Eu con María Wonenburger, ti co Santísimo Sacramento

Xulio Ferreiro, na homenaxe a María Wonenburger © Concello da Coruña

Debe unha institución pública -un concello- participar nun acto relixioso, tendo en conta sobre todo que vivimos nun Estado aconfesional e con separación entre a Igrexa e o propio Estado? Onde debe estar un alcalde? Cal é a súa función? Nos últimos días falouse moito da negativa dos novos rexedores da Coruña e Compostela, Xulio Ferreiro e Martiño Noriega, a asistir á Ofrenda ao Santísimo Sacramento do Antigo Reino de Galicia, que este domingo se celebrou en Lugo. Un acto católico no que se leva a cabo unha procesión baixo palio e unha ofrenda que "resultan contrarias" ao seu principio de "neutralidade relixiosa", como salientaron Marea Atlántica e Compostela Aberta.

Na ofrenda, a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia (PP), fixo varias referencias críticas á ausencia de Ferreiro e Noriega, e apelou á necesidade de manter as "tradicións". "Un pobo que fuxe das súas tradicións e da súa conciencia renuncia á súa identidade e á súa alma", dixo. "Estamos aquí rendendo homenaxe ao Santísimo Señor Sacramentado, pero tamén a nós mesmos como pobo, e iso é algo que non debemos esquecer ou confundir", engadiu.

Candia pediulle ao Santísimo Señor Sacramentado "ser fortes e inflexibles con aqueles que seguen facendo unha política corrupta"

Candia concluíu a súa intervención expresándolle ao Santísimo Señor Sacramentado a "gratitude e recoñecemento pola protección que nos brindaches dende a orixe dos tempos, e como constatación da devoción e do profundo respecto que vos profesamos". Así mesmo, pediulle "ser fortes e inflexibles con aqueles que seguen facendo unha política corrupta" e tamén axuda para "ser constantes no empeño de recuperar unha acción política que lles permita aos más desfavorecidos sumarse ao benestar económico, social e persoal". No acto tamén participaron os rexedores de Lugo, Lara Méndez (PSdeG-PSOE); Ourense, Jesús Vázquez (PP); Tui, Enrique Cabaleiro (PSdeG-PSOE); e Betanzos, Ramón García Vázquez (PSdeG-PSOE).

Julián Barrio criticou "a indiferenza relixiosa, o esquecemento de Deus, a lixeireza coa que se cuestiona a súa existencia"

Nun ambiente alcanforado, propio doutros tempos e ante a presenza de autoridades civís e militares, o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, criticou "a indiferenza relixiosa, o esquecemento de Deus, a lixeireza coa que se cuestiona a súa existencia" e sinalou que "o convite a esta celebración" é "universal", aínda que "non todos a aceptan". Barrio, xunto cos bispos de Lugo, Tui-Vigo e Ourense, asinou esta semana un artigo no que defendía que a propia "laicidade" do Estado obriga aos representantes públicos a asistir a este tipo de cerimonias relixiosas, acusando de forma indirecta aos rexedores ausentes de impoñer o seu "ateísmo".

 

Mentres, na Coruña...

Mentres todo isto sucedía en Lugo, na Coruña tiña lugar un acto ben distinto, dúas maneiras de facer política e de entender a función pública e o mandato democrático. No seu primeiro acto público como alcalde, Xulio Ferreiro participou na homenaxe que se lle realizou no Paseo da Ciencia do Parque de Santa Margarita á matemática coruñesa nacida en Oleiros María Wonenburger, no primeiro cabodano do seu falecemento. No acto, no que estivo acompañado polo concelleiro de Cultura, Deportes e Coñecemento, José Manuel Sande, participaron tamén os científicos Tino Fraga e Ana Tarrío.

Ferreiro afirmou que “o alcalde está hoxe onde ten que estar, nunha homenaxe á ciencia, ao coñecemento e a unha das coruñesas máis ilustres”

Ferreiro afirmou que “o alcalde está hoxe onde ten que estar, nunha homenaxe á ciencia, ao coñecemento e a unha das coruñesas máis ilustres”. O rexedor falou, ao igual que Elena Candia, de tradición e memoria, pero dunha memoria e tradición moi distintas: “Hai un día chegamos ao goberno local unha nova xeración; pero novidade non significa que non teñamos memoria. E a nosa memoria ten moito que ver con figuras como a de María Wonenburger, que nos demostra que antes que nós houbo moitos coruñesas e coruñeses que loitaron por un mundo máis xusto”, destacou Ferreiro, que tamén lembrou a faceta “rebelde” da homenaxeada, especialmente pola súa condición de muller, xa que “as mulleres no seu tempo pero tamén agora seguen a ser consideradas intrusas nalgúns ámbitos, sufrindo teitos de cristal que impiden alcanzar as cotas de igualdade que debería haber na sociedade”.

Primeira bolseira Fullbright en España, doutora por Yale, profesora durante varias décadas na universidade estadounidense de Indiana, catedrática dende os anos 70, María Wonenburger foi unha das referencias internacionais no mundo da álxebra, pero a pesar disto e de ter regresado a Galicia xa en 1983, tivo que agardar ata os últimos anos da súa vida para recibir recoñecementos e homenaxes públicas.

Noriega: "Non lle corresponde a un alcalde pedirlle ao Apóstolo que remate co desemprego e coa corrupción. O que lle toca, é ser quen de impulsar políticas de transparencia e de fomento do emprego"

Se Ferreiro estivo "onde tiña que estar", tampouco o novo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, acudiu á cerimonia relixiosa. Xa a pasada semana Noriega lembrara nun artigo a aposta por "unha institución laica para Santiago, posición xustificada na separación Igrexa-Estado e na necesidade de que todos os actos institucionais onde participe o Concello teñan unha natureza civil". Así mesmo, salientaba que "non lle corresponde a un alcalde pedirlle ao Apóstolo que remate co desemprego e coa corrupción. O que lle toca, é ser quen de impulsar políticas de transparencia e de fomento do emprego".

Xulio Ferreiro co concelleiro José Manuel Sande © Concello da Coruña
Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento © Nuevas Generaciones
O Goberno galego si participou, a través do conselleiro de Cultura, no acto relixioso © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.