Nin gardarías, nin hospitais: as residencias de maiores mudan en “casas grandes” no rural de Lugo

Actividade entre mozos e maiores no Centro de Maiores de Meira con motivo do Día Mundial do Alzheimer. CC-BY-SA Deputación de Lugo
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintinoprende2-0b45877.jpeg

“ Nestas “casas grandes” as visitas están permitidas sempre e os residentes poden saír tomar un café ou pasear se as súas propias condicións e o tempo o permite

Residencias pequenas –arredor das 30 persoas- situadas no medio das vilas e con preferencia no acceso para os veciños da zona. Nestas “casas grandes” as visitas están permitidas sempre e os residentes poden saír tomar un café ou pasear se as súas propias condicións e o tempo o permite. Este é o novo modelo de residencias polo que está apostar a Deputación de Lugo, que conta cunha valoración moi positiva tanto polos profesionais como por usuarios dos centros. 

“Eu traballei con persoas maiores en residencias grandes cun número de persoas elevado, que pasan dos 150 residentes, e o nivel de atención, de calidade asistencial, de poder intervir non ten nada que ver”, explica Lorena Arias, terapeuta ocupacional no Centro de Atención a Maiores de Pol e A Fonsagrada.

Trabállase dunha maneira moito máis personalizada. O clásico modelo de atención centrada na persoa aquí realmente si que o fas. Si que podes pararte con eles, tanto eu como as xerocultoras”, detalla Lorena Arias. 

Trátase de pequenas residencias do rural que fomentan o arraigo entre a veciñanza, xa que os residentes no concello e na comarca teñen prioridade no acceso ás prazas

Neste ambiente é máis probable que as persoas melloren, segundo subliña a terapeuta. “Isto é como unha casa grande na que conviven. Todos se coñecen, a maioría deles son do concello ou de zonas da contorna. Algúns son veciños, algúns incluso poden ser familia. A nivel anímico si que repercute moito neles e sempre poden saír ou ir para a sala e charlar. É unha relación moi normalizada”. Ademais, o feito de se coñeceren xa fortalece uns lazos afectivos que “elevan o nivel de tolerancia entre eles por comportamentos de demencia, por exemplo. Con este modelo eles emocionalmente están mellor. Satisfeitos, contentos, con gana de facer actividades”, asegura Lorena Arias.

A Deputación conta con nove centros de maiores na provincia, situados en Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Castroverde, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil

A Deputación conta con nove centros de maiores na provincia, situados en Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Castroverde, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil, con máis de 300 prazas. Nestas residencias traballan de forma directa 230 persoas, o 95% mulleres.

Trátase de pequenas residencias do rural que fomentan o arraigo entre a veciñanza, xa que os veciños do concello e da comarca na que se localizan os centros teñen prioridade no acceso ás prazas, polas que pagan segundo a súa capacidade económica. Deste xeito as persoas maiores poden permanecer no lugar no que fixeron a súa vida, mesmo convivindo con veciños e veciñas e atendidos por persoal que na súa maioría tamén proceden da zona e coñecen.

A responsable do centro de maiores de Castroverde detalla que o 90% dos residentes son do propio municipio ou dos arredores e isto fai que non perdan o vínculo nin coas súas familias nin cos seus veciños nin coas súas terras. “A nivel emocional isto repercute nunha aceptación moi boa da residencia”, explica Mª Paz Fernández Peleteiro, quen tamén é psicóloga. Ademais, o centro está situado no centro da vila e iso é bo para poderen manter as súas relacións sociais, ir ao mercado, a unha feira ou a unha cafetaría, á farmacia e ver aos seus veciños e non se rompen as súas relacións sociais.

“Trátase de non perder nunca o arraigo, as raíces, na zona onde te criaches. Teñen moi fácil tamén poder ir á casa”, detalla. As visitas tamén son máis constantes porque están preto. Non é o mesmo que se tivesen que desprazarse a outra provincia galega ou a outra cidade, que podería repercutir nunha sensación de abandono. “Algo que eu atopo moi positivo desde o punto de vista psicolóxico é que a maior parte son veciños. Todos procedentes das mesmas xeracións e coñécense todos, polo que todo iso crea moitísimo vínculo”, subliña a responsable do centro. 

Fernández Peleteiro destaca o traballo de todo o equipo para conseguir que o centro sexa “como a súa casa” e para iso ten que ser un centro aberto, onde poder vir de visita e saír comer, por exemplo

Unha persoa asistente á celebración do Día das Persoas Maiores, o pasado 10 de outubro en Lugo. CC-BY-SA Deputación de Lugo

“Estamos facendo todo o noso traballo e poñendo todo o noso empeño en que isto non sexa unha residencia ao uso”

“Estamos facendo todo o noso traballo e poñendo todo o noso empeño en que isto non sexa unha residencia ao uso”, indica Mª Paz Fernández. “Estamos intentando facer un cambio asistencial e tamén un cambio no modelo das residencias. Isto no é nin unha gardaría, nin un hospital. Ten unha decoración digna de persoas maiores e non hai cadeiras de rodas por aí ciscadas”, detalla. Ao tempo que explica tamén a importancia de coidar o ambiente no centro. “Sempre procuramos que non haxa elementos estresores, que sexa un lugar de paz e tranquilidade. Que non se lles trate como a nenos pequenos con debuxos infantís como fan noutras residencias”, asegura a responsable. 

As persoas melloran

“Con toda a honradez e toda a sinceridade, podo dicir de corazón que os residentes melloran nas nosas residencias: comen mellor, non teñen a soidade que ao mellor tiñan nas súas casas, gústalles estar na residencia. Eu véxoos felices”, indica a responsable do centro de Castroverde, que explica que teñen algunhas persoas usuarias que xa estiveran en grandes residencias e elas mesmas “din que isto non ten nada que ver, que é a súa segunda casa, que están felices e iso para nós é o que máis nos motiva para seguir traballando”.

É o caso de Celia Rivera, de 86 anos, quen é residente do centro de maiores de Castroverde desde o 1 de abril de 2022. Veciña da vila, asegura estár “contentísima” porque está “moi próxima á miña casa e coñezo a todos os que estaban dentro”, indica. “Estou tan contenta ou máis ca na casa, porque estou cerquiña, poden vir verme cando queren. Se teño que ir ao médico ou a algún sitio vén a nora e lévame”, explica Celia Rivera. 

"O primeiro día que entrei aquí xa me saudaron todos e xa quedei como na miña casa", relata Celia Rivera, de 86 anos

“Aquí dentro non teño que pedir nada de nada. Nin de limpeza, nin de comida, nin de trato”, relata a usuaria do centro de Castroverde ao tempo que recorda como foi a chegada hai ano e medio: “Eran xa todos coñecidos e o primeiro día que entrei aquí xa me saudaron todos e xa quedei como na miña casa. Se pedimos algo é que estamos tolos”, subliña.

Estela Villalda, traballadora social da Deputación de Lugo e adscrita tamén no centro de atención a maiores de Ribas de Sil, detalla a atención personalizada que fan desde a Administración incluso antes de que a persoa sexa usuaria da residencia.

“Facemos unha valoración global da persoa na súa contorna. Unha persoa cando fai unha solicitude non vai á Deputación de Lugo e senta nunha mesa para que a valoren, senón que ou son as traballadoras sociais dos servizos sociais comunitarios quen van aos domicilios dos seus veciños ou somos nós as traballadoras sociais da Deputación de Lugo as que nos desprazamos a calquera punto da provincia a unha casa particular para facer esa valoración social e saber que tipo de necesidades de atención ten, cal é a súa rede de apoio familiar e social, con que recursos sociais conta antes de acceder ou que problemáticas sociais, a nivel asistencial ou sociosanitario presenta”, detalla.

Celebración do III aniversario do Centro de Atención a Maiores da Fonsagrada. CC-BY-SA Deputación de Lugo

“Aquí as persoas non son un número nin un grao de dependencia", explica Estela Villalda, traballadora social

Isto, segundo explica Estela Villalda, é algo que os diferenza doutros modelos e que lles permite partir dun coñecemento maior da persoa antes de que acceda a ser usuaria da residencia. “Aquí as persoas non son un número nin un grao de dependencia. As persoas teñen un informe de valoración social que facemos as traballadoras sociais e teñen unha análise das súas necesidades”, subliña. A traballadora social explica que ese coñecemento permite realizar ingresos mellor programados. Por exemplo, co coñecemento de que unha persoa tiña problema de sono na súa casa, “xa podes pensar no cuarto ou no compañeiro máis axeitado”, indica.

Estela Villalda tamén pon en valor o número reducido de usuarios destes centros, xa que permite facer novas interaccións sociais, reencontrarse con outros veciños e fan un ambiente máis comunitario e personalizado. Ademais, tampouco non hai moita rotación de xente. As traballadoras que hai mantéñense e os usuarios son os mesmos. “Nos centros grandes hai traslados, altas e baixas. Pero nestes centros pequenos da contorna as baixas son moi contadas e o que lles permite é ter unha serie de relacións efectivas con outros usuarios” indica, para os que están ben. “E para os que teñen un deterioro cognitivo é moi positivo ver sempre as mesmas caras. Así están máis tranquilos”, subliña.

Trátase, en resumo, de permitir unha atención máis personalizada. “Sabes quen son, de onde veñen e as súas historias de vida. Sabes que a este usuario lle morreu o fillo e por iso sofre moito cando se fala de accidentes, por exemplo”, asegura Estela Villalda. Deste xeito, indica,  poden traballar con eles de acordo ás súas expectativas e a súa traxectoria de vida, que é fundamental. Se unha persoa na súa casa tiña algo importante para ela como un cadro pintado pola súa neta, pois pode traelo. Ou a súa máquina de coser. Ou manter as afeccións como ir xogar ás cartas ao local social.

Visita dun bebé ao Centro de Atención a Maiores de Meira. CC-BY-SA Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.