As actividades realizadas polos usuarios dos nove centros de maiores da Deputación de Lugo quedan plasmadas nunha publicación chamada ‘A nosa revista’ e na web 'As nosas cousas'
“Pensei que o mar era máis pequeno”. María Jartín é unha das residentes do centro de maiores de Pol que participou nunha excursión desde este municipio do centro de Lugo á praia de Cabanas, na Coruña. Aos 86 anos, era a primeira vez que vía o mar. E como era de esperar non a deixou indiferente. “A praia pareceume moi ben, grande e guapa. Podendo gustaríame volver. O mar é bonito e había moitas cunchas”, dixo María tras coñecer o mar.
Aos maiores, como a todos, gústalles ir de excursión, facer unha boa festa, cociñar e comer unha rica empanada ou simplemente charlar sobre tempos pasados e presentes. E tendo en conta as súas preferencias e tamén as súas necesidades e posibilidades, nos Centros de Atención a Maiores da Deputación deseñan actividades para o día a día desta etapa da vida da persoas.
Non todos os días se poden facer excursións ou festas pero as profesionais das pequenas residencias do rural de Lugo afánanse por integrar actividades que sexan do gusto dos residentes e que sempre teñan algún sentido, algún propósito para eles. Gran parte das actividades realizadas quedan plasmadas nunha publicación chamada ‘A nosa revista’, na que se poden atopar desde poemas, contos ou ditos ata receitas ou incluso unha sección de moda. Ademais, os centros tamén contan cun sitio web chamado ‘As nosas cousas’, cunha actualización constante, onde tanto as persoas residentes como as traballadoras poden ver as actividades e sobre todo as persoas do resto das residencias.
Durante as sesións que fan as terapeutas ocupacionais e as traballadores sociais conectan o portátil á televisión e os residentes poden ver as actividades que se fan noutras residencias
“Gusta moito e a nivel autoestima é moi bo. Poden verse e recoñecerse nas imaxes”, destaca Ángela Justo, traballadora social da Deputación e coordinadora da publicación dos contidos.
Durante as sesións que fan as terapeutas ocupacionais e as traballadores sociais conectan o portátil á televisión e os residentes poden ver o que se fan noutras residencias e na propia. Visualizan a páxina web, comentan o que fixeron os compañeiros e vense a si mesmos na pantalla.
En marcha desde xaneiro de 2021, ‘As nosas cousas’ constitúe un exhaustivo arquivo sobre todo a nivel fotográfico da vida nos centros e das actividades que realizan no exterior.
Nesta web tamén os familiares e amigos dos residentes poden estar ao día da vida nos centros e coñecer, por exemplo, que polo 8-M as mulleres –e tamén os homes- dos centros puideron vestirse cos traxes tradicionais galegos, que prestou o Centro de Artesanía da Deputación.
Ou ver as imaxes de cando foron vendimar desde a residencia de Ribas de Sil, porque é unha zona de moito viño. Nesta experiencia puideron participar tamén as persoas en cadeiras de rodas, que volveron pisar as uvas, algo que resultou moi emocionante.
'A nosa revista'
'A nosa revista' naceu tras a pandemia como unha vía de expresión de sentimentos a través da escrita. Actualmente ten cabida poesía, relatos, debuxos, moda ou incluso curiosidades sobre lingua
‘A nosa revista’, pola súa banda, é unha iniciativa que elaboran as traballadoras sociais motivadas sobre todo polo que se viviu durante a pandemia. “Aínda que non tivemos que lamentar perdas si que tivemos moito medo. Entón pensamos nunha vía de comunicación e unha vía de expresión de sentimentos a través da escrita”, detalla Ángela Justo.
Neste medio de expresión artística, que naceu en outubro de 2021, teñen cabida a poesía, a narrativa, os relatos, os debuxos, a moda ou incluso as curiosidades sobre lingua. Na revista, a través da sección ‘Anacos da lingua’ podemos coñecer que na Fonsagrada chámanlle ‘amallóns’ aos cordóns dos zapatos, mais en Ribadeo nunca dirían iso. E tamén permite estar ao día de que na residencia de Pol visitaron a praia de Cabanas, onde María Jartín probou o mar por primeira vez.
No último número, por exemplo, hai un poema de María Luisa González, usuaria de Meira, chamado ‘Recuerdos de mi madre’, onde conta a súa experiencia. “Foi moi emotivo porque ela perdeu a súa nai con 13 anos e ten un dó enquistado, un sentimento que se pode traballar a calquera idade. Leullo ao resto dos seus compañeiros e tivo tamén ese apoio grupal”, explica Ángela Justo.
“En todos os centros teñen moito contacto co colexio, co instituto ou con asociacións locais”, indica Lucía Mayo, traballadora social
Cada unha das nove residencias da provincia son diferentes, mais teñen en común o sentimento de comunidade e moitas actividades están pensadas nese contexto social. “En todos os centros teñen moito contacto co colexio, co instituto ou con asociacións locais”, indica Lucía Mayo, traballadora social. En Meira, xa levan un par de anos facendo actividades con rapaces do instituto (da ESO) e os vínculos xa son fortes. “A raíz do contacto que tiveron cos estudantes descubriron as redes sociais. Entón, como teñen inquietudes, fixemos talleres para explicarllo e ata montamos un vídeo un pouco de parodia que se pasou na gala de fin de curso do instituto de Meira”, relata.
As actividades propostas teñen que ter un sentido, un obxectivo e un fin
A traballadora social, que exerce nas residencias de Meira, Pedrafita e A Fonsagrada, defende que as actividades propostas teñen que ter un sentido, un obxectivo e un fin. E ese sentido pode vir dunha motivación persoal dalgún ou dalgunha residente. “Se vemos que as nosas usuarias teñen facilidade para facer calcetíns, por exemplo, podemos utilizalos para algo en concreto, como para facer adornos de Nadal. Elas así tamén ven recoñecido o valor do seu traballo”, asegura Lucía Mayo.
Nesta liña xorden proxectos como ‘Poñémoslle cor’ no que colaboraron cos usuarios da asociación de Axuda ao enfermo mental da Mariña. Para este proxecto Nazario Teijeiro Jartín, residente de Pol, fixo unha serie de debuxos que foron pintados polas persoas desa asociación da Mariña e logo devolveron coa súa achega en forma de cor. “Non pintamos por pintar”, subliña Lucía Mayo.
“Aquí estou ben porque está miña mai e dous ou tres veciños. Facemos ximnasia, pinto, saímos por aí e vamos á feira a Meira, cando toca”, explica Nazario Teijeiro, usuario de Pol
A historia de Nazario é un exemplo da mellora que acadan as persoas cando están coidadas e motivadas. Veciño de San Martiño de Ferreiros (no municipio de Pol), entrou na residencia vai facer un ano, cando aínda non cumprira os 65. “Encontrábame bastante só e miña nai xa levaba aquí uns anos”, relata, ao tempo que lembra como deixou de comer e coidarse cando quedou só na súa casa.
Nazario chegou a estar moi delgado e mal de saúde, mais desde que está na residencia, asegura, mellorou moito. Ademais, aquí desenvolve a súa faceta artística, que comezou a raíz dun accidente polo que estivo de baixa e agora pinta vasos, pratos e o que sexa cunha destreza que impresiona, segundo relatan quen o coñece. “Aquí estou ben porque está miña mai e dous ou tres veciños. Facemos ximnasia, pinto, saímos por aí e vamos á feira a Meira, cando toca”, explica Nazario.
Tamén Pura vive co seu fillo no centro de Pedrafita do Cebreiro. Veciña da vila, asegura que nunca pensara en entrar nunha residencia de maiores, mais cando seu fillo enfermou de Alzheimer falou coa traballadora social do seu concello e accedeu a entrar porque ela soa xa non o podía coidar. A día de hoxe Pura convive co seu fillo na residencia e asegura “estar moi ben coidada” e sempre de bo humor, tal e como relataba nunha entrevista na que conquistou a Àngels Barceló coa súa espontaneidade.
Plan de atención individualizada
“Que me escoiten e que me deixen tomar as miñas decisións. Se a min o que me gusta é escoitar a Antonio Molina, por exemplo, por que teño que facer zumba?
Coa entrada da persoa usuaria no centro os profesionais elaboran un Plan de atención individualizada, mediante o cal os propios residentes son partícipes do proxecto para vivir esta etapa da súa vida segundo as súas preferencias. “Son plans anuais, pero cunha revisión constante”, asegura Lucía Mayo.
A traballadora social, con máis de 20 anos de experiencia en residencias, defende a necesidade de que os profesionais entendan os sentimentos das persoas maiores, que moitas veces o que máis precisan é ser escoitados e obter solucións concretas aos problemas de cada día. “Que me escoiten e que me deixen tomar as miñas decisións. Se a min o que me gusta é escoitar a Antonio Molina, por exemplo, por que teño que facer zumba?", salienta Lucía Mayo.
Aos residentes o que máis lles gusta son as actividades de ocio e lecer. As festas, o baile, a música. Gozan con todas as saídas que se poidan realizar como a Festa do Emigrante no verán, a excusión que se fai á piscina ou á praia
Mayo detalla que cada residencia ten as súas dinámicas e os seus tempos e na medida do posible, posibilitan que as persoas residentes manteñan os seus costumes e horarios previos ao ingreso. Hai usuarios que prefiren madrugar moito, porque sempre o fixeron así, pero outros, porén, son de facer o filandón despois de cear, polo que se deitan máis tarde e madrugan menos.
Lorena Arias, terapeuta ocupacional do Centro de Atención a Maiores de Pol, explica que primeiro sempre hai que facer a valoración de cada persoa usuaria no seu desempeño das actividades diarias, desde as básicas, como a alimentación ou o aseo, ata as máis avanzadas como o manexo do teléfono, saír e desenvolverse na vila, ou o uso dos cartos a nivel cotián, por exemplo. Ademais, tamén se valoran as actividades de ocio, o que lles gusta e no que poidan ter algún tipo de interese.
Unha vez feita esa valoración xa programan conxuntamente con esa persoa usuaria os obxectivos e as actividades na intervención, para poder traballar. “Serían actividades de tipo terapéutico: se ten unha dependencia para realizar o vestido de maneira diaria ou o baño, os terapeutas ocupacionais facemos intervención sobre esa actividade para que poida lograr a súa autonomía e que sexa máis independente, na medida do posible. Pretendemos fomentar a súa independencia funcional nas actividades do seu día a día”, explica a terapeuta ocupacional.
Aos residentes o que máis lles gusta son as actividades de ocio e lecer. As festas, o baile, a música. Gozan con todas as saídas que se poidan realizar como a Festa do Emigrante no verán, a excusión que se fai á piscina ou á praia. O pasado 10 de outubro para conmemorar o Día do Maior usuarios das nove residencias da Deputación (Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Castroverde, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil) foron celebralo ao Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo. Alí visitaron tamén o Servizo de Audivisuais e despois fixeron unha gran comida.
A terapeuta Lorena Arias explica que esas son cousas especiais pero no día a día programan actividades e tentan ofrecer o maior número de opcións posibles, aínda que sexan actividades pequeniñas. Visitas ao colexio, actividades co Concello ou roteiros pola propia vila forman parte da axenda semanal dos centros
Manuel Rodríguez, usuario de Castroverde, foi un dos participantes nesa excursión, que lembra con moito entusiasmo. “Hai pouco que fomos a unha comida pola Deputación a Lugo. Estivo moi ben. Mellor imposible”, asegura Rodríguez, de 71 anos. “A veces facemos ximnasia e xogamos ao bingo ou ás cartas”, engade o residente, que para xaneiro fai tres anos na residencia.
A terapeuta Lorena Arias explica que esas son cousas especiais pero no día a día programan actividades e tentan ofrecer o maior número de opcións posibles, aínda que sexan actividades pequeniñas. Visitas ao colexio, actividades co Concello ou roteiros pola propia vila forman parte da axenda semanal dos centros.
“Eu leo o Progreso pola mañá. Despois, se teño que arreglar cousas, saio. Se estou dentro facemos manualidades, debuxamos ou lemos revistas”, explica Celia Rivera, residente de Castroverde
Ao longo da mañá nas residencias desenvolven actividades grupais e individuais. “Hai que traballar a nivel individual con persoas que teñan unha patoloxía en concreto e precisen avanzar en determinados obxectivos como pode ser unha coordinación, un ritmo ou un equilibro. Ou a nivel cognitivo, para identificar prendas de roupa, por exemplo”, especifica a terapeuta ocupacional de Pol e A Fonsagrada..
“Eu persoalmente leo o Progreso pola mañá. Despois se teño que arreglar cousas, saio. Se estou dentro facemos manualidades, debuxamos ou lemos revistas”, explica Celia Rivera, residente de Castroverde. “Facemos 50.000 cousas e pasámolo de marabilla”, asegura. “Cumpleanos, celebracións de festas… Eu creo que están todos contentos. Nadie se me queixa. Están vivindo aquí comigo, así que se non están a gusto é que non son de confianza”, subliña Celia Rivera, de 86 anos.
Dentro do sistema que ten a Xunta é complicado que unha persoa autónoma acceda a un recurso residencial. Pero, segundo di a traballadora social, nos centros da Deputación tamén acollen ese perfil. “Persoas que non teñen esa necesidade de atención sanitaria, de control de parámetros; que están funcionalmente ou fisicamente ben, pero que esa soidade non desexada lles está provocando certas limitacións"
Nestas ‘casas grandes’ do rural de Lugo conviven persoas con perfís variados, segundo explica Estela Villalda, traballadora social da Deputación adscrita ao centro de Ribas de Sil. “Ás veces parece que o perfil é unha persoa maior, moi dependente, que ten deterioro cognitivo, que necesita moitos coidados de atención e si, hai ese perfil, pero nos concellos pequenos onde temos os centros de atención a maiores, temos persoas autónomas que se valen por elas mesmas pero que están soas”, asegura. Villalda explica que algunhas persoas quedaron soas no seu lugar e non teñen con quen falar. “Eu acórdome de facer unha valoración dun señor da montaña dos Ancares e a súa demanda era que non tiña con quen falar -'saio afora e non vexo ninguén', dicía-. E era unha persoa autónoma”, recorda Estela Villalda .
Dentro do sistema que ten a Xunta é complicado que unha persoa autónoma acceda a un recurso residencial. Pero, segundo di a traballadora social, nos centros da Deputación tamén acollen ese perfil. “Persoas que non teñen esa necesidade de atención sanitaria, de control de parámetros; que están funcionalmente ou fisicamente ben, pero que esa soidade non desexada lles está provocando certas limitacións", indica.