Wicho: Na música, os produtores van entrando. No tema dos contidos audiovisuais estálles custando máis, aínda que hai exemplos interesantes. Este ano poderíamos ver avances, tamén en España, e exemplos de que novos modelos de distribución son rendibles. Está Filmin, que tecnicamente está moi logrado, pero non ten catálogo. E no caso dos libros, vimos como se revolucionou o mercado coa chegada de Amazon a España, que entre outras cousas fixo que outras iniciativas que non estaban listas para saír ao mercado, coma a da Casa do Libro, se lanzaron ao mercado por esa competencia. Vai haber movementos, pero moitos menos dos que nos gustaría. Eu teño conta de Spotify e noutras plataformas de distribución de contidos de pago, pero por exemplo non podo ver series. Vai aumentar a tensión entre os que reclamamos contidos e os que permanecen pegados a outros modelos.
Juan Varela: Sinxelamente, porque as marxes do negocio son moito menores, son mercados emerxentes fronte aos tradicionais e onde as posicións e fortalezas anteriores a miúdo non serven. A ese cambio de mercado únese un aumento da competencia con novos actores que son máis eficientes, baratos ou atractivos que as marcas e empresas maduras. Imponse a vontade de soster o vello negocio á innovación e a adaptación rápida. Moitas veces a mercados inestables e onde a aceleración tecnolóxica non permite desenvolver estratexias capaces de ser desenvolvidas e de soster ás vellas industrias, aos seus accionistas e traballadores. Pero avánzase, aínda que menos rápido do que moitos consumidores anhelan.
Marcus Fernández: A industria audiovisual está a adaptarse moi ben aos novos medios, pero non no noso territorio. Nos EE.UU. levan xa bastante tempo funcionando plataformas como Netflix ou Hulu, que incluso achegan contidos de vídeo mediante streaming a televisores conectados ou a consolas de videoxogos, e que facilitan subscricións a contidos a prezos moi competitivos. Aínda que puidemos gozar cedo de Spotify, a translación de tal modelo de negocio ao cine e as series de televisión faise rogar en España, para desgraza dos usuarios e da propia industria, que non sabe ver que se hai xente que está disposta a pagar por contas Premium de Megaupload tamén podería pagar por un servizo de vídeo baixo demanda con prezos atractivos.
A resistencia da Industria é comprensible (pois viron como a dixitalización da música matou a moitos intermediarios) pero non razoable (canto máis tarden en adaptarse, máis proliferarán os métodos fóra da legalidade que atenderán a unha demanda de consumo en alza). O feito de que o panorama audiovisual español está concentrado en poucas empresas (a diversidade da TDT resultou ser un espellismo que deixou o 85,5% mercado publicitario nas mans de só 2 empresas) tamén supón un atranco, pois o duopolio actual pode dar a entender ás empresas que poden impor as súas propias condicións de mercado, ignorando as demandas do público.
María Yáñez: Creo que se avanza cara a iso, e que a estas alturas todos os actores están convencidos de que o modelo é a distribución online, precisamente por iso están tan belixerantes coas alternativas tipo Megaupload, que consideran competencia desleal ás plataformas legais, aínda que estas non existan polo momento ou non sexan demasiado coñecidas. Filmin está facéndoo moi ben, con moitas dificultades, pero van saíndo adiante. O problema dos novos modelos de negocio é que non están tan claros e que aínda seguen sendo moi rendibles os modelos anteriores: séguense vendendo moitas entradas de cine, e o mercado do DVD non está morto nin moito menos. Ademais a distribución dos produtos audiovisuais ten agora mesmo un entramado moi complexo de fiestras, por cada medio e cada territorio, que levará bastante tempo cambiar. Se o modelo de negocio novo estivese tan claro a vella industria sería moito máis rápida, iso seguro.
O que tamén estamos vendo é como a produción, o desenvolvemento, a propia creación, están empezando a experimentar e abrazar novos modelos, sendo moi conscientes do risco pero tamén de que se non se moven van quedar atrás. Non podemos situalos na vangarda, pois a súa actitude é a de ir cos tempos, non mudar os tempos. Se puideran volver á seguridade do modelo anterior seguramente volvían. Quedan uns anos aínda de transición e de bastante incerteza, pero é moi positivo ver que case toda a industria empeza a mirar cara os mesmo lado: produción independente, DIY, crowdfunding, transmedia... a parte negativa é que se chegue a confundir 'produción independente' con traballo precario e que o cambio de modelo sirva de exscusa para aproveitarse de mala maneira do traballo dos demais. Pero aproveitados na industria audiovisual sempre os houbo e sempre os haberá, con independencia do modelo.
Tati Mancebo: Creo que á industria cultural lle pasa algo similar ao que a moitos libreiros a poucos anos da xubilación, non queren vender outra cousa que o que pensan que son os libros de toda a vida. O modelo aínda dá beneficios suficientes como para nutrirse del mentres dure e, que se manteña uns anos máis é realmente relevante para as empresas, porque pode traducirse en cantidades concretas de diñeiro. Para moitos o libro dixital é a causa da crise do libro en papel pero non estou en absoluto de acordo. Desde a popularización das edicións de peto a partir dos anos 50 do século pasado, o negocio aumentou até chegar a un punto irreversible que por primeira vez non se soluciona cun novo crecemento. Non é viábel imprimir 75.000 copias dun libro para colocar unha pequena morea na sección de novidades de cada libraría, recoller ao cabo dunhas semanas os moitos miles de exemplares que non se venderon e destruílos. É insustentábel e moitos non queremos colaborar con ese modelo piramidal. Que producise a ilusión de que funcionaba non quere dicir que o fixese, por moitas toneladas de papel que movese ao longo do mundo.