0 Gardados para despois

A oceanógrafa Ángeles Alvariño, protagonista do 'Día da Ciencia en Galicia'

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A oceanógrafa ferrolá Ángeles Alvariño será a primeira homenaxeada no Día da Ciencia en Galicia, celebración promovida pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) que substitúe o Día do Científico Galego para darlle "un carácter máis aberto e unha maior dimensión á conmemoración", que se celebrará o vindeiro 1 de xuño. As actividades conmemorativas, nas que colaboran a Fundación Barrié, o Instituto Español de Oceanografía e a Xunta, estenderánse ao longo de varios meses.

A homenaxe a Alvariño coincide co décimo aniversario do falecemento desta investigadora, que ao longo de catro décadas de carreira, converteuse nunha experta mundial en zooplancto, descubrindo un total de 22 novas especies

A homenaxe a Alvariño coincide co décimo aniversario do falecemento desta investigadora, que ao longo de catro décadas de carreira, converteuse nunha experta mundial en zooplancto, descubrindo un total de 22 novas especies animais mariñas de pequeno tamaño. Foi a mediados do século XX a primeira muller científica que traballou en campañas oceanográficas levadas a cabo por navíos de exploración británicos.

Naceu en Serantes en 1916. Tras estudar en Santiago de Compostela e Madrid, comezou a investigar en Vigo, no Instituto Español de Oceanografía, especializándose en zooplancto. Os maiores expertos no grupo no que centraba os seus estudos, os quetognatos, estaban nos Estados Unidos, polo que, grazas a unha prestixiosa bolsa Fullbright, se trasladou ao Woods Hole Oceanographic Institute (Massachusetts), onde colaborou coa experta zooplanctóloga Mary Sears. De Massachusetts pasou a traballar no Instituto Scripps de Oceanografía, en La Jolla (California) e no Servizo Nacional de Pesca Marítima dos EEUU. Ademais do seu labor como investigadora, Alvariño tamén dedicou moito tempo a educar aos futuros biólogos mariños, impartindo clases nos EE.UU, México e Brasil.

Xubilada oficialmente en 1987, Alvariño dedicou entón a súa atención á historia da ciencia mariña, levando a cabo unha extensa investigación sobre os exploradores españois, estudando especialmente a primeira expedición científica oceánica que viaxou ao longo dos océanos Atlántico e Pacífico desde 1789 a 1794. Faleceu en 2005 en California, onde residía. A Universidade da Coruña dedicoulle entón a súa Semana da Ciencia e o o Concello de Ferrol realizou unha homenaxe póstuma no Campus de Esteiro, onde se descubriu unha placa conmemorativa. Ademais, en 1993 fóralle concedida a Medalla de Prata de Galicia. Así mesmo, os seus colegas puxéronlle o seu nome a dúas novas especies: o quetognato Aidanosagitta alvarinoae e a hidromedusa Lizzia alvarinoae. No ano 2012 o IEO botou un buque oceanográfico que foi bautizado co nome de Ángeles Alvariño e que desde entón é un dos principais recursos da investigación mariña española.

Ángeles Alvariño é a primeira figura feminina que protagoniza a reivindicación do valor da ciencia feita en Galicia a través dos seus representantes históricos máis destacados. Nas edicións anteriores foron homenaxeados o naturalista Luis Iglesias, o matemático Enrique Vidal Abascal, o xeógrafo Isidro Parga Pondal, o enxeñeiro agrónomo Cruz Gallástegui, o astrónomo Ramón María Aller Ulloa, o químico Antonio Casares e o humanista Padre Feijoo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.