O pasado mes de febreiro supuxo a baixada do paro en 343 persoas en Galicia e a creación de case 5.000 empregos, unha mellora nas cifras que os sindicatos advirten, ás portas do 8M, que non palian aínda a "situación de inxusta desigualdade que sofren as mulleres no mercado laboral galego".
Seis de cada dez persoas desempregadas en Galicia son mulleres. Nun mercado laboral no que o persoal feminino caracterízase "por unha menor actividade e ocupación, máis desemprego, segregación horizontal e vertical, maior temporalidade e parcialidade, fenda salarial e a asunción de tarefas e coidades familiares". "Todos eles factores que seguen a lastrar a súa vida laboral e a das súas carreiras profesionais", como destaca UGT no seu informe sobre a situación sociolaboral da muller en Galicia, feito público este mércores co gallo do 8M.
O documento, que recoñece "tímidos avances" para as mulleres "grazas a medidas como a mellora do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e a reforma laboral", coincide na súa publicación co apartado dedicado ao comportamento do emprego feminino que o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións sacou á luz o pasado martes coincidindo cos datos de afiliacións .
Nel destácase que no Estado hai máis mulleres traballadoras que nunca e que xa supoñen un 47,3% do total, ademais de poñer o foco no feito de que o emprego feminino crecese un 14,2% desde a entrada en vigor da reforma laboral de 2022, máis de tres puntos por riba do masculino.
Galicia é, con Asturias, a comunidade onde as mulleres teñen máis peso no mercado laboral: supoñen o 49,2% das afiliacións medias á Seguridade Social
É nestas cifras, e noutras, onde Galicia pode presumir. Porque é a comunidade autónoma, tras Asturias, onde maior porcentaxe de mulleres traballadoras hai con respecto ao total de afiliacións medias á Seguridade Social, tendo en conta os datos do pasado mes de febreiro. Supoñen un 49,24%, dato só por baixo do 49,4% de Asturias, superando todas as provincias amplamente a media estatal (47,3%) e sendo a de Lugo a de maior peso feminino no emprego, igualada coa de León, co 49,7%.
Xa que logo, practicamente a metade do emprego no país é feminino, unha porcentaxe dous puntos superior á do Estado, cifra á que Galicia chegara hai xa doce anos. A representación das mulleres no mercado de traballo galego medra de maneira paseniña pero constante, acentuada un chisco máis desde a aprobación da reforma laboral en 2022, ao igual que acontece no conxunto de España.
Case a metade do emprego en Galicia é feminino, unha cifra dous puntos superior á media do Estado
Respecto a decembro de 2021, o peso da muller no mercado laboral do Estado subiu catro décimas fronte ás case tres de Galicia, que segue destacando como unha das autonomías onde máis forza ten o persoal feminino entre o conxunto de afiliados á Seguridade Social, sobre todo en dous ámbitos que destacan sobre o resto, á marxe do dos coidados no fogar, onde a presenza feminina é case exclusiva
Referímonos aos réximes especiais de autónomos agrarios e do mar, o de traballadores por conta propia, no que se inclúen as persoas propietarias de explotacións agrícolas, e as mariscadoras, por exemplo.
As mulleres son maioría en Galicia no réxime especial de autónomos do agro e supoñen o 40% no especial do mar por conta propia
É nese ámbito, no das persoas traballadoras agrarias por conta propia, onde o número de mulleres supera ao de homes en Galicia, con 8.945 afiliacións medias en febreiro fronte ás 8.193, supondo así máis do 52% do total de persoas empregadas neste réxime especial. No conxunto do Estado, o número de varóns supón máis do dobre có persoal feminino.
Ademais, entre o total de persoas incluídas no grupo que abrangue os traballadores do mar por conta propia, as mulleres representan o 40% do mercado laboral en Galicia, máis de 3.000, dato que recolle o importante peso das mariscadoras nun réxime especial no que no conxunto de España o emprego feminino non chega ao 30% (28,2%).
Ademais, en canto ao réxime de persoas empregadas do fogar, en Galicia as mulleres supoñen o 97,6% do total, fronte ao 95,71% no Estado, unha mostra máis do que é unha profesión totalmente feminizada e, polo xeral, altamente precarizada.
Sexa como for, o Goberno de España destaca ao debullar os últimos datos da Seguridade Social que a mellora do emprego entre as mulleres é do 14,2% desde o ano previo á aplicación da reforma laboral, o que supón 3,2 puntos de crecemento máis que nos homes. En Galicia, nese mesmo período desde decembro de 2021, o emprego feminino medrou un 9% fronte ao 6,7% do masculino, 2,3 puntos máis.
O emprego feminino creceu un 9% desde a aplicación da reforma laboral, fronte á suba do 6,7% no masculino
Malia todo, tal e como reflicte o informe de UGT Galicia publicado este mércores, e segundo os datos da EPA do ano 2024 (media anual), a poboación activa feminina no país é inferior á masculina en 34.900 persoas, cunha taxa de actividade do 49,4%, fronte ao 57,4% no caso dos homes, o que supón unha diferenza de case oito puntos.
A de Galicia ten, daquela, a terceira taxa de actividade feminina máis baixa do Estado, só por riba de Asturias, cun 47,7%, e Extremadura, cun 49,4%.
O informe destaca que "aínda que a principal causa da inactividade entre as mulleres, igual que no caso dos homes, é estar en situación de xubilación, a esta séguelle de preto a causa marcada como 'labores da casa'. Hai 627.400 mulleres inactivas, fronte a 482.300 homes, e, destas, 355.200 o son por ser xubiladas e 143.600 por 'labores da casa", destaca. No caso dos homes, 327.400 están en situación de inactividade por xubilación e por 'labores da casa' tan só hai 19.000.
"A falta de corresponsabilidade no fogar eríxese como un dos principais factores que lastran as mulleres, frean o seu acceso ao mundo laboral e, cando están nel, minoran as súas carreiras profesionais", destaca UGT, que sinala tamén que de cada cen persoas ocupadas, 48 son mulleres, a pesar de representar o 52,3% da poboación.
Por outra banda, e tendo en conta os datos da EPA dos que tira o informe, o gran foco de ocupación feminina céntrase nos servizos, representando as mulleres o 58% do total (o 84,7% das mulleres ocupadas o están neste sector). Na agricultura, gandería, caza e silvicultura, as galegas representan o 39,8%. A porcentaxe baixa ao 28,4% no caso da industria, o 20,7% na pesca e acuicultura e o 8,9% na construción.
Ademais, tan só o 30,8% dos postos de dirección e xerencia son ocupados por mulleres e tan só o 1,5% das mulleres ocupadas o están nestes postos.
Máis temporalidade e parcialidade
En canto aos efectos da reforma laboral aprobada a finais de 2021, o informe destaca que "está a transformar o mercado laboral cara á estabilidade en ambos sexos". No 2024 a taxa de temporalidade foi do 19,3% entre as mulleres e do 12,6% entre os homes, cando en 2019 a masculina era do 25,1% e a feminina do 27,8%. Con todo, de toda a poboación asalariada con contrato temporal, o 60,3% aínda son mulleres. En canto á contratación indefinida, se no 2021 a porcentaxe era do 9,3%, entre as mulleres, en 2024 pasou do 30%.
Outro conto é a parcialidade, que UGT Galicia destaca que "ten rostro de muller": o 74,6% dos contratos a tempo parcial corresponden a mulleres e do total das mulleres ocupadas, o 20,8% teñen contrato parcial, fronte ao 6,6% de homes.
Ademais, das persoas que teñen contrato a tempo parcial por responsabilidades familiares, 32.400 son mulleres e 3.700 homes. No caso das reducións de xornada por garda legal (de menores de 12 anos), o 76,4% son solicitadas por mulleres, mentres que no caso das excedencias por coidado familiar ascenden ao 84,6% no caso das mulleres.
As traballadoras galegas perciben un salario medio anual de 20.840 euros fronte aos 25.527 dos homes, unha fenda salarial do 22,5%
Por outra banda, e tendo en conta o último informe neste ámbito publicado por CCOO Galicia, as mulleres galegas perciben un salario medio anual de 20.840 euros, fronte aos 25.527 euros dos homes, o que supón unha fenda salarial do 22,49% e case 5.000 euros menos ao ano. Unha situación que se "agrava" na xubilación, onde a diferenza nas pensións ascende ata o 31,72%. "En termos relativos, isto significa que as mulleres en Galicia traballan gratis arredor de 82 días ao ano en comparación cos homes. Case tres meses", advirte o sindicato.
A fenda salarial, lembra CCOO, continúa afectando as mulleres en todas as etapas da súa vida laboral e na xubilación. "A situación de subordinación sociolaboral das mulleres perpetúa unha retroalimentación que converte a desigualdade en discriminacións", insiste a central sindical, que aclara que a loita pola erradicación da fenda salarial é unha "cuestión de xustiza social".
O sindicato insiste en que, a pesar dos progresos logrados coa reforma laboral e a obrigatoriedade dos plans de igualdade, "a desigualdade retributiva segue sendo unha realidade en Galicia".