Estes 200.000 artigos publicados sitúan o galego como a 53ª lingua con máis entradas na Wikipedia, xusto despois de grego, croata e lituano e por diante do urdú, o azarí e o esloveno
O 8 de marzo de 2003 botaba a andar a Galipedia, a versión en galego da enciclopedia libre, a Wikipedia. Cinco días máis tarde publicábase a primeira entrada, dedicada á conxunción ou, como relatabamos en 2013 nesta reportaxe. A Galipedia está a celebrar neste 2023 o seu vixésimo aniversario, polo tanto. E nos últimos días acompañou esta conmemoración coa superación dun novo fito, ao chegar aos 200.000 artigos publicados (fíxoo cun artigo dedicado á diversidade biolóxica), unha cifra considerable e máis se temos en conta o carácter de lingua minorizada do galego, con menos de tres millóns de falantes.
Neste senso, estes 200.000 artigos publicados sitúan o galego como a 53ª lingua con máis entradas na Wikipedia, xusto despois de grego, croata e lituano e por diante do urdú, o azarí e o esloveno. Como referencia, o castelán é o 8º idioma con máis artigos (1,9 millóns), o portugués é o 18º (1,1 millóns), o catalán é o 20º (737 mil) e o eúscaro é o 34º (422 mil), nunha listaxe encabezada polo inglés (6,7 millóns), o cebuabo falado en Filipinas (6,1 millóns), o alemán (2,8 millóns) e o sueco e o francés (2,5 millóns).
A Asociación de amigas e amigos da Galipedia e do coñecemento libre (A3GAL) difundiu un comunicado que facía fincapé na superación deste límite simbólico dos 200.000 artigos e salientaba "o importante papel a prol da normalización do galego" que tivo nas últimas dúas décadas a enciclopedia libre, que foi recoñecido co Premio Xoán Manuel Pintos da cidade de Pontevedra ou o Premio Rosalía de Castro de Lingua concedido pola Deputación da Coruña.
Máis que subliñar a relevancia cuantitativa dos artigos publicados nestes vinte anos, A3GAL quere incidir na calidade dos textos, con máis de 240 artigos de calidade (a máxima distinción que un traballo pode acadar por parte da comunidade)
Con todo, máis que subliñar a relevancia cuantitativa dos artigos publicados nestes vinte anos, A3GAL quere incidir na calidade dos textos, con máis de 240 artigos de calidade (a máxima distinción que un traballo pode acadar por parte da comunidade) e máis de 100 artigos bos, moitos deles creados dentro do propio proxecto e outros moitos traducidos doutras linguas.
Neste senso, sinalan que a comunidade da Galipedia traballa constantemente na mellora dos distintos artigos corrixindo a súa ortografía ou actualizándoos, entre outros traballos, ademais estase a traballar na aplicación dunha ferramenta que actualice de xeito automático algúns datos dos artigos como a poboación das cidades ou países de todo o mundo.
Ademais, subliñan a "especial importancia" que tivo nestes anos o traballo realizado por numerosas persoas do proxecto para ilustrar os artigos de todas as parroquias de Galicia, tendo cubertas xa todas as parroquias das provincias de Pontevedra e da Coruña, e boa parte das de Lugo.
Entre os retos pendentes e dificultades que a Galipedia debe enfrontar, a entidade salienta a loita contra a fenda de xénero na enciclopedia "tentando reducila mediante a creación de biografías de mulleres e temas relacionados como o deporte feminino", se ben a asociación recoñece que "o camiño que queda por percorrer é aínda longo".
Na actualidade "Galipedia enfróntase á dificultade de conseguir máis persoas que colaboren co proxecto para poder seguir medrando en cantidade e en calidade"
Ademais, destacan que na actualidade "Galipedia enfróntase á dificultade de conseguir máis persoas que colaboren co proxecto para poder seguir medrando en cantidade e en calidade". E lembran que "comezar a editar é moi sinxelo e sempre haberá algunha persoa con experiencia para axudar a quen se decida a comezar".
A Galipedia suma un total de 139.799 usuarios e usuarias rexistradas, pero tan só 243 usuarios activos (isto é, que realizaron algunha acción nos últimos 30 días). Neste senso, podemos comparar as cifras do catalán (463.819 usuarios e, deles, 1.369 activos) e do eúscaro (153.858 usuarios e 477), moi superiores sobre todo no que atinxe ás persoas con actividade recente.