uvigo. Dende Praza tamén lle dedicamos un espazo, con esta ducia de científicas galegas.

A Galipedia tamén está a organizar ao longo deste sábado un wikimaratón en liña co obxectivo de crear, ampliar e mellorar artigos relacionados coas mulleres na ciencia, biografías de científicas e as súas achegas. O evento comezou á medianoite e chegará ata as 12 da noite deste sábado. Hai unha listaxe de participantes na que as persoas que queiran colaborar poden apuntarse e aquí unhas instrucións sinxelas sobre como editar para os e as principiantes.

Pódense facer achegas de todo tipo, pero a recomendación é centrarse nunha listaxe de 131 científicas falecidas antes de 1900 sobre as que a Wikipedia en galego non ten información. "Hoxe máis que nunca, o mundo necesita a ciencia e a ciencia necesita ás mulleres", destacou hai uns meses Irina Bokova, directora xeral da Unesco.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.