O Parlamento europeo está a debate unha nova directiva sobre os dereitos de autor, que se votará este xoves na cámara. A normativa proposta leva tempo espertando a oposición de organizacións que traballan no campo dos dereitos humanos, liberdade de prensa, investigación científica e industria tecnolóxica, que alertan de que a directiva pode impor novos obstáculos á utilización da rede, "danando significativamente a Internet aberta que coñecemos", alerta a comunidade galega de Wikipedia. A versión galega da Wikipedia anuncia que pechará este mércores as súas páxinas, o mesmo que a española, a letona, a estonia, ou a italiana, en protesta ante a directiva en debate e facendo un chamamento "a todos os membros do Parlamento Europeo a votar en contra do texto actual, reabrir a discusión e reconsiderar as numerosas propostas da asociación Wikimedia".
Alertan de que as medidas "fragmentarán Internet e limitarán o uso que millóns de persoas fan dela a través de filtros de subida automática e autorizacións preventivas que só as grandes plataformas poderán pór en marcha"
Alertan de que as medidas "fragmentarán Internet e limitarán o uso que millóns de persoas fan dela a través de filtros de subida automática e autorizacións preventivas que só as grandes plataformas poderán pór en marcha". "Cremos que a cidadanía merece un debate máis amplo para decidir sobre esta proposta de dereitos de autoría", din. "En lugar de actualizar as leis de dereitos de autor en Europa e promover a participación de tódolos cidadáns na sociedade da información, a directiva ameaza a liberdade en liña e crea obstáculos para acceder á Web, impoñendo novas barreiras, filtros e restricións. Se a proposta se aproba no seu formato actual, podería ser imposible compartir un artigo de noticias nas redes sociais ou atopalo a través dun motor de procura; a mesma Wikipedia estaría en risco", advirten.
A directiva "danaría significativamente a Internet aberta que coñecemos", din
Wikimedia chama a atención, sobre todo sobre os artigos 11 e 13 e pide a súa eliminación. O artigo 11 busca "protexer as publicacións de prensa no relativo aos usos dixitais"; porén, faino limitando o acceso á información e ao coñecemento. Para poder vincular ou referenciar un artigo de prensa como fonte nunha plataforma sen ánimo de lucro como Wikipedia, habería que pedir permiso a todos e cada un dos editores de prensa en cada caso particular. Mentres, Wikimedia alerta de que o artigo 13 "é unha ameaza para plataformas en liña como Wikipedia", pois a súa aprobación "obrigaría a todos os sitios web que permiten á súa comunidade participar de forma activa na construción de internet (compartindo código, imaxes, texto, son ou outras creacións suxeitas aos dereitos de autor) a instalar ferramentas de filtrado automático para comparar as achegas dos seus contribuidores e contribuidoras con bases de datos de copyright".