A versión galega da Wikipedia permanecerá pechada durante tres días en protesta pola proposta de directiva de dereitos de autor que está a preparar a Unión Europea e que será votada este martes 26 de marzo. A protesta iniciouse este domingo es chegará ata o propio día da votación. Nun comunicado a comunidade da Galipedia alerta de que, de ser aprobada, a directiva "danaría significativamente a Internet aberta que coñecemos".
"Se a proposta se aproba no seu formato actual, podería ser imposible compartir un artigo de noticias nas redes sociais ou atopalo a través dun motor de procura; a mesma Wikipedia estaría en risco"
A nota critica que "en lugar de actualizar as leis de dereitos de autor en Europa e promover a participación de tódolos cidadáns na sociedade da información, a directiva ameaza a liberdade en liña e crea obstáculos para acceder á Web, impoñendo novas barreiras, filtros e restricións". "Se a proposta se aproba no seu formato actual, podería ser imposible compartir un artigo de noticias nas redes sociais ou atopalo a través dun motor de procura; a mesma Wikipedia estaría en risco", engade.
O pasado mes de xullo as wikipedias de varios países xa pecharon en protesta pola proposta, naquel momento en debate. Alertábase de que as medidas incluídas na directiva "fragmentarán Internet e limitarán o uso que millóns de persoas fan dela a través de filtros de subida automática e autorizacións preventivas que só as grandes plataformas poderán pór en marcha".
A directiva será votada este martes
Entre as medidas propostas están a de obrigar a todos os sitios web que permiten á súa comunidade participar de forma activa na construción de internet (compartindo código, imaxes, texto, son ou outras creacións suxeitas aos dereitos de autor) a instalar ferramentas de filtrado automático para comparar as achegas dos seus contribuidores e contribuidoras con bases de datos de copyright.
"Chamamos a todos os membros do Parlamento Europeo a votar en contra do texto actual, reabrir a discusión e reconsiderar as numerosas propostas da asociación Wikimedia así como a extensión da liberdade de panorama a toda a UE e a protección do dominio público", conclúe o comunicado da Galipedia.