A igualdade real na mocidade, no centro da xornada feminista da Deputación de Lugo

Integrantes de Towanda Rebels e Prisma Igualdade, durante a II Xornada Feministas = Igualdade da Deputación de Lugo © Deputación de Lugo
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-depulugo-igualdade-9537d41.jpeg

Towanda Rebels, Prisma Igualdade e Jazmín Abuín protagonizan a II Xornada Feminista = Igualdade: "A educación e a implicación das novas xeracións son fundamentais" para evidenciar que "o feminismo é unha loita a prol de todas e todos", destaca a institución lucense

A programación da área de Muller e Igualdade da Deputación de Lugo en torno ao 8M culminou con reflexión, aprendizaxe e tamén con humor. Fíxoo nas II Xornada Feministas = Igualdade, que xuntou no Pazo de San Marcos, sede da institución, unha ampla representación da corporación da Deputación e de concellos da provincia e, sobre todo, a mozas e mozos, "protagonistas fundamentais desta aposta pola sensibilización social dende a base".

"Abrir espazos de análise e pensamento crítico" estivo no albo das intervencións das diversas voces do activismo feminista que pasaron por Lugo nesta xornada. Así, por exemplo, as creadoras de contido feminista Towanda Rebels centráronse no impacto que a desinformación en internet está a causar na igualdade de xénero.

Participantes na II Xornada Feministas = Igualdade da Deputación de Lugo © Deputación de Lugo

A súa intervención conectou en boa medida coa de Cristina Louzán e Priscila Retamozo, creadoras da consultora Prisma Igualdade, que analizaron o xeito de "hackear o machismo estrutural". As análises pausadas tiveron o seu contrapunto irreverente, pero non menos comprometido, na actuación da actriz e humorista Jazmín Abuín, que dende o riso convidou a concorrencia a reflexionar sobre os estereotipos impostos ás mulleres ao longo da historia.

O presidente da Deputación, José Tomé, encadra a celebración desta xornada na convicción de que "a educación, a conciencia crítica e a implicación das novas xeracións son fundamentais para acadar a igualdade real". "A igualdade -mantivo na sesión inaugural- guía cada acción do noso Goberno, porque non hai avance real sen igualdade". E, neste sentido, resaltou o dirixente monfortino, a institución provincial ten especial interese en subliñar con xornadas coma esta que "o feminismo non é un movemento contra ninguén, senón unha loita a favor de todas e todos".

Marisol Morandeira, deputada de Muller e Igualdade, coida que xornadas coma esta permiten situar a Lugo como "referente no impulso dun pensamento feminista colectivo e interxeracional". Trátase, ao cabo, sinala a tamén alcaldesa de Guitiriz, de "reafirmar unha aposta decidida por unha sociedade máis xusta, equitativa e consciente, na que a mocidade non só é parte do futuro, senón axente activa do cambio".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.