Marcos Pérez Pena

Unha ducia de mulleres científicas galegas

Este 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que busca "lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, así como a igualdade de xénero e o empoderamento". Nós queremos acompañar a conmemoración cunha ducia de científicas galegas, algunhas do pasado e outras aínda en activo, mulleres que foron rachando os moitos obstáculos e teitos de cristal. O Album da Ciencia e o Album de Mulleres do CCG achegan información ben interesante sobre varias delas, e a Axenda Feminista 2016 do Observatorio da Mariña pola Igualdade (cuxa portada ilustra esta ducia) estivo dedicada a 12 científicas galegas actuais.

  1. 01

    Ana María Prieto

    Ana María Prieto (Santiago, 1942) foi a pioneira da programación informática en Galicia. En 1963 converteuse na primeira muller programadora da sede madrileña da Bull General Electric. Nesta entrevista publicada por La Voz destacaba que se sentía "unha intrusa" nun mundo laboral masculino: "En empresas como Barreiros dicíanme: 'por que traballas nisto?, ti tiñas que ser secretaria dun xefe'". "Dábame moita rabia, non lles gustaba nada terme", dicía. En 1969 incorporouse como programadora ao centro de cálculo da Caixa de Aforros de Santiago, onde traballou ata 1973. Rapaciñ@s, a iniciativa de AMTEGA e CPEIG, escolleuna como un dos referentes para animar os e as estudantes de ensino medio a escoller a carreira profesional informática

  2. 02

    María Wonenburger

    María Wonenburger (Oleiros, 1927 - A Coruña, 2014). Licenciouse en Matemáticas en Madrid en 1950 e foi unha das beneficiarias das primeiras bolsas Fullbright, que lle permitiron ir á universidade estadounidense de Yale, onde se doutorou. Os seus traballos de investigación centráronse principalmente na teoría de grupos e na álxebra de Lie. Deu clase en facultades de Canadá e os Estados Unidos e dirixiulle a tese de doutoramento a Robert Moody, quen logo traballou sobre o infinito no que se coñeceu como álxebra de Kac-Moody, e que tivo a Wonenburger como inspiradora. Regresou á Coruña en 1983. A partir de 2007 comezou a recibir recoñecementos en Galicia, investida doutora honoris causa pola UDC en 2010, ano no que o Consello da Cultura lle dedicou unhas xornadas. Finada en 2014, unha homenaxe en xuño de 2015 foi o primeiro acto como alcalde de Xulio Ferreiro.

  3. 03

    Alicia Estévez

    Alicia Estévez (Pontevedra, 1955), catedrática de microbioloxía pola USC, centra as súas investigacións nas patoloxías dos peixes e dos moluscos, con traballos de grande importancia para o desenvolvemento da acuicultura. En 2014 ingresou como académica na Real Academia Galega de Ciencias, sendo a segunda muller en facelo en toda a historia tras Pilar Fernández Otero.

  4. 04

    Jimena e Elisa Fernández de la Vega

    As irmás xemelgas Jimena (Vegadeo, 1895 - Santiago de Compostela, 1984) e Elisa Fernández de la Vega y Lombán (Vegadeo, 1895 - Zaragoza, 1933). En 1913 matriculáronse na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, converténdose en 1919 en dúas das primeiras mulleres licenciadas pola USC, acadando Jimena o Premio Extraordinario. A diferenza dalgunha das súas antecesoras nos pupitres compostelás, como foi o caso de Concepción Arenal, as irmás Fernández de la Vega non necesitaron disfrazarse de homes para asistir ás aulas; pero deberon soportar discriminacións por parte do resto do alumnado e do profesorado. Como relata Ánxela Bugallo no Album da Ciencia do CCG, "un compañeiro de clase as escoltaba ata as aulas porque as increpaban. Ante os comentarios despectivos levantaban a cabeza e seguían adiante".

    Realizaron as súas teses de doutoramento en Madrid e Jimena ampliou os seus estudos en Alemaña e Austria entre 1923 e 1927, especializándose na herdanza mendeliana con aplicación á clínica, traballando nos anos seguintes en diferentes centros de investigación de España, Italia e Alemaña. Trala Guerra Civil deu un xiro á súa carreira, centrándose na Hidroloxía, dirixindo balnearios en Cáceres, Guitiriz e Granada. Elisa dedicouse á práctica médica e deu algunhas clases, interrompendo en parte a súa carreira polo seu matrimonio e crianza dos seus fillos. Finou en 1933 dunha pneumonía.

  5. 05

    Mª Isabel Fernández García

    Mª Isabel Fernández, doutora en Química pola USC e catedrática de Química Inorgánica da USC, foi unha das primeiras profesoras do Colexio Universitario de Lugo (1973). En 1975 a súa Tese de Doutoramento foi premiada pola Deputación Provincial de Pontevedra.

  6. 06

    Celia Brañas Fernández

    Celia Brañas (A Coruña, 1880), "simbolizou o esforzo das mulleres da súa xeración por xogar un papel protagonista na sociedade e, de xeito singular, na cultura científica", destacou Xosé A. Fraga no Álbum da Ciencia do CCG. Ata 1910 as limitacións para o acceso das mulleres á universidade eran máximas. Braña iniciou en 1908 o seu labor docente na Escola Normal coruñesa como profesora auxiliar de Ciencias, acadando a praza de mestra titular en 1911. Máis adiante ocupou a dirección da Normal en diversas etapas e xubilouse en 1946. Traballou a prol da creación dunha estación de Bioloxía mariña e da renovación pedagóxica dos estudos de ciencias.

  7. 07

    Ángela Ruiz Robles

    Ángela Ruiz Robles (Villamanín, León, 1895 - Ferrol, 1975) comezou a ser máis coñecida nos últimos anos (dedicándolle mesmo Google un dos seus doodles) como "a precursora do e-book" polo seu invento de enciclopedia mecánica. Xosé A. Fraga falou dela hai uns meses nun dos seus Episodios de Cultura Científica, debullando a carreira da mestra e inventora afincada en Ferrol, na que recibiu numerosos premios e mencións en certamens de inventiva, feiras e exposicións. O Ministerio de Educación mesmo chegou a aprobr o uso da enciclopedia mecánica no ensino e en 1971 Ángela Ruiz estivo a piques de acadar a súa comercialización; porén, os custos non permitiron executar o proxecto e só 100.000 pesetas tiveron a culpa.

  8. 08

    Ángeles Alvariño González

    Ángeles Alvariño (Serantes-Ferrol, 1916 - California, 2005) foi unha oceanógrafa que ao longo de catro décadas de carreira, chegou a converterse nunha das principais expertas mundiais en zooplancto, descubrindo un total de 22 novas especies animais mariñas de pequeno tamaño. Deu clase en universidades dos Estados Unidos, México ou Brasil. A mediados do século XX foi a primeira muller científica que traballou en campañas oceanográficas levadas a cabo por navíos de exploración británicos. En 2015 foi a protagonista do Día da Ciencia en Galicia, promovido pola Real Academia Galega de Ciencias.

  9. 09

    Olga Moreiras Tuni

    Olga Moreiras Tuni (Vigo, 1933 - Madrid, 2012) doutorouse en Farmacia na Universidad Complutense de Madrid, onde acadou a praza de Catedrática. Foi unha das coordinadoras das primeiras enquisas sobre alimentación española e os seus traballos convertéronse nunha referencia no mundo da nutrición, publicando 23 libros e 200 artigos en revistas científicas e sendo moi utilizadas as súas recomendacións sobre o consumo de alimentos para a poboación española.

  10. 10

    Josefina F. Ling

    Josefina F. Ling é profesora titular de Astronomía e Astrofísica no Departamento de Matemática Aplicada da USC e investigadora do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, do que é peza clave. Nacida e criada en Madrid, acabou asentándose en Galicia. Publicou numerosos traballos no campo das estrelas dobres e múltiples. É asesora científica da Sociedad Astronómica de Francia.

  11. 11

    Pilar Fernández Otero

    María del Pilar Fernández Otero (Bandeira-Silleda, 1947), é unha figura destacada no campo da Biomedicina. Doutorada na USC, en 1985 comezou a dar clase de Fisioloxía na Universidade de Navarra, sendo decana da Facultade de Farmacia e chegando a ocupar o posto de vicerreitora. Dirixiu 19 teses de doutoramento e foi a primeira muller que ingresou na Academia Galega de Ciencias.

  12. 12

    Mabel Loza García

    Mabel Loza (Tapia de Casariego-Asturias, 1961) é doutora pola USC e catedrática de Farmacoloxía nesta universidade dende 2011, onde coordina o grupo de investigación BioFarma e dirixiu unha vintena de teses de doutoramento. Participou na creación de tres empresas (Pharmatools Digital Interactive Services, Allelyus e Oncostellae).

    Mabel Loza foi unha das 12 mulleres protagonistas da Axenda Feminista 2016, dedicada ás científicas galegas. Afortunadamente a ducia podería continuar con moitas máis investigadoras e docentes en activo, que continúan o camiño aberto no século pasado polas sáus predecesoras.