Espazo Ecosocialista presenta un documento-declaración sobre Dereitos humanos e principios no ámbito dixital e en internet, que fai fincapé na necesidade de asegurar os dereitos humanos no ámbito dixital, dende o acceso universal, a liberdade de expresión e o dereito á información a través da rede e a protección de datos e comunicacións ante posibles estratexias de espionaxe. Tamén afonda en asuntos coma as relacións entre infancia e Internet, o dereito a participar do Goberno electrónico ou a participación efectiva na gobernanza da internet. Insta á Xunta de Galicia a demandar a nivel estatal e desenvolver a nivel autonómico unha lexislación galega que "lonxe da inseguridade xurídica da actual, forneza un marco xusto para todos".
Insta á Xunta de Galicia a demandar a nivel estatal e desenvolver a nivel autonómico unha lexislación galega que "lonxe da inseguridade xurídica da actual, forneza un marco xusto para todos"
O documento basésase na declaración conxunta de xuño de 2011 da ONU e outros organismos internacionais, que instaura o acceso a internet como dereito humano de alta protección, e na resolución, da Asemblea xeral da ONU, de xullo de 2012, para a promoción, protección e goce dos dereitos humanos en internet.
O texto parte da premisa fundamental de que "toda persoa ten dereito a acceder a internet" e de que "o acceso a internet é cada vez máis indispensable para o pleno goce dos Dereitos Humanos, incluído o dereito á liberdade de expresión, o dereito á liberdade de reunión pacífica e asociación, o dereito a participar no goberno dun país, o dereito ao traballo, o dereito ao descanso e o lecer e o dereito á educación". Neste senso, a declaración afrima que "o dereito de acceso a internet garantirase para todos e non poderá ser obxecto de restricións" e engade que "o acceso inclúe a liberdade de elección do sistema, aplicación e uso de software".
A declaración afirma que "o dereito de acceso a internet garantirase para todos e non poderá ser obxecto de restricións" e engade que "o acceso inclúe a liberdade de elección do sistema, aplicación e uso de software"
Sinala tamén a importancia de aspectos coma a "inclusión dixital", para a que se "poñerán a disposición da cidadanía puntos públicos de acceso a internet, como telecentros, bibliotecas, centros comunitarios, clínicas e escolas". E reclama a "neutralidade da rede", polo que "non haberá privilexios especiais ou obstáculos en contra de ningunha das partes ou contidos por razóns económicas, sociais, culturais, políticas, ou calquera outra".
En canto a protección de datos, o documento sinala que todas as persoas "teñen dereito á intimidade" e que "a recolleita, uso, divulgación e conservación dos datos persoais debe cumprir as normas internacionais para protexer a privacidade". E engade que a protección de datos "debe ser vixiada por autoridades independentes de protección de datos, que funcionarán de xeito transparente e sen intereses comerciais nin influencia política". No que se refire á gobernanza en Internet, afírmase que "será conducida polos principios de apertura, inclusión e rendición de contas e exercerase de forma transparente e multilateral".
No que se refire á gobernanza en Internet, afírmase que "será conducida polos principios de apertura, inclusión e rendición de contas e exercerase de forma transparente e multilateral"
O documento tamén sinala que "toda persoa ten dereito a unha personalidade virtual", que é "inviolable", e que polo tanto "as sinaturas dixitais, nomes de usuario, contrasinais, códigos PIN e TAN non poden ser utilizadas ou modificadas por terceiros sen o consentimento expreso do propietario ou propietaria". Con todo, afírmase, "o dereito a unha personalidade virtual non debe ser mal utilizado en detrimento dos demais".
Finalmente, o texto subliña que "toda persoa ten dereito a utilizar internet para acceder ao coñecemento, información e investigación" e engádese que "todos as persoas e as comunidades teñen o dereito a usar a súa propia lingua para crear, difundir e compartir información e coñecementos a través de internet", polo que se prestará "especial atención á promoción do acceso ás linguas minoritarias".